O candidato da Marea Atlántica percorreu o bordo litoral acompañado polos arquitectos Pablo Gallego e Carlos Quintáns, profesores da Escola de Arquitectura da UDC, e sinalou que o porto será “a punta de lanza dun novo modelo urbanístico na Coruña, que deixe atrás a lousa dos anos 90”
“Será a Marea Atlántica a que abra camiño de novo á recuperación dos peirados dende o goberno, non o van facer os partidos que non cuestionaron os convenios de 2004 cando lles tocaba”, afirma Xove
A liberación de espazo nos peiraos de Calvo Sotelo, Batería e San Diego debe servir para conxugar innovación, cultura, mobilidade, natureza, tecnoloxía e industria pesqueira
Xan Xove, candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, comprometeuse hoxe a aproveitar a transformación do bordo litoral da cidade para “converter a ría, o grande espazo público da cidade e os concellos veciños, nunha oportunidade para facer área metropolitana”. As dársenas interiores sumarán centos de milleiros de metros cadrados á Coruña, que son unha oportunidade de conxugar innovación, cultura, mobilidade, natureza, tecnoloxía e industria pesqueira. “A Marea Atlántica abriu camiño cando puxo en cuestión os convenios de 2004, algo que outras forzas políticas non fixeran no seu día. E volverá abrir camiño no próximo mandato, dende o goberno, dándolle o impulso definitivo á recuperación dos peiraos para a cidadanía. Non o van facer os partidos que non cuestionaron a venda do bordo litoral cando lles tocaba”.
Esta oportunidade inclúe crear liñas de transporte marítimo, pero vai moito máis alá. “Moitos dos municipios da área metropolitana miran ao mar, estamos conectados pola liña de costa, a cota cero, o que supón unha oportunidade para gañar espazo público á beira da auga, novos equipamentos, usos cívicos e outras formas de mobilidade, coma o bus, a bicicleta ou mesmo un tren de cercanías, aproveitando as vías portuarias sen uso”, explicou o candidato.
Xan Xove e a número 4 da súa candidatura, a arquitecta Chiqui García, reuníronse onte cos tamén arquitectos e profesores da Escola de Arquitectura da UDC Pablo Gallego e Carlos Quintáns para escoitar as súas reflexións e propostas sobre as posibilidades que abre a integración dos peiraos de Calvo Sotelo, Batería, e San Diego na cidade da Coruña. E para trasladarlles a nosa proposta de aproveitar a recuperación do bordo litoral coma “a punta de lanza dun novo urbanismo na Coruña, que nos permita por fin deixar atrás a lousa dos anos 90 e a cultura do formigón e o pelotazo”. Hai espazo, tamén, para un equipamento cultural dedicado á memoria do mar e as migracións na Coruña.
Pablo Gallego e Carlos Quintáns son arquitectos moi recoñecidos polo seu traballo e docentes na Universidade da Coruña, cunha traxectoria de proxectos moi relacionados co espazo público, e ambos coincidiron en sinalar a oportunidade que supón devolverlle á cidade a parte da súa liña de costa que agora permanece detrás duns muros.
Gallego definiu o porto coma “a porta de entrada e saída máis accesible para a contorna metropolitana”, e propuxo recuperalo coma un espazo desde o que A Coruña poida ver con claridade o horizonte. Mentes, Quintáns defendeu a creación de zonas verdes e arboredo, coma unha resposta aos retos do cambio climático e unha oportunidade para a naturalización da cidade. Unha proposta contemplada no noso programa, coa creación dun gran parque en Calvo Sotelo e Batería, dándolle continuidade a Méndez Núñez, e coa presenza de zonas verdes tamén en San Diego.
Un porto aberto, democrático e sostible
A nosa proposta para os peiraos inclúe democratizar os seus usos e a forma de acceder a eles. Onte mesmo, no percorrido con Gallego e Quintáns, Xan Xove puido comprobar que o acceso ás dársenas de Calvo Sotelo e Batería pecha cando a Autoridade Portuaria así o decide. “Se non podes visitar a exposición, non podes entrar nos peiraos. É absurdo xestionar así o acceso a un espazo público coma o porto, por iso falamos de facer máis democrático o seu uso, e tamén de abrir canles para que calquera persoa ou asociación poida propoñer actividades”, explicou Xan Xove.
Os peiraos son tamén unha oportunidade para unir a innovación, a cultura, a gastronomía ou a tecnoloxía. Pode aproveitarse outra aposta estratéxica da cidade, polas TIC e a intelixencia artificial, para desenvolver unha explotación máis sostible dos recursos pesqueiros e unha mellor trazabilidade no mercado.
E, desde logo, debe coidarse a economía pesqueira e a lonxa, unha das primeiras industrias da Coruña, algo que outras formacións políticas sempre esquecen cando falan dos peiraos. Debe potenciarse, para ser mellor coñecida pola cidadanía, e estreitar a súa colaboración co Concello. O peixe fresco da lonxa da Coruña, alimento saudable, debería estar nos comedores municipais e nos menús das escolas infantís, entre outras medidas de promoción.
Todos estes usos deben estar coordinados por un consorcio 100% público, do que formen parte o Concello da Coruña, a Autoridade Portuaria, Puertos del Estado, o ministerio competente e a Xunta de Galicia. E deben decidirse entre toda a veciñanza, cun proceso participativo amplo, non dentro dun despacho.
Aposta pola área metropolitana
Desde a Marea Atlántica renovamos a nosa aposta por darlle entidade administrativa á Área Metropolitana da Coruña, para vertebrar a cidade real, a que suma 400.000 habitante e xa, é o motor económico de Galicia. “Foi Xulio Ferreiro, coa Declaración de María Pita, quen deu o impulso metropolitano máis importante dos últimos anos. Por desgraza, Inés Rey só deu pasos atrás e nin sequera foi quen de coordinar cuestións básicas coma o contrato de Nostián. Este 28 de maio, a Marea atreverase a seguir o traballo, de novo desde o goberno da Coruña”, resume Xan Xove.