Saltar ao contido

Manifesto

Chegaches ata aquí buscando asinar o manifesto da Marea Atlántica e sumarte ao proxecto das persoas do común. Grazas!

Ata hai pouco, nesta páxina tamén amosabamos a listaxe das persoas que querían facer público o seu apoio á Marea Atlántica, mais en cumprimento da nova lexislación europea de protección de datos (GDPR), retirámola.

Manifesto da Marea Atlántica

Sabemos que este sistema non deixa de crear inxustiza e desigualdade. Que os recortes nos servizos públicos, deseñados por unha minoría ao ditado do poder económico, os estamos a padecer nós, o 99%. Que coa escusa da crise se están a multiplicar a emigración, o desemprego e a pobreza e que somos maioría as que pensamos que xa é abondo. Que chegou a hora de cambiar as cousas dunha vez.

Na Coruña sabemos ben o que é ser unha cidade de mareas vivas. Por iso queremos sumarnos á rebelión democrática que vén, esa marea que despois de percorrer as rúas se propón agora poñer as institucións ao servizo da xente. Queremos apropiarnos das ferramentas necesarias para combater a desigualdade e construír unha cidade e un país distintos. E imos comezar pola Coruña. Porque a coñecemos e a imaxinamos doutro xeito.

Merecemos unha cidade sen corrupción nin desafiuzamentos. Unha cidade libre de especulación. Unha cidade para as persoas, para a convivencia e a realización individual e colectiva, non un escaparate. Unha cidade sen complexos, acolledora e á vez orgullosa da súa lingua e a súa cultura.

Unha cidade sen exclusións de ningunha caste. Unha cidade á medida dos e das de abaixo.

Non estamos sós nin soas. E tampouco acabamos de chegar. Precédennos movementos plurais e moitos anos de mobilización e organización dende abaixo.

Pero o pulso popular e a urxencia da época indican que chegou o momento de facelo: podemos gañar e recuperar María Pita.

Pensamos que é o momento de abrir un proceso que consiga sumar forzas de cara ás eleccións municipais do ano vindeiro.

Necesitamos un espazo de confluencia, no que caibamos todas e todos, arredor dun desexo común: acabar coas políticas ditadas polas elites e o poder económico e rescatar a democracia, secuestrada polo bipartidismo tamén no ámbito municipal.

Propoñemos iniciar un proceso, barrio a barrio, que vaia máis alá dos nomes propios, dende a diferenza pero con xenerosidade. Construír un espazo liberado dos grillóns da vella política, baseado no protagonismo da xente. Procurar un novo xeito de organizar a vida en común, honesto e transparente, construído pola cidadanía, ao servizo da cidadanía e baixo o control da cidadanía. Un ciclo radicalmente democrático e participativo, sen peaxes e con capacidade para ilusionar a maioría social, todas e todos nós.

Chegou a hora da MAREA ATLÁNTICA.

E ti, tamén ventas a marea?
Asina para que suba de vez.

Asina o manifesto

    SiNon

    Os comentarios están pechados.