Este Regulamento de Primarias foi aprobado na Marea Viva de 2022. O calendario foi axustado tras a Rede do 22 de xuño do mesmo ano. Na Rede do 6 de outubro de 2022 recibiu as seguintes modificacións.
TEXTO REFUNDIDO DO REGULAMENTO DE ELECCIÓN DA LISTA ELECTORAL
PREÁMBULO: Contexto e obxectivos políticos das primarias
En 2023 terán lugar as terceiras eleccións municipais dende que no verán de 2014 a Marea Atlántica se presentou na Ribeira do Cómaro. Unha vez máis, debemos adaptarnos a un contexto político diferente, pero nesta ocasión contando coa experiencia, as metodoloxías e os resultados das primarias anteriores.
As primarias de 2015 foron punto de partida da candidatura dunha forza política que estaba nacendo concibida coma un espazo de confluencia.
As primarias de 2019 tiveron lugar dende unha situación de goberno. A participación da mareancia no deseño da lista priorizou a experiencia na xestión e a continuidade nas responsabilidades, que finalmente non se viron confirmadas nas eleccións municipais.
O contexto para 2023 volve ser distinto. Dende unha situación de oposición, fóra do goberno local, a maioría dos cargos electos cumpren o límite de oito anos na institución que establece o Código Ético. Imponse con isto un relevo radical nas persoas que conformen a candidatura ás vindeiras eleccións municipais.
Abordamos así un reto máis, pero tamén unha oportunidade: a de ampliar o equipo de persoas activas na primeira liña da institución e da organización, incorporar perfís que aporten enerxía e ideas innovadoras, intensificar a interlocución coa rúa e os movementos cidadáns, sen esquecer trasladar a experiencia destes anos ao traballo na Marea Atlántica.
A falta de máis dun ano para que teñan lugar as eleccións municipais, dispoñemos de tempo para deseñar unha candidatura ilusionante, que se implique na identificación dos vindeiros obxectivos políticos da Marea Atlántica e no diálogo coas entidades e movementos da Coruña.
PRINCIPIOS XERAIS
Art 1. Principios
A confección e elección da lista electoral ten que atender ao momento que vive a Marea Atlántica, ao contexto no que se desenvolven as eleccións, e aos obxectivos e criterios políticos establecidos na Marea Viva. Aténdose a estes elementos, o presente regulamento responde a estes principios xerais:
- Autonomía. As persoas que fagan uso dos espazos de deliberación e cooperación previos á formalización de candidaturas deben facelo de xeito completamente autónomo, sen que se poida impoñer esta vía. O nivel de sometemento á decisión colectiva debe ser tamén decidido polas persoas impulsoras das candidaturas.
- Igualdade de oportunidades. A organización debe manterse neutral ao respecto do proceso, sen tomar partido por ningunha das distintas opcións, no caso de que existan, e á vez dotar a todas dos recursos que soliciten, tanto materiais como de espazo, pero en ningún caso económicos.
- Igualdade de xénero. Este regulamento é o reflexo do firme compromiso da Marea Atlántica coa igualdade de xénero máis alá do que ten que ver coa paridade. Dotámonos dun clausulado no que entendemos a igualdade plena como un mínimo para avanzar na liña da necesaria feminización da política que cruza desde a nosa candidatura ata o noso traballo institucional.
- Escoita activa. As persoas comprométense a escoitar activamente ás persoas e sensibilidades que integran á Marea Atlántica nos espazos de deliberación e cooperación.
- Facilitación. O proceso terá unha metodoloxía acorde aos fins que persegue e que será común a todas as persoas que se acollan a el.
- Confidencialidade. A fin de coidar ás persoas que participen no proceso, a información persoal que poida introducirse no mesmo será confidencial.
- Cohesión da organización e dos órganos escollidos. O resultado do proceso de primarias precisa corresponderse cos valores e obxectivos da Marea Atlántica no momento actual, en orde a servir dun xeito eficiente e equitativo á cidadanía da Coruña.
- Participación da organización e simplicidade do proceso. O proceso de elección da candidatura que nos represente nas eleccións do vindeiro ano debe contar coa participación das persoas da Marea Atlántica. A tal fin, poranse a disposición das candidaturas dispositivos que faciliten tal participación do xeito máis sinxelo e accesible que sexa posible.
- Garantir a integridade do sistema electoral. O sistema electoral empregado pola Marea Atlántica na confección da súa lista contará en todo caso caso coas debidas garantías de seguridade e transparencia.
Convocatoria: órgano competente e calendario.
Art 2. Órgano competente
Correspóndelle á Coordinadora, por delegación da Rede, a convocatoria oficial das Primarias Abertas da Marea Atlántica, segundo o calendario previsto no artigo 3 do presente Regulamento.
Art 3. Calendario
O proceso iniciarase despois da Marea Viva e antes do verán, coa selección do Órgano de Arbitraxe Electoral. Nos meses de xullo e agosto tería lugar a primeira fase das primarias coa apertura de espazos de deliberación e cooperación, cuxo deseño (calendario, metodoloxía, etc) será aprobado pola Rede, a partir dunha proposta da Coordinadora, no mes de xuño. Á volta do verán, en setembro, as candidaturas formalizaranse en listas abertas, desenvolverán a súa campaña e someteranse a votación. O obxectivo é poder contar no outono coas 10 primeiras persoas da lista da Marea Atlántica ás eleccións municipais de 2023, para que se poidan implicar no traballo de elaboración do programa e interlocución coa cidade.
De maneira pormenorizada, o calendario queda como sigue, modificado tras a Rede do 5 de outubro de 2022:
Días | luns 20 de xuño 2022 | A Coordinadora envía á Rede proposta de protocolo |
+2 | mércores 22 xuño de 2022 | Aprobación na Rede do protocolo e lanzamento das primarias |
+7 | mércores 29 de xuño de 2022 | Apertura do prazo para presentar candidatura ao Órgano de Arbitraxe Electoral. Inicio da primeira fase |
+1 | xoves 30 de xuño de 2022 | Coordinadora envía convites para participar nas entrevistas de deliberacion sobre as primarias. Inicio das entrevistas |
+4 | luns 4 de xullo de 2022 | Peche do prazo para presentar candidaturas ao Órgano de Arbitraxe Electoral |
+2 | mércores 6 de xullo de 2022 | Subsanación de erros na presentación de candidaturas |
+1 | xoves 7 de xullo de 2022 | Envíase convocatoria da Rede para o día 13 de xullo e envío por correo das candidaturas ao Órgano de Arbitraxe Electoral |
xoves 7 de xullo 2022 | Peche do censo | |
+6 | mércores 13 de xullo de 2022 | Rede: aprobación definitiva do Órgano de Arbitraxe |
+55 | mércores 31 de agosto | Fin das entrevistas |
+14 | ata o mércores 14 de setembro | 2 semanas de devolución das entrevistas |
+14 | ata o mércores 28 de setembro | 2 semanas de xestación das candidaturas |
+1 | xoves 29 de setembro de 2022 | Comezo da 2ª fase de primarias: apertura prazo formalización das candidaturas |
+21 | xoves 20 de outubro de 2022 | Fin do prazo para a presentación de candidaturas en listas abertas |
+3 | domingo 23 de outubro de 2022 | Publicación provisional das candidaturas en listas abertas |
+2 | martes 25 de outubro de 2022 | Subsanación de erros |
+3 | venres 28 de outubro de 2022 | Proclamación definitiva de candidaturas |
+1 | sábado 29 de outubro de 2022 | Inicio campaña electoral |
+6 | venres 4 de novembro de 2022 | Fin da campaña electoral |
+1 | sábado 5 de novembro | Inicio votacións |
+2 | luns 7 de novembro | Fin das votacións |
+1 | martes 8 de novembro 2022 | Proclamación provisional de resultados |
+1 | mércores 9 de novembro 2022 | Periodo de reclamación |
+1 | xoves 10 de novembro de 2022 | Rede de proclamación definitiva das 10 primeiras persoas da lista ás eleccións municipais |
Art 4. Convocatoria
O proceso electoral comeza coa publicación da convocatoria e a elección do Órgano de Arbitraxe. A convocatoria terá que ser trasladada ao censo da Marea Atlántica a través das seguintes canles:
a) Correo electrónico.
b) Publicación na web da Marea Atlántica.
4.1. A convocatoria de eleccións conterá a seguinte información:
a) Calendario electoral.
b) Requisitos para presentar unha candidatura.
c) Vías de presentación de alegacións e impugnacións, e mecanismo de contacto co
Órgano de Arbitraxe Electoral.
d) Copia dos regulamentos preceptivos.
e) Información suficiente sobre o proceso de deliberación e cooperación
Dereito a voto e a presentar candidaturas. Avais.
I.- Dereito a voto
Art 5. Votantes
5.1 No proceso de primarias de Marea Atlántica terá dereito ao voto toda persoa maior de 16 anos que reúna as seguintes condicións:
a) Ser asinante do manifesto da Marea Atlántica antes do peche do censo.
b) Residir un mínimo de 6 meses dentro dos últimos cinco anos no Concello da Coruña. Para este requisito poderase esixir demostración documental mediante padrón, contrato de vivenda ou facturas de suministros. A única excepción a este requisito será a das persoas que non residan na Coruña pero que teñan plenos dereitos políticos na Marea Atlántica (entendendo por tales as persoas con dereito a participar na Rede) adquiridos ata un ano antes da convocatoria destas primarias.
5.2 Durante o proceso de votación, poderase requirir un compromiso de veracidade que garanta o exposto no punto 5.1.
5.3 A Marea Atlántica obrígase a manter a condición de segredo do voto e ao cumprimento da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal e do Regulamento (UE) 2016/719 do Parlamento Europeo e do Consello de 27 de abril de 2016, relativo á protección de datos das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos.
Art. 6 Avalistas
As persoas con nivel de participación activa terán tamén a condición de avalistas de candidaturas, sempre e cando non sexan candidatas ás primarias, posuíndo un máximo de cinco avais para persoas candidatas.
II.- Dereito a presentar candidaturas
Art 7. Requerimentos para candidatarse
7.1 Será elixible calquera persoa que cumpra cos requisitos recollidos nos artigos 177 e 178 da Lei Orgánica 5/1985 do Réxime Electoral Xeral e cumpra ademais os seguintes requisitos imprescindíbeis:
a) Ter asinado o manifesto da Marea Atlántica, como compromiso de cumprimento dos seus obxectivos políticos.
b) Manifestar por escrito un compromiso de cumprimento do Código Ético da Marea Atlántica.
c) Estar en posesión dos avais que establece o presente Regulamento.
d) Declaración xurada de non estar incursa en ningunha das causas de exclusión.
7.2 O Órgano de Arbitraxe Electoral porá a disposición de todas as persoas asinantes do manifesto os formularios oficiais correspondentes, que deberán ser entregados en tempo e forma, unha vez cumprimentados, a través do correo electrónico primarias@mareatlantica.org ou presencialmente en horario de 18:00 a 21.00 horas no local da Marea Atlántica en R/ Praza do Humor no 1– Baixo, dende o día no que se abre a convocatoria das primarias, ata o peche do prazo de presentación de candidaturas ás 23.59 horas.
Art 8. Criterios de exclusión.
Non posuirán a condición de elixíbeis as persoas que se atopen nalgunha das seguintes situacións:
a) Ter ostentado algún tipo de responsabilidade como representante pública de forzas políticas distintas á Marea Atlántica no Concello da Coruña.
b) Ter incumprido os preceptos do Código Ético da Marea Atlántica, especialmente no relativo a réxime de retribucións, declaracións patrimoniais, incompatibilidades ou portas xiratorias.
c) Ostentar cargos orgánicos en organizacións políticas que manifestaron a súa decisión de abandonar a Marea Atlántica.
d) As persoas imputadas por delitos relacionados con corrupción, prevaricación, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados,suborno e malversación e apropiación de fondos públicos, sexa por interese propio ou para favorecer a terceiras persoas.
e) As persoas en situación de imputación xudicial por delitos de racismo, xenofobia, violencia de xénero, homofobia ou outros delitos ecolóxicos ou contra os dereitos humanos ou os dereitos das persoas traballadoras.
Nota: Entenderase por imputación xudicial a existencia dunha resolución motivada onde un xuíz estime a existencia de indicios racionais de delito.
Art 9. Avais.
9.1 Terán a condición de avalistas as persoas con nivel de participación activa a data de peche do censo de primarias e que non sexan parte de ningunha candidatura.
9.2 Cada avalista poderá avalar a cinco persoas para a candidatura.
9.3 Os avais deberán ser formalizados empregando o formulario oficial e entregaranseacompañados dunha fotocopia do DNI da persoa avalista.
9.4 Correspóndelle ao Órgano de Arbitraxe Electoral a potestade de validar os avais entregados en tempo e forma e segundo se estabelece no presente Regulamento.
9.5. No caso de que o Órgano de Arbitraxe Electoral detecte que unha mesma persoa avala máis de cinco persoas, comunicarallo á persoa avalista e ás candidatas afectadas ao mesmo tempo que se fai pública a relación de candidaturas. A persoa avalista e as candidatas afectadas deberán subsanar o erro antes da proclamación definitiva.
9.6 Para concorrer en calquera posto da lista, a persoa aspirante precisa de 5 avais.
9.7 Para candidatarse a cabeza de lista, a persoa aspirante precisa de 15 avais.
9.8 Os avais, así como toda a documentación entregada polas persoas candidatas, serán custodiados polo Órgano de Arbitraxe Electoral.
Art 10. Compromisos asumidos pola Marea Atlántica coa persoa aspirante
a) Trato igualitario na difusión da súa candidatura.
b) Garantía de igualdade de oportunidades.
c) Posta a disposición da persoa candidata de recursos telemáticos para a promoción da súa candidatura.
d) Respecto pola intimidade da persoa candidata, difundindo só os datos que desexe publicar e os meramente obrigatorios.
e) Posta a disposición da candidata/o dos respectivos formularios para a presentación de avais.
Primeira fase: deliberación e cooperación na elaboración de candidaturas.
Art 11. Deseño dos espazos de deliberación e cooperación
Co ánimo de facilitar a renovación do noso equipo nas institucións e que este enorme desafío se aborde do xeito máis aberto e construtivo, nos meses de xullo e agosto abriranse unha serie de espazos de deliberación e cooperación como paso previo á formalización das candidaturas á volta do verán.
Durante esta fase, procuraremos que as persoas con disposición a formar parte da candidatura da Marea Atlántica en 2023 poidan dar un paso adiante nun entorno seguro e gozar do amparo da organización á hora de conformar equipos. Así mesmo, habilitaremos as canles precisas para que calquera poida facer as súas propostas, sexa sobre criterios na conformación da candidatura, sexa a respecto de persoas concretas a incluír.
A propia Coordinadora poderá tamén impulsar propostas, procesos de consulta e a implicación activa de persoas para formar parte da candidatura.
Con estas premisas, esta primeira fase das primarias consistirá en:
1) Entrevistas individuais
Os membros da Coordinadora realizarán entrevistas individuais a todas as persoas activas da Rede que queiran participar na deliberación e así o soliciten, respondendo ao convite que lles chegue dende a Coordinadora a través das canles habituais de comunicación.
As entrevistas versarán sobre cuestións relativas á autopercepción e dispoñibilidade da persoa entrevistada para participar nunha candidatura, as cualidades e perfís axeitados para persoas candidatas, ou proposta de nomes concretos.
O obxectivo principal será identificar unha ou varias persoas susceptibles de presentarse a cabeza de lista e que susciten gran apoio da mareancia. O obxectivo secundario identificar un mínimo de 4-5 persoas que poidan formar parte do corpo da lista.
Temporalización:
- Enviar o convite co mesmo lanzamento das primarias, 1 día despois da Rede.
- As entrevistas pódense ir realizando a medida que vaian chegando respostas ao convite, e durante os meses de xullo e agosto para sortear o periodo vacacional e facer a devolución en setembro, co inicio do curso político.
2) Posta en común
Finalizadas as entrevistas, terá lugar a posta en común da información obtida, primeiramente entre os membros da Coordinadora, a continuación e de maneira individual ás persoas nomeadas ou interesadas, e posteriormente á Rede.
A posta en común na Rede evitará nomear ás persoas sobre as que se falou nas entrevistas, e dará máis ben unha panorámica xeral sobre o proceso: número de persoas entrevistadas, número de persoas propostas, proporción mulleres/homes, criterios para valorar persoas candidatas, etc.
A posta en común coas persoas candidatas, de maneira individual, tentará animalas a dar un paso adiante e a que sexan elas as que impulsen as sucesivas fases na organización da candidatura, coa mínima intervención da coordinadora.
Temporalización: primeira quincena de setembro.
3) Xestación das candidaturas previa formalización.
As persoas identificadas como posibles candidatas dispoñen da segunda quincena de setembro para organizarse entre elas: completar listas atraendo a máis persoas, decidir se se organizan nun ou varios equipos (listas) que se presenten ás primarias, etc.
A Coordinadora minimiza a súa intervención e só media se o proceso se para ou xorden dificultades organizativas que non sexan competencia do Órgano de Arbitraxe Electoral.
Temporalización: segunda quincena de setembro.
A continuación comeza a 2ª fase coa presentación formal das candidaturas diante do Órgano de Arbitraxe.
Art 12. Dereitos das persoas que participen nesta fase
- Confidencialidade nas súas opinións. Nas postas en común falarase dos resultados sen atribuilos a persoas concretas: nin as propoñentes, nin as que son propostas.
- Igualdade de oportunidades: todas as persoas activas que o soliciten poderán opinar, todas as persoas poden ser candidatas se cumpren os requisitos do regulamento de primarias.
- Dispoñer do local da Marea Atlántica para os seus encontros.
Art 13 Deberes das persoas que participen nesta fase
- Respecto máximo polas opinións alleas
- Talante construtivo
- Atitude de escoita, de lealdade e de coidado das persoas individuais e do colectivo, mesmo en situacións de competición
Segunda fase: Presentación das listas. Campaña.
Art 14. Características das candidaturas. Formación das listas.
14.1 As candidaturas ás primarias da Marea Atlántica poden ser de 3 tipos:
- Candidaturas a cabeza de lista
- Candidaturas a corpo da lista, de entre 4 e 9 postos
- Candidaturas que reúnan cabeza e corpo da lista, de entre 4 e 10 postos
As candidaturas a cabeza de lista requirirán de 15 avais, e o resto dos postos no corpo dunha lista requirirán cada un de 5 avais.
14.2 As candidaturas a corpo da lista, de entre 4 e 9 persoas conformarán listas abertas: aínda que as candidatas e candidatos se presenten dentro de listas, as electoras emitirán o seu voto en favor de persoas individuais, que poderán ordenar segundo o seu mellor criterio.
14.3 As listas non poderán denominarse empregando referencias directas ou indirectas a organizacións políticas formalmente constituídas.
14.4 A cabeza de lista votarase por separado entre as persoas que se presenten a cabeza de lista. As persoas candidatas a cabeza de lista que non resulten escollidas como tal non poderán participar nas eleccións aos 10 primeiros postos da lista, e si a partir do posto 11.
14.5 Para a selección dos seguintes postos da lista, cada elector ou electora de Marea Atlántica deberá votar por 9 persoas ordenadas do 1 ao 9, respectando en todo caso a paridade de xénero en cremalleira ao 50% como mínimo ou en cremalleira por tramos (3 mulleres en cada tramo de 5 postos) como máximo.
Art 15. Campaña
Convocarase un acto para que cada cabeza de lista faga unha presentación dos seus proxectos e dos equipos e explicarán a presenza de perfis suficientes para dar resposta ás tarefas, funcións e responsabilidades previstas.
A campaña electoral comezará ao día seguinte da proclamación definitiva das candidaturas polo Órgano de Arbitraxe (tras a fase de subsanación de erros), e durará 1 semana.
Art 16. Dereitos das persoas candidatas
16.1 As persoas candidatas teñen dereito a recibir un trato igualitario por parte da MareaAtlántica.
16.2 Dereito a acudir ante o Órgano de Arbitraxe para denunciar as cuestións que considere gravosas para o proceso.
16.3 Dereito a un espazo dentro das ferramentas telemáticas facilitadas pola Marea Atlántica para a promoción de candidaturas. No devandito espazo poderán publicitar os motivos da súa candidatura mediante textos e fotografía. Cada unha das persoas candidatas estará representada por unha fotografía, un breve texto non superior aos 280 caracteres e un texto maior, de 500 caracteres, onde poderá expresar a súa visión persoal e por que cre que a súa candidatura debe ser merecedora do voto no proceso de primarias. A presenza das listas nestes espazos terá unha orde aleatoria. Así mesmo, os medios dixitais propios da Marea Atlántica enlazarán —se as compoñentes das listas así o desexan— aos perfís persoais na rede das persoas candidatas, facilitando que a cidadanía interesada en participar no proceso de primarias poida interpelalos directamente.
16.4 Dereito a solicitar o voto para a súa candidatura a través dos seus propios perfís en redes sociais.
16.5 Dereito a celebrar actos públicos durante a campaña nos que se solicite o voto para dita candidatura, toda vez que estes sexan previamente comunicados en tempo e forma ao Órgano de Arbitraxe Electoral.
Art 17. Deberes das persoas candidatas
17.1 Deber de gardar o debido respecto polo resto de persoas candidatas dentro das mensaxes e actos de promoción da súa candidatura.
17.2 Deber de actuar acorde a este Regulamento e ás resolucións do Órgano de Arbitraxe Electoral.
Art 18. Difusión e publicidade
18.1. Está prohibida a difusión de candidaturas mediante publicidade pagada en medios de comunicación.
18.2 A Marea Atlántica ofrecerá a todas as candidaturas presentadas o mesmo peso dentro da comunicación tanto interna como externa.
18.3 Estará prohibida a aparición en medios de comunicación públicos, privados ou comunitarios solicitando o voto, como así contempla o réxime sancionador.
18.4 Estará prohibida a edición de material propagandístico físico para a promoción dunha candidatura, como así contempla o réxime sancionador.
18.5 O Órgano de Arbitraxe Electoral emitirá unha serie de consideracións que serán recibidas por cada persoa candidata no momento de candidatarse para coñecer como pode levar a cabo a promoción da súa opción.
Igualdade de xénero.
Art 19. Paridade nas listas
As listas deberán ser, como mínimo do 50% de mulleres e cremalleira, procurando na medida do posible achegarse ao máximo legal permitido de 3 mulleres en cada tramo de 5 postos e situar a mulleres en postos de visibilidade e incidencia política.
Igualmente, a candidatura configurarase de tal xeito que dous homes non poderán ocupar posicións consecutivas na mesma, sempre tendo que ser un home precedido e sucedido por unha muller.
Art 20. Paridade nas votacións
20.1 Os votos emitidos deberán así mesmo ser paritarios e en cremalleira ao 50% como mínimo ou en cremalleira por tramos (3 mulleres en cada tramo de 5 postos) como máximo.
20.2. Sobre o resultado das votacións, de ser o caso, o Órgano de Arbitraxe Electoral realizará as correccións precisas para cumprir a obriga legal de representar cada xénero cun mínimo do 40% en cada tramo de 5 persoas. Ademais, evitará que dous homes ocupen posicións consecutivas. A aplicación destes criterios garantirá unha lista final que sexa como mínimo paritaria e en cremalleira, con prioridade feminina.
Votación. Reconto. Xornada electoral.
Art 21. Tipo de votación
21.1 A votación nas Primarias Abertas da Marea Atlántica realizarase separadamente, diferenciando:
- por un lado á cabeza de lista entre as persoas candidatas a este posto.
- por outro lado os 9 seguintes postos da candidatura, mediante o sistema de listas abertas e por orde de preferencia das diversas persoas individuais.
21.2 As candidaturas aparecerán na papeleta ordenadas de esquerda a dereita en orde aleatoria ou sorteada polo Órgano de Arbitraxe Electoral.
21.3 Deben respectarse os criterios de paridade de xénero (como mínimo, lista cremalleira, con posibilidade de aumentar proporción de mulleres).
21.4 Está permitido o voto en branco.
Art. 22: Reconto dos votos.
22.1 As dúas votacións que se levarán a cabo durante as primarias da Marea Atlántica irán guiadas por tipos de conteo distintos.
- Votación da persoa cabeza de lista
- Votación do resto da lista
22.2. A votación da cabeza de lista:
- O voto a persoa cabeza de lista realizarase por separado.
- No caso de existir unha soa candidatura, o candidato ou candidata someterase a referendo durante o propio de acto de votación, existindo só as opcións do apoio e do voto en branco.
- No caso de existir dúas candidaturas, a votación resolverase por voto simple.
- No caso de existir 3 ou máis candidaturas, a votación resolverase polo método Borda puro: De acordo con este método, sexan cales sexan as opcións a escoller, o elector ou electora pode emitir tres votos. Os votos son ordenados e obrigatorios, de xeito que a primeira opción escollida suporá 3 puntos, a segunda 2 e a terceira 1.
22.3 A votación á composición da lista estará regrada polo seguinte reconto: O elector ou electora ordenará as súas opcións para a composición da lista, dos postos 2º ao 10º.
2º posto = 1 punto
3º posto = 0,71 puntos
4º posto = 0,5 puntos
5º posto = 0,35 puntos
6º posto = 0,25 puntos
7º posto = 0,18 puntos
8º posto = 0,13 puntos
9º posto = 0,09 puntos
10 º posto = 0,06 puntos
Cómpre lembrar aquí que ainda que as candidaturas se presentan en listas, estas son abertas. A persoa electora pode votar persoas de diferentes candidaturas e modificar a orde das listas que se presentan para votación.
22.4. Desempate: En caso de empate a puntos, tanto na elección a cabeza de lista, coma no caso dunha candidata no corpo da lista, gaña aquela persoa que recibiu máis veces a puntuación máis alta.
Art 23. Xornadas electorais
Art 23.1 Habilitaranse un ou máis espazos a efectos de colexio electoral, segundo decida o Órgano de Arbitraxe Electoral, nos que se votará en urna. Nos devanditos colexios estarán persoas da Coordinadora para facilitar a votación e do Órgano de Arbitraxe Electoral, coa posibilidade de que as suplentes de dito órgano poidan exercer ese día, para garantir a limpeza do proceso.
Art 23.2 Celebraranse tres xornadas electorais consecutivas tras o peche da semana de campaña.
Art 23.3 O período de votación rematará ás 23:59 horas do último día.
Art 23.4 O Órgano de Arbitraxe velará pola seguridade do proceso.
Art 23.5 O escrutinio será realizado polo Órgano de Arbitraxe, que poderá solicitar o apoio da Coordinadora, e publicado para a súa impugnación, se procede, en todas as ferramentas comunicativas da Marea Atlántica.
Proclamación da candidatura e lista definitiva.
Art 24. Proclamación da candidatura
24.1 Os resultados das primarias serán proclamados polo Órgano de Arbitraxe ao día seguinte de rematar a votación da lista.
24.2. Tras a súa publicación,abrirase un prazo de alegacións de dous días. A publicación definitiva dos resultados será ao día seguinte de rematar o periodo de alegacións ante a Rede da Marea Atlántica.
Art. 25. Lista definitiva de titulares ás eleccións municipais de 2023
Art 25.1 A lista de titulares da candidatura da Marea Atlántica será completada con persoas de consenso que pola súa proxección pública avalen todo o proceso, que poden incorporarse á lista a partir do posto nº 11.
Art 25.2 As persoas designadas para completar a candidatura, sexan os postos titulares ou suplentes, o serán por consenso na Rede, a proposta da Coordinadora.
ANEXO: Órgano de arbitraxe electoral. Sancións.
Art 26. Composición
26.1 Con carácter previo á convocatoria de primarias, crearase un órgano de supervisión do procedemento de Primarias Abertas denominado Órgano de Arbitraxe Electoral.
26.2 Estará composto por tres persoas seleccionadas pola Rede baixo criterios de coñecemento de procesos electorais, confianza e dispoñibilidade, garantindo en todo caso a paridade de xénero na súa composición. A estas persoas sumarase unha persoa representante, pero non parte, de cada lista, que terá voz, pero non voto, nas súas deliberacións. Ademais destas, a Rede escollerá tres persoas suplentes. Ditas persoas deben ter plenos dereitos políticos dentro da Marea Atlántica (entendendo por tales as persoas con dereito a participar na Rede adquiridos antes das 23:59 horas da data de peche para a presentación de candidaturas para o Órgano de Arbitraxe).
26.3 A composición do Órgano de Arbitraxe Electoral será designada e referendada por consenso pola Rede, ou no seu defecto por maioría.
26.4 A composición do Órgano de Arbitraxe Electoral decidida pola Rede debe ser paritaria.
Art 27. Incompatibilidades do Órgano de Arbitraxe Electoral
Art 27.1 Non poderán formar parte do Órgano de Arbitraxe Electoral aquelas persoas que sexan candidatas a formar parte da lista nin as persoas que sexan membros da Coordinadora da Marea Atlántica.
Art 27.2 As persoas que forman parte do Órgano de Arbitraxe Electoral non poderán facer campaña nin solicitar o voto para ningunha lista.
Art 28. Causas de expulsión do Órgano de Arbitraxe Electoral
Serán expulsadas do Órgano de Arbitraxe Electoral aquelas persoas que incorran nalgún dos seguintes supostos:
a) Aquelas que soliciten publicamente, e por calquera medio, o voto para unha candidatura.
b) Aquelas que cedan a persoas alleas a dito órgano calquera tipo de dato persoal de terceiras persoas.
A expulsión rexerase polo mesmo mecanismo de toma de decisións que afecta a todos os actos do Órgano de Arbitraxe.
Art 29. Competencias do Órgano de Arbitraxe Electoral
As competencias do Órgano de Arbitraxe Electoral serán:
a) Garantir o cumprimento deste Regulamento.
b) Poñer ao dispor das persoas interesadas os formularios correspondentes para a presentación de avais, listas, incluídos os compromisos de cumprimento do Código Ético.
c) Garantir a igualdade de oportunidades durante o proceso de campaña.
d) Aprobar as candidaturas presentadas.
e) Resolver as distintas queixas, denuncias e irregularidades que se manifesten durante o proceso de primarias.
f) Revisar os avais e a documentación acreditativa de residencia na cidade.
g) Elaborar un documento de consideracións para as persoas candidatas que conteña as recomendacións e límites para levar a cabo a campaña electoral.
h) Designar e formar as persoas que actuarán como interventoras e asistentes durante o proceso de votación, quedando excluídas do papel de asistente as persoas que formen parte dalgunha candidatura.
i) Designar unha persoa en representación do Órgano de Arbitraxe Electoral que forme parte da Coordinadora da Marea Atlántica con voz pero sen voto durante todo o proceso electoral. Ese posto de coordinación pode ser rotatorio.
j) Validar ou anular os avais presentados.
k) Validar ou anular as listas presentadas.
l) Elaborar resolucións a respecto dos conflitos e queixas que se poidan producir nas inscricións, o contido dos avais e candidaturas.
m) Instar á Coordinadora da Marea Atlántica a executar o réxime sancionador.
n) Interpretar baleiros do presente Regulamento.
o) Realizar a corrección de xénero sobre o resultado final que garanta a paridade na candidatura da Marea Atlántica segundo o establecido no presente Regulamento.
p) No que se refire ao proceso deliberativo de confección de candidaturas, o Órgano de Arbitraxe Electoral validará as credenciais das persoas impulsoras de candidaturas e das persoas que as auxilien de acordo aos requisitos do presente Regulamento, garantirá a asistencia a unha soa xuntanza por persoa inscrita na Marea Atlántica, e velará polo bo funcionamento dos buzóns das persoas candidatas.
Art 30. Mecanismo para a toma de decisións do Órgano de Arbitraxe Electoral
O Órgano de Arbitraxe Electoral adoptará as súas decisións por maioría dos seus membros.
No caso de ser instado a executar o réxime sancionador, a Coordinadora tamén deberá adoptar as súas decisión por maioría dos seus membros.
Art 31. Das infraccións do procedemento electoral.
31.1 Existirán dous niveis de infracción: leve e grave.
31.2 Dúas infraccións leves suporán, ao igual que unha grave, a anulación da candidatura.
31.3 Terán a condición de infraccións leves os seguintes supostos:
a) A non comunicación ao Órgano de Arbitraxe Electoral da celebración de actos públicos en que se solicite o voto para unha candidatura, durante o proceso previo e durante a propia campaña.
b) A solicitude de voto a través calquera medio de comunicación fóra do proceso de campaña.
31.4 Terán condición de infraccións graves os seguintes supostos:
a) A celebración de actos públicos en que se solicite o voto durante o proceso previo á campaña de primarias.
b) A difusión de mensaxes negativas sobre outras candidaturas.
c) A solicitude de voto durante a campaña a través de medios de comunicación privados, públicos ou comunitarios, non entrando en dita consideracións os perfís en redes sociais.
d) A edición de material propagandístico solicitando o voto para unha candidatura.
e) A utilización das ferramentas orgánicas de comunicación dunha organización política, ou da propia Marea Atlántica, solicitando o voto durante o proceso previo e durante a propia campaña.
Art 32. Sancións
32.1 O Órgano de Arbitraxe actuará como organismo sancionador de oficio ou a instancia de parte. Poderán presentar queixas diante do Órgano de Arbitraxe relativas á actuación doutros candidatos/as as persoas participantes no proceso de primarias.
32.2 Unha vez detectada ou denunciada unha infracción, o Órgano de Arbitraxe designará por consenso a tres persoas da Coordinadora para que fagan a función de instrución, que nun prazo de 24 horas dará audiencia ás partes e elaborará un expediente que trasladará ao Órgano de Arbitraxe Electoral. A persoa denunciada terá dereito, ademais, a presentar, en idéntico prazo, alegacións escritas a respecto da conduta baixo investigación.
32.3 Durante este proceso, a persoa denunciada ten dereito a presentar unha alegación motivada.
32.4 Tras escoitar ás partes, e acordar, no seu caso, as dilixencias probatorias que estime precisas, o Órgano de Arbitraxe emitirá unha resolución, que deberá ser motivada e comunicada á persoa denunciada e, no seu caso, denunciante. No caso de que a resolución recolla a existencia dunha sanción e realice unha proposta de sanción comunicaraa tamén ao Grupo de Traballo de Coordinación.
32.5 Á vista da proposta de sanción, a persoa afectada poderá presentar un recurso de reposición diante do Órgano de Arbitraxe no prazo de 24 horas. Recibidas as alegacións, ou rematado o sinalado prazo, o Órgano de Arbitraxe emitirá a resolución definitiva motivada, confirmando ou modificando a proposta remitida dende o Órgano de Arbitraxe.