Saltar ao contido

As alcaldías da comarca, convocadas por Xulio Ferreiro como rexedor da Coruña, trazaron naquel foro unha folla de ruta común en materia de medio ambiente, mobilidade, residuos, emprego, innovación e xestión integral do ciclo da auga

Tras dous anos de desinterese, é o momento de reactivar a axenda metropolitana e avanzar, con iniciativas concretas, nos grandes debates que van definir o noso futuro

 

A voceira da Marea Atlántica, María García, e o vicevoceiro, Iago Martínez, mantiveron hoxe un encontro coa alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez, dentro da rolda de xuntanzas que están a celebrar cos concellos da área metropolitana da Coruña. “Como fixemos estes días con Sada, Oleiros e Cambre, quixemos escoitar á rexedora de Bergondo e trasladarlle o firme compromiso do noso grupo coa reactivación do proxecto metropolitano da Coruña, cuestión que formará parte das conversas que imos iniciar co PSOE en María Pita”, resume García.

A mobilidade foi un dos eixes deste encontro, sendo a falta de alternativas de transporte público un problema que afecta a Bergondo desde hai décadas, e ao que a Xunta non parece disposto a dar solución. Os problemas de acceso a un concello que, ademais, ten un dos focos de solo industrial da comarca, prexudican a todo o tecido metropolitano. Por iso volvemos insistir na necesidade de crear unha autoridade única de transporte, tal e como se reclamou desde a Mesa de Alcaldías en 2018, impulsada por Xulio Ferreiro.

Na xuntanza tamén se trataron outros retos que precisan, necesariamente, dunha perspectiva metropolitana, como é o caso do tratamento de residuos, sendo fundamental a defensa do modelo de Nostián, lastrada pola falta de interese do goberno da Coruña nos últimos anos, ou a xestión integral do ciclo da auga. No mandato da Marea Atlántica déuselle un impulso decidido á Área Metropolitana, pero nos dous últimos anos se está a abandonar o compromiso de redactar un anteproxecto de lei que trasladarlle ao Parlamento de Galicia, necesario para a creación deste organismo supramunicipal. É o momento de retomalo.

Máis alá da lei, como recordaron García e Martínez esta mañá, o proxecto metropolitano implica desafíos múltiples que precisan de canles permanentes de diálogo e traballo común dos diferentes concellos. Esas prioridades, e os instrumentos para abordalas, foron xa definidas en 2016 nos chamados Acordos de Mariñán, impulsados polo goberno da Marea Atlántica.

Tramitímoslle á alcaldesa de Bergondo a necesidade de retomar a senda metropolitana definida en 2016 nos Acordos de Mariñán