Saltar ao contido

María García e Iago Martínez, reuníronse con María Barral para falar dos retos que teñen que planearse para unha poboación de case medio millón de habitantes

Malia que nos últimos dous anos non houbo avances, a área metropolitana é unha aposta decidida da Marea Atlántica, moi presente nas conversas abertas co goberno local

A voceira da Marea Atlántica, María García, e o vicevoceiro, Iago Martínez, mantiveron unha xuntanza esta mañá coa alcaldesa de Betanzos, María Barral, continuando coa rolda de contactos das últimas semanas e como xa fixemos en Sada, Oleiros, Cambre, Bergondo, Abegondo  e Arteixo.

“Temos por diante o desafío, tan interesante como complicado e ambicioso, de artellar unha área metropolitana que se axuste á realidade que estamos vivindo: A Coruña xa non cabe nun só municipio, vivimos e traballamos entre concellos”, apunta María García, que reitera: “A auga, a mobilidade, a vivenda, en xeral, todos os servizos públicos da área teñen que atender a moita máis xente que a que establecen os marcos de cada concello, por iso estamos contrastando estes temas hoxe en Betanzos ao igual que co resto das alcaldías da área”.

Cómpre avanzar na redacción dun anteproxecto de lei

Darlle un novo pulo a área metropolitana e vertebrala administrativamente, tal e como iniciou Xulio Ferreiro no pasado mandato coa Mesa de Alcaldes, é un paso fundamental. Cómpre avanzar na redacción dun anteproxecto de lei para levar ao Parlamento de Galicia e recuperar esta senda cooperativa entre os concellos da área e así o está a trasladar a Marea Atlántica nas conversas deste días co PSOE coruñés.

A auga, a xestión de residuos e, máis concretamente, o futuro da planta de Nostián, resolver as enormes carencias de transporte público e mesmo establecer novas estratexias conxuntas no eido da vivenda, son cuestións que precisan dunha ollada metropolitana.

Trasladásmoslle á alcaldesa de Betanzos a necesidade de recuperar a vontade metropolitana iniciada no 2016 coa Mesa dos Alcaldes