Este documento político foi aprobado na Marea Viva 2020-21
1. Introducción.
A Marea Atlántica é herdeira directa das pretensións de cambio cidadá expresadas polo 15M nun Réxime do 78 que se presentou incapaz de canalizar o descontento das maiorías. Incapaz fronte a unha estafa que chamaron crise e que só respondeu aos intereses das elites. Incapaz tamén de responder ás aspiracións democráticas dos pobos sen Estado. Incapaz, finalmente, de abrir á participación unhas institucións e un marco normativo que son xa doutro século.
A Marea é tamén herdeira como forza galega, da primavera democrática que representou no noso país o Nunca Máis e o proceso de resistencia popular nos estertores do fraguismo.
Esta vaga que nos fixo soñar con outro mundo posible chega ao 2020 cunha composición diferente e cunha forza outra, pero mantendo os seus desexos de transformación intactos. Como diciamos nas prazas, “non marchamos, mudamos de lugar. E sabemos o camiño de volta”. É claro o impasse -un impasse marcado tamén por erros dos procesos que fomos chamados a dar continuidade ao 15M-, pero o potencial transformador segue presente. Presente na autoorganización popular nos barrios da nosa cidade para enfrontar a crise traballando en redes de apoio mutuo, presente en accións de defensa dos nosos dereitos económicos e sociais, presente nas loitas contra a especulación, por un planeta sostible, pola igualdade de xénero ou pola recuperación das nosas memorias colectivas. Seguen a querernos en soidade, seguimos a responder en común.
É fundamental que saibamos ler este momento no social e posicionarnos nestes escenario, do que formamos parte ao xeito que sabe a Marea Atlántica: acompañando, apoiando e incoporando recursos, forzas e ganas aos procesos de cambio, sen caer nas tentacións de cooptación tan presentes noutras forzas políticas da esquerda tradicional. Podemos e debemos seguir estando presentes nos movementos sociais como sempre fixemos. E somos quén, tamén, de actuar como vehículo e instrumento para que as demandas que xorden na base se traduzan en influencia na institución e na definición de políticas públicas.
Ser, en fin, unha ferramenta útil para a transformación social.
Celebramos esta Marea Viva nun contexto moi particular, e dende logo moi diferente daquel no que vivimos a anterior edición. O actual momento político para a Marea Atlántica vén marcado por tres elementos fundamentais que teñen que ser tidos en conta en calquera análise política que se queira facer e que necesariamente vai condicionar o posicionamento que saia desta Marea Viva: 1) O noso paso de forza de Goberno na Coruña á oposición fronte ás políticas e modelo de cidade que representa nestes momentos o Partido Socialista da Coruña; 2) O fin do ciclo político da confluencia, cando menos nos termos nos que foi deseñada entre 2014 e 2019; 3) A situación social, económica e ecolóxica de crise sistémica, agudizada pola pandemia da COVID-19.
2. Coruña S.A. e a Marea Atlántica.
As eleccións municipais do 2019 supuxeron a perda da Alcaldía da Coruña e o noso paso á oposición tras ter apoiado na investidura ao goberno en minoría do PSdG-PSOE. O resultado electoral do 2019 non foi o que agardabamos, e a pretensión coa que nos presentamos, a de afortalar e consolidar un goberno municipal que fose ferramenta útil para os de abaixo e impulsor dun modelo de cidade solidaria, sostible e próxima non puido acadarse. As causas desta derrota foron analizadas no seu momento, no que a Marea Atlántica asumiu os seus erros que, porén, non poden ser desligados do contexto nos que a nosa acción de goberno se desenvolveu, as conclusións tiradas dest análise deben servirnos para aprender e construír o futuro da Marea Atlántica, o que debe ser o obxectivo principal deste documento.
O modelo de cidade que se propuxo dende o goberno municipal no período 2015-2019 e que se pode reflictir no lema “Coruña Próxima” segue a ser un modelo válido. Pensar o goberno da cidade dende a proximidade, no social, no económico, no desenvolvemento urbano e na participación nas redes territoriais e de comunicación é hoxe, tanto como en 2015, o xeito correcto de abordar a xestión da cidade. A validez do modelo pode verificarse non só na coincidencia cos principios políticos e éticos que sustentan a Marea Atlántica, senón tamén no feito incontrovertible de que este modelo non foi impugnado nin polos nosos rivais electorais nin polo electorado en si mesmo. En todo caso, impugnouse a nosa capacidade para poder levalo adiante e ofrecer resultados visibles nun só mandato, cuestión que, certa ou non, foi o fío principal do debate electoral do 2019. Pero este mesmo modelo de cidade foi o defendido – no seu discurso – polas forzas políticas que conformaron a maioría que posibilitou a investidura da actual alcaldesa da Coruña. Semellante conclusión pode extraerse tamén do resultado na nosa cidade das eleccións autonómicas e xerais nas últimas convocatorias.
Outra cousa é a praxe. Dende ben axiña puidemos ver que o proxecto político do PSdG-PSOE na Coruña vén ser unha restauración da orde vazquista que foi o modelo de gobernanza que, dende as eleccións municipais de 1981 rexeu esta cidade e que só a Marea Atlántica tivo intención de relegar ao pasado. As probas desta afirmación son evidentes, a política urbanística, na que o Goberno municipal volve ir da man dos poderes fácticos e económicos presentes na cidade, exemplificados no caso de Percebeiras ou de xeito moito máis palmario, nos novos deseños de proxectos estratéxicos de cidade, como o Borde Litoral ou a Cidade das TIC, volven a poñer de manifesto que a alianza político-económica que loitou sen descanso polo noso desaloxo do goberno municipal fíxoo porque nos viu como un obstáculo para acadar a efectividade da súa axenda urbana, moi diferente da nosa. Se a este eixo principal engadimos o do clientelismo, a involución democrática e a aposta pola cidade espectáculo, ademais do desmantelamento das políticas sociais, de participación, educativas, etc. de proximidade impulsadas pola Marea Atlántica, o cadro vaise completando perfectamente como unha reinterpretación da vella orde vazquista.
Fronte a isto, a acción institucional da Marea Atlántica debe ser a de defender un modelo de cidade inclusivo e solidario, sostible e humano, que compense os déficits históricos entre os barrios e o centro da cidade. A defensa deste modelo debe facerse de acordo cuns eixos principais:
- Forzar ao goberno municipal, utilizando cando sexa posible a nosa forza no Concello para levar adiante políticas ao servizo da maioría.
- Non apoiar todas aquelas actuacións que, dun ou doutro xeito supoñan na práctica a restauración vazquista.
- Liderar a oposición á alianza PSOE-PP- grupos de interese, propoñendo políticas acordes co modelo de cidade próxima.
En todo caso, o ciclo 2015-2019 amosou algo que non por intuído deixa de ser certo: a insuficiencia da acción institucional que, pese a ser imprescindible no actual contexto para os procesos de transformación social, debe ser acompañada polas alianzas necesarias que permitan substituír o modelo de gobernanza da restauración vazquista por un modelo diferente onde os elementos máis activos da sociedade poidan participar nas políticas públicas, impulsar a acción de goberno e defender estas políticas fronte aos ataques dos poderes reaccionarios.
3. O municipalismo como guía de actuación.
“Sabemos que este sistema non deixa de crear inxustiza e desigualdade. Que os recortes nos servizos públicos, deseñados por unha minoría ao ditado do poder económico, os estamos a padecer nós, o 99%. Que coa escusa da crise se están a multiplicar a emigración, o desemprego e a pobreza e que somos maioría as que pensamos que xa é abondo. (…) Por iso queremos sumarnos á rebelión democrática que vén, esa marea que despois de percorrer as rúas se propón agora poñer as institucións ao servizo da xente. Queremos apropiarnos das ferramentas necesarias para combater a desigualdade e construír unha cidade e un país distintos. E imos comezar pola Coruña. Porque a coñecemos e a imaxinamos doutro xeito.
Merecemos unha cidade sen corrupción nin desafiuzamentos. Unha cidade libre de especulación. Unha cidade para as persoas, para a convivencia e a realización individual e colectiva, non un escaparate. Unha cidade sen complexos, acolledora e á vez orgullosa da súa lingua e a súa cultura. Unha cidade sen exclusións de ningunha caste. Unha cidade á medida dos e das de abaixo (…). Necesitamos un espazo de confluencia, no que caibamos todas e todos, arredor dun desexo común: acabar coas políticas ditadas polas elites e o poder económico e rescatar a democracia, secuestrada polo bipartidismo tamén no ámbito municipal.
Propoñemos (…) Construír un espazo liberado dos grillóns da vella política, baseado no protagonismo da xente. Procurar un novo xeito de organizar a vida en común, honesto e transparente, construído pola cidadanía, ao servizo da cidadanía e baixo o control da cidadanía. Un ciclo radicalmente democrático e participativo (…) con capacidade para ilusionar a maioría social, todas e todos nós”.
Con estas frases iniciabamos a nosa andaina en 2014. Todos os principios que enunciabamos daquela seguen vixentes hoxe. A necesidade de facer política doutro xeito, dende a proximidade, dende os desexos comúns, dende as necesidades cotiás do 99%, seguen presentes. A necesidade da Marea Atlántica segue presente. Porén, os tempos son outros e a situación política é outra ben diferente. Cómpre adaptar a acción política e estratéxica dende a fidelidade aos nosos principios fundamentais aos tempos actuais e á situación realmente existente.
A Marea Atlántica debe seguir sendo un espazo acolledor onde a política se entenda como un instrumento para a satisfacción das necesidades das maiorías sociais. Debemos loitar por sumar e por dar protagonismo aos desexos compartidos fronte ás identidades e ás visións profesionais da política. Se en 2014 estes obxectivos esixían que a Marea Atlántica formase parte dunha onda de cambio en todo o estado español, cos ecos do 15-M resoando nas nosas cabezas, hoxe cómpre actualizar eses principios tendo en conta a nova situación cíclica que se abre tras as eleccións locais e xerais de 2019.
Se en 2014 estes principios esixían dunha fronte popular cidadanista que aspirase a recoller o apoio de partidos políticos novos ou con tradición na defensa das maiorías sociais, baixo o liderado da cidadanía, a redefinición do noso proxecto político hoxe debe realizarse dende as coordenadas da proximidade, dende a acción cotiá de persoas e organizacións políticas que sigan acreditando na potencia do común, sen renunciar a alianzas máis amplas e a tecer redes de solidariedade e afinidade con movementos políticos de todo o país, das diversas nacións do estado español e cos movementos globais cos que compartimos valores e principios políticos: dende o municipalismo.
Non podemos obviar que organizacións políticas e persoas que apostaron pola confluencia en 2014 hoxe teñen tomado un camiño diferente. Non debemos renunciar a poder atoparnos en certos contextos nin a novas alianzas futuras, pero tampuco debemos subordinar a nosa acción política ás decisións tomadas por outras. Debemos seguir o noso propio camiño. Este camiño pasa pola defensa dos nosos principios fundacionais e por unha acción política acorde cos mesmos, cunha pata no institucional e outra no social, ampliando a nosa base social e coidando as alianzas existentes.
Esta acción política debe pasar por afianzar o proxecto municipalista na Coruña, ampliando a nosa rede e enunciándoo de xeito positivo e útil para as maiorías sociais.
Debe pasar por axudar a reconstruír a rede municipalista en Galicia, presente en ducias de Concellos, mais illada e orfa dunha estrutura común na que cooperar e retroalimentarse, prestando especial atención á nosa contorna xeográfica inmediata, a Área Metropolitana da Coruña, onde se fai prioritario tecer alianzas e procurar fórmulas de colaboración coas forzas municipalistas existentes.
Debe pasar por axudar a unha reconstrución do espazo do cambio no estado español, no que recuperar complicidades. Dende logo co municipalismo que se artellou de xeito imperfecto mais solidario baixo as chamadas “Cidades do Cambio”, pero tamén dos proxectos que acreditan dos procesos de democracia radical nas diferentes nacións do estado español. Por último, debe incluír un esforzo por incorporarnos ás redes cidadanistas e municipalistas globais que, dende América Latina ata Europa están a traballar por un proxecto de cambio económico e político acorde cos principios defendidos pola Marea Atlántica.
4. Crise sistémica e novo modelo económico e social
Evidentemente, nin estas alianzas nin o posicionamento político local son cuestións meramente tácticas para a Marea Atlántica. Deben realizarse de acordo cun horizonte compartido de transformación política global. A situación social e económica hoxe non é mellor que a existente hai seis anos. Os ecos da crise de 2008 estaban aínda presentes e tiñan significado cambios estruturais na sociedade da nosa cidade e do noso país, acordes a un escenario de rearme ideolóxico e político da hexemonía neoliberal. A esta situación veuse a sumar a crise sanitaria provocada pola pandemia da COVID cuxos efectos, tal e como estamos vendo, van máis alá do relativo á saúde pública, sendo estes moi preocupantes, de carácter económico e social. Nesta situación, que previsiblemente vaia empeorar nos vindeiros tempos, vanse contrapoñer dous proxectos: por unha banda o hexemónico, que vai utilizar unha vez máis a situación de crise para impoñer a súa axenda individualista e de mercantilización da vida social, dos coidados e da natureza, e por outra banda, un proxecto contra-hexemónico de defensa do común, das redes de solidariedade e dunhas condicións de vida dignas para toda a sociedade. Neste segundo, evidentemente, debe estar a Marea Atlántica.
As liñas mestras deste proxecto global no que debemos incardinarnos veñen a coincidir cos principios básicos que a Marea Atlántica enunciou como guías de actuación no ano 2014, que compre adaptar aos tempos actuais, pero que seguen completamente vixentes: garantir unha vida digna para todas as persoas, construír unha economía xusta e sustentábel, forxar democracia e participación cidadá e selar un compromiso ético, un novo contrato entre a cidadanía e os seus representantes. Estas liñas mestras son:
- Defensa dos servizos públicos e do seu acceso universal e igualitario. Dende logo, unha primeira conclusión que se pode tirar da actual crise sanitaria e da súa xestión, é a necesidade do acceso universal da poboación a unha serie de recursos comúns como son a sanidade, a educación, ou os sistemas de dependencia e seguridade social, dende a perspectiva da igualdade. Anos de demolición e privatización teñen provocado que as sucesivas crises collesen a unha gran parte da poboación nunha situación de desamparo e abandono por parte da sociedade e dos poderes públicos. Esta estratexia privatizadora impacta de xeito especialmente grave nas mulleres, obrigándoas a precarizar aínda máis a súa situación laboral ou a unha volta á domesticidade. O reforzamento destes servizos públicos dende a proximidade debe ser un dos piares nos que construamos o sistema institucional post-pandemia.
- Feminismo e igualdade de xénero. Unha sociedade só pode ser xusta se todas as persoas que a compoñen teñen os mesmos dereitos e son tratadas igual. Isto, evidentemente pasa pola igualdade económica e material, mais tamén pola igualdade de xénero, étnica e afectivo-sexual, entre outras. O movemento feminista está a ser o gran impulsor das reclamacións por unha vida digna de ser vivida para todas. A Marea Atlántica séntese parte dese movemento transformador e quere seguir colaborando e prestando as súas forzas á loita feminista. De xeito coherente con isto, cremos nunha sociedade inclusiva e plural, que respecte a todas as persoas e potencie a súa autonomía, que celebre a diversidade e non tolere a discriminación.
- Loita contra a crise climática e ambiental. Seguramente un dos asuntos que máis relevancia terá nos vindeiros tempos, tanto pola dimensión do desafío global, como pola necesidade de realizar unha transición ecolóxica xusta e equitativa socialmente. Pero non só o esforzo de transición requirirá da nosa atención, senón tamén os efectos -en parte xa irreversíbeis- do deterioro ambiental e climático que provocarán no futuro próximo novas tensións socio-económicas, migracións forzadas e aumento da conflicitivade no control polos recursos naturais. O noso deber é contribuír a resolver estas tensións do xeito máis xusto posible, de acordo co respecto aos dereitos humanos e a unha distribución equitativa dos esforzos no conxunto da sociedade.
- Democracia participativa, ética e multinivel. Foi a marca de auga da Marea Atlántica dende o seu nacemento. Debemos continuar traballando por unha forma de goberno da que nos podamos sentir orgullosas. Seguir expandindo a democracia e a participación para crear unha sociedade máis xusta e equitativa. Isto pasa polo apoio ás iniciativas de autoxestión económica e social, dende os barrios, as vilas e as cidades, o soporte aos espazos de apoio mutuo, e tamén pola institucionalización de mecanismos de democracia participativa, como os orzamentos participativos, as consultas cidadás, etc. Ademais, unha sociedade máis democrática esixe que a toma de decisións se realice do xeito máis próximo ás comunidades ás que tales decisións afectan. Por iso seguiremos apostando por un reforzo da autonomía local, así como das lexítimas aspiracións do noso país para ampliar as súas cotas de autogoberno.
- Mecanismos institucionais de garantía dunha vida digna: a renda básica de cidadanía. Seguiremos apostando por unha estrutura económica que permita unha vida digna para todas. Por introducir a democracia e o dereito a decidir tamén no ámbito das decisións económicas. Mais tamén por establecer mecanismos que rematen coa precariedade dos proxectos de vida de tantas persoas, no contexto dunha economía baseada no individualismo e na mercantilización de esferas de vida cada vez maiores. Cómpre, neste sentido, non só ir a fórmulas económicas de carácter social, e a unha lexislación laboral que impida a explotación e o subemprego, ou a apostar pola economía de proximidade, o emprendemento social e o coñecemento. É preciso tamén ser ambiciosas e traballar polo establecemento de mecanismos institucionais que aseguren esa vida digna para todas, a través da renda universal de cidadanía ou mecanismos semellantes que veñan a cumprir o propósito de crear sociedades realmente inclusivas e que non deixen a ninguén atrás.
- Memoria, cultura e identidade. A Marea Atlántica séntese herdeira do Nunca Máis e do 15-M, si, mais tamén do galeguismo republicano e dos movementos autónomos do primeiro terzo do século XX, da resistencia anti-franquista e do movemento veciñal dos anos 70. Acreditamos na necesidade de recuperar e honrar a nosa memoria. Acreditamos na necesidade de manter viva a nosa cultura, a nosa lingua e a nosa identidade. Só dende o coñecemento e o respecto á memoria común e á identidade popular da nosa cidade e do noso país, construída colectivamente durante xeracións, podemos poñer as bases para un futuro de xustiza e solidariedade.