Ante máis de 200 persoas, o candidato á Alcaldía celebrou un mitin no Campo da Leña, acompañado por Xulio Ferreiro, María García e Bea González de Canales, tras un percorrido polos barrios ao longo de toda a xornada: “Porque A Coruña hai que querela enteira, sen barrios de primeira e de segunda”
“Seguiría outros quince días de campaña, falando na rúa con todas vós, pero non é posible. A miña campaña remata aquí, o domingo comeza a vosa, a da veciñanza”, sinalou Xove
Xan Xove, candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, fixo esta tarde un chamamento a concentrar o voto do cambio na Marea Atlántica, “para escoller un goberno forte, que se atreva co que importa”. O líder da plataforma municipalista asegurou que “este domingo vai gañar unha maioría progresista, pero iso non abonda. Para os retos que temos diante, precisamos un goberno forte. Tras o goberno cativo de Inés Rey, precisamos un goberno que se atreva co que importa”. Falou así no acto de peche de campaña no Campo da Leña, ante máis de 200 persoas, no que tamén interviñeron a número 2 da candidatura, Bea González de Canales, o ex-alcalde Xulio Ferreiro, e a voceira municipal da Marea Atlántica, María García.
Xove chegou ao Campo da Leña tras un percorrido pola cidade que comezou hoxe ás nove e media da mañá, reclamou tamén “poñer os barrios no centro, e rematar coa Coruña de dúas velocidades, máis lenta canto máis nos afastamos de María Pita. Nós non imos aos barrios. Nós somos dos barrios. A Coruña hai que querela enteira”.
O cabeza de lista da Marea Atlántica comprometeuse a facer unha cidade máis xusta, defendendo o dereito á vivenda e as políticas sociais innovadoras. Unha cidade máis verde, que produza enerxía limpa e conte cunha nova mobilidade, mellores liñas de bus, mellor servizo de BiciCoruña e o liderado unha empresa municipal de transportes. Unha cidade máis feminista, espallando os coidados e libre de odio e violencias machistas. E unha cidade máis democrática, recuperando as políticas de participación cidadá e cun porto aberto, integrado e á disposición de calquera veciña, aínda que non teña apelidos ilustres.
Temos oportunidades por diante de mellorar a vida de toda a veciñanza. Temos que aproveitalas, como fixo a Marea Atlántica cando loitou pola apertura dos peiraos da man da mobilización veciñal, cando retirou as touradas, apostou pola gratuidade das escolas infantís ou puxo A Coruña á cabeza das políticas sociais en Galicia. “Xa tivemos gobernos que se dixeron progresistas, pero a praza de Millán Astray quitouna a Marea Atlátntica. Se queres que sigamos abrindo camiño, só hai unha papeleta segura este domingo. A da Marea Atlántica. Os de sempre non o van facer”, sinalou o candidato.
Que país imos construír se non temos proxecto para A Coruña?
Xan Xove lembrou que estas son unhas eleccións locais, e que aínda que queremos un cambio na Xunta e un goberno progresista en Madrid, pero o que escollemos este domingo é A Coruña: “Que país imos construír se non levamos sen un proxecto para A Coruña? Quen fai campaña falando de Madrid e de Santiago, equivócase”.
Tamén agradeceu o traballo das voluntarias e voluntarios, que percorreron os barrios sen descanso e que repartiron estes días 35.000 xornais para dar a coñecer unha das grandes diferenzas da Marea Atlántica: o noso proxecto para unha Coruña máis xusta, verde, feminista e democrática, o modelo de cidade que leva oito anos abrindo camiño. O que queremos seguir facendo a partir do domingo e para a vindeira década.
A Marea, xente de fiar
Pola súa banda, Xulio Ferreiro recordou que “a Marea foi pioneira en moitos ámbitos, que sempre nos dixeron que eran imposibles, pero que agora chegaron a ser de sentido común”. O exalcalde pediulle á veciñanza que lembre por que votou á Marea Atlántica: “Porque estabas farta da política de sempre, porque querías xente de fiar. Querías alguén que non se apoltronara nos cargos públicos. Que loitase polos peiraos. Que rematase coas touradas. Que cumprira a súa palabra. E todo iso fixémolo. Por iso, estes domingo, lembra por que votaches á Marea Atlántica e volve facelo”.
María García, puxo en valor o traballo realizado nos últimos catro anos, “pasando das paixóns tristes e remángandonos para traballar pola cidade”. Fomos decisivas, o PSOE dependeu de nós, e grazas a iso non se venderon os peiraos, as escolas infantís foron de balde na Coruña antes que en ningunha outra cidade galega, e freáronse desenvolvementos urbanísticos dos anos 90, coma Visma e Percebeiras”.
Bea González de Canales puxo en valor a campaña da Marea, realizada a pé, en bici, en bus e cara coa veciñanza. “Unha campaña verde, cara a cara, barrio a barrio. Falando coa xente e e respondendo dotas as preguntas. E coas nosas mans, sen padriños. Unha vez máis demostramos que a Marea Atlántica non é igual. Partidos hai moitos, pero Marea Atlántica só hai unha”.