Saltar ao contido

Na Coruña preto de 8.000 menores de 18 anos se atopan en situación vulnerable  

Despois de anos liderando en Galicia o gasto social, en 2020 prodúcese un retroceso significativo neste eido

As dificultades para acceder á vivenda e a desigualdade nas cidades son as grandes sinaladas 

O Grupo Municipal da Marea Atlántica alerta da alta taxa de pobreza infantil na Coruña, logo da recente publicación do “Alto comisionado para la lucha contra la pobreza infantil” do estudo Geografía de la pobreza infantil en España.

Segundo a concelleira da Marea Atlántica, Silvia Cameán, “Estamos a falar dunha taxa elevadísima de nenos, nenas e adolescentes ás portas da pobreza, un 22.2%. Son preto de 8.000 menores de 18 anos en situación vulnerable e cada vez estamos recibindo máis avisos da veciñanza con dificultade para acceder aos servizos sociais do concello”.

A publicación do mapa da pobreza infantil en España alerta dunha “migración” da pobreza infantil ás zonas urbanas e sinala especialmente á desigualdade de rendas e ás dificultades para acceder a unha vivenda digna. Por outra banda a enquisa do INE sitúa a taxa de risco de pobreza en Galicia no seu nivel máis alto nos últimos dez anos, superando a media estatal. “Neste momento resulta desalentadora a pouca dilixencia do goberno local na área de servizos sociais” incide a concelleira Cameán e lembra que “logo de anos liderando en Galicia o gasto social por habitante, nun momento de crise como este, como pode ser que o Ministerio de Facenda indique A Coruña retrocede en gasto social?”

Peche da Unidade de Saúde Mental Infantil

Neste contexto temos que lembrar o recente peche da Unidade de Saúde Mental Infantil no centro cívico de Eirís, polo que preguntaremos no vindeiro Pleno de setembro. A USMI leva aberta moitos anos e trátase dun servizo de apoio á infancia que se prestaba con personal do Concello e, no canto de melloralo e reducir as listas de agarda cando a pandemia deixa as consultas pediátricas ateigadas de nenos e nenas con problemas de ansiedad e depresión, retiran o servizo.

A taxa de pobreza infantil na Coruña se sitúa no 22,2% mentres o Concello retrocede en gasto social