Quen somos
A Marea Atlántica é unha plataforma municipalista liderada pola cidadanía, que traballa para facer da Coruña unha cidade mellor, superando a lóxica partidista e poñendo ás persoas no centro. Nacemos de forma oficial o 22 de xullo de 2014, cun acto público que condensou moitos meses de traballo previo, e coa presentación dun manifesto que segue a representar os nosos principios básicos (e que podes asinar se queres apoialos).
https://mareatlantica.org/manifesto/
Presentámonos ás eleccións municipais en maio de 2015, con Xulio Ferreiro como cabeza de lista, e tivemos a honra de gobernar a cidade da Coruña ata 2019. Nun mandato difícil, cheo de ataques, bloqueos e obstáculos, pero no que fomos quen de deixar unha pegada importante: creamos a Renda Social Municipal, os Orzamentos Participativos, eliminamos nomes franquistas das rúas, rematamos coas touradas, baixamos o bus, multiplicamos os quilómetros de carril bici, apostamos polo feminismo, o medio ambiente e as alianzas metropolitanas e loitamos coa veciñanza para que A Coruña recupere o seu porto.
Desde 2019, na oposición, seguimos a marcar a axenda política polo ben común. A través de acordos co goberno, impulsamos algunhas das iniciativas máis relevantes deste mandato, coma a gratuidade das escolas infantís muncipais, o derrubo do viaduto da Rolda de Nelle, os plans para facerlle fronte á pandemia, ou o programa Mover os Baixos fronte aos locais baleiros. Todo isto sen deixar de denunciar os incumprimentos e os erros cometidos polo executivo local.
O 28 de maio de 2023, cun proxecto e un modelo de cidade consolidados, aspiramos a renovar a confianza da xente da Coruña, con Xan Xove como candidato á Alcadía, para seguir traballando por unha Coruña que se preocupe da vivenda, a emerxencia climática, o espazo público, a participación cidadá, a saúde mental…
Por unha cidade máis xusta, verde, democrática e feminista.
A Marea no Pazo
Concello da Coruña
Grupo Municipal da Marea Atlántica
Asesoras
Chiqui García
32.000€ bruto/ano *
Sabela Rivas
32.000€ bruto/ano *
Arturo Losada
32.000€ bruto/ano *
Deputación
Grupo Provincial da Marea Atlántica
Asesor
Brais García
32.000€ bruto/ano *
anuais. O excedente doase para financiar iniciativas sociais e políticas en beneficio da cidadanía
Como nos organizamos
A participación na Marea Atlántica é unha e aberta a todas as persoas que compartan os nosos principios políticos e desexen tomar partido na toma de decisións.
A Marea Atlántica está organizada en diferentes momentos, espazos e niveis orgánicos, recollidos
no Documento de Estrutura aprobado na Marea Viva de 2018
Marea Viva
Composta por todas as persoas asinantes do Manifesto da Marea Atlántica, reúnese de xeito bienal e é o órgano que aproba as normas de rango estatutario da Marea Atlántica.
Rede
Está composta polas persoas activas, é dicir, todas as persoas que estean integradas nalgún dos grupos, mareas, proxectos ou actividades da Marea Atlántica e superasen o proceso de benvida e acompañamento.
A Rede é o máximo órgano decisorio entre Mareas Vivas e asume a toma das decisións estratéxicas. Aproba a normativa derivada (regulamentos e protocolos) e define as liñas estratéxicas a través dun plan de actividades anual. Ten a potestade de crear novos grupos de traballo. Exerce a función de control. Será a encargada de validar o plan anual de actividades, os orzamentos e as contas da Marea Atlántica.
A Rede terá unha periodicidade mensual, canto menos. Será convocada pola Coordinadora previo informe da Área de Mediación. Calquera órgano, unidade operativa ou grupo composto a lo menos por dez persoas con dereito a asistir á Rede poderá propor á Coordinadora a inclusión dun punto na Orde do Día.
Coordinadora
É o órgano executivo colexiado da Marea Atlántica que funciona de xeito permanente.
É a encargada de garantir a prestación dos servizos xerais da organización, en orde a acadar os obxectivos definidos no plan de actividades que a Rede aprobará anualmente. Coordinará o funcionamento da organización seguindo os criterios de transparencia, eficacia, democracia interna e a observancia dos principios políticos e obxectivos da Marea Atlántica coa colaboración das unidades operativas.
Áreas de traballo
As Áreas de Traballo asumirán os servizos xerais da organización, é dicir, as tarefas que marcan o día a día da Marea Atlántica.
- Comunicación
Desenvolvera os traballos de comunicación interna e externa da organización.
- Recursos Materiais
Aasumirá os traballos de ferramentas informáticas, legal, financiamento e xestión do local.
- Mediación e acompañamento
Desempeñará o traballo metodolóxico de facilitación, así como de resolución de conflitos, e asumirá os procesos de benvida e acompañamento.
- Dinamización
Área para a innovación e a dinamización orgánica que conterá dunha parte o novo sistema de traballo por proxectos e doutra as actividades de formación e debate político.
- Relacións políticas
Asumirá o traballo vencellado á relación con outras entidades políticas e sociais.
- Grupo Municipal
O grupo encargado de desenvolver a acción institucional da Marea Atlántica, conformado polas concelleiras elixidas e o persoal de apoio.
Comisións
Desenvolverán as liñas transversais de traballo da organización, acollendo a aquelas Mareas existentes que desenvolven un traballo continuado, ou que responden a obxectivos políticos da organización.
- Territorio
A acción política da Marea Atlántica debe ter unha tradución territorial e esta Comisión traballará para que a organización poda estar máis presente no día a día da veciñanza para coñecer e satisfacer as súas necesidades, dotando á participación activa dunha dimensión territorial.
- Feminismo
A igualdade é un valor prioritario para a Marea Atlántica, que debe afondar tamén na súa feminización.
- Medio Ambiente e sustentabilidade
A actividade da Marea Atlántica debe incluír sistemáticamente criterios de sustentabilidade e respecto ao medio ambiente.
- Mobilidade
A Mobilidade é un elemento fundamental para a boa vida das persoas dentro dunha cidade. Será un aspecto importante no que traballar con continuidade.