A formación municipalista ve “renuncias” e “pasos atrás” en desafíos clave para a cidade coma os da vivenda, a política social, a transición enerxética, a mobilidade e a emerxencia climática
O documento asinado polas forzas políticas que sosteñen o goberno local da Coruña aventura “un mandato sen vocación transformadora nin contrapesos” en María Pita
A notable relación de investimentos nos barrios choca co baixo nivel de execución da primeira etapa de Inés Rey e pode traducirse nunha nova frustración para o movemento veciñal
O acordo orzamentario asinado este venres polas dúas forzas políticas que sosteñen o goberno local da Coruña, o PSOE de Inés Rey e o seu socio minoritario, o BNG, dá as primeiras pistas sobre o rumbo que enfía o mandato. Á vista do documento que se fixo público, cabe esperar que nos próximos catro anos os socialistas, sen contrapesos substanciais á súa esquerda na Corporación, impoñan unha axenda de goberno aínda menos transformadora. Isto faise evidente na falta de ambición que, a xuízo da Coordinadora da Marea Atlántica, evidencia este pacto, dominado por asuntos de xestión ordinaria, sen cifras nin prazos e inzado de renuncias e pasos atrás en materias decisivas coma a vivenda, a política social, a transición enerxética, a mobilidade ou a emerxencia climática. Estas carencias compénsanse cunha notable relación de investimentos nos barrios cuxa envergadura non se corresponde co baixo nivel de execución demostrado por Inés Rey na súa primeira etapa. Agardemos que desta vez non se frustren as expectativas do movemento veciñal.
En materia urbanística e de vivenda, sorprende que o documento non vaia asinado unicamente polo goberno local. Os socialistas conseguen que o BNG avale os desenvolvementos máis polémicos do PXOM de 1998, incorporados infelizmente ao vixente en 2013, entre eles os de Visma e Percebeiras, e ambas forzas renuncian ás medidas máis avanzadas da axenda impulsada pola Marea Atlántica no pasado mandato. Nin rastro de novas promocións directas de vivenda municipal ou a compra de pisos baleiros. Tampouco da declaración dunha moratoria aos aloxamentos turísticos, o incremento da reserva de vivenda protexida destinada ao aluguer social ou a creación dun Consello Municipal de Vivenda, órgano indispensable para impulsar a declaración da Coruña como zona de mercado residencial tensionado, obxectivo que lamentablemente tampouco figura no acordo.
En materia de política social reinan o continuismo e a inconcreción. Non abonda, nun contexto de perda de poder adquisitivo coma o actual, con meras declaracións de intencións ou con manter conxelada, renunciando a modernizala, unha prestación como a Renda Social Municipal que foi pioneira en 2015, hai oito anos xa, cando a puxo en marcha a Marea Atlántica. Neste ámbito, ademais, é clamorosa a ausencia de medidas en materia de igualdade e diversidade. Bótanse a faltar, por exemplo, compromisos para o reforzo do Centro de Orientación Familiar (COF), o Centro de Información á Muller (CIM), o Espazo Diverso e a Casa de Acollida. Tamén debería reactivarse o Consello Municipal de Igualdade e cumprirse, como reclama neste 25N a formación municipalista, a Ordenanza para a Igualdade na Diversidade.
A emerxencia climática está desaparecida da axenda política do goberno e o seu socio. Todo o protagonismo no capítulo dedicado ao medio ambiente é para Nostián, unha concesión caducada en 2020 sobre a que pesan catro anos de inacción. Ningunha outra medida de xestion de residuos: nin estratexias de redución, nin compostaxe en orixe, nin recollidas específicas a grandes produtores, nin medidas fiscais, nin cooperación a escala metropolitana, nin orientacións sobre como incorporar o quinto contedor. E o que é aínda peor, desaparecen as políticas enerxéticas e de descarbonización: a eléctrica municipal, as instalacions de renovables próximas ao lugar de consumo, as medidas contra a pobreza enerxética ou o asesoramento á poboación.
Por último, é sintomática do rumbo que colle este mandato a renuncia de PSOE e BNG a abordar con valentía e perspectiva de futuro o remate da concesión da Compañía de Tranvías. O acordo evita comprometerse coa creación dunha empresa pública de mobilidade e inclúe, co aval dos nacionalistas, a previsión de fondos para a redacción dos pregos dunha nova concesión privada. A reiteración do estudo de modelos alternativos de xestión parece un novo exercicio retórico por parte do PSOE, que non ten ningunha vontade de exploralos. A proba é que xa pactou facelo hai dous anos coa Marea Atlántica e non moveu un só papel en todo este tempo.