Saltar ao contido

O Mapa das Renovables da Coruña identifica, nunha primeira fase, quince centros escolares publicos con potencial para producir enerxía fotovoltaica, e mesmo compartila a outros equipamentos municipais próximos, en instalacións de autoconsumo compartido

“Este será o primeiro paso para avanzar na xeración de enerxía renovable na Coruña, apostando pola enerxía limpa e achegando o concepto aos centros de ensino, que teñen un marcado efecto demostrativo e multiplicador. Se en Alemaña están a producir enerxía solar, aquí tamén podemos facelo”, di Xan Xove

O PSOE non tivo interese en avanzar na xeración de enerxía renovable en todo o mandato. Un goberno da Marea Atlántica atreverase a abrir o camiño para unha Coruña máis verde

O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, e a voceira muncipal da plataforma municipalista, María García, presentaron hoxe ante os medios de comunicación algunhas das principais conclusións do Mapa das Renovables e fixeron unha proposta concreta: instalar paneis de enerxía solar fotovoltaica en quince colexios públicos para que poidan autoabastecerse de enerxía limpa e, incluso, ceder electricidade a outros equipamentos municipais cercanos. Fixérono ante o colexio Curros Enriquez, en Monte Alto, un dos que amosan maior potencial para a produción de renovables. 

“Será o seguinte paso para avanzar na xeración de enerxía renovable na propia cidade da Coruña, para abordar a crise climática, apostando pola soberanía enerxética. E queremos que este comezo tamén sirva para achegar o compromiso ás nenas e nenos e a toda a comunidade escolar dos centros públicos. O PSOE non tivo interese en facelo, pero un goberno da Marea Atlántica atreverase a abrir camiño cara unha cidade máis verde”, explicou Xan Xove. E engadiu que, se ben A Coruña ten menos horas de exposición solar que outros lugares de España, ten moitas máis que países como Alemaña, que están a producir enerxía solar con regularidade e con éxito. 

En concreto, o Mapa das Renovables, elaborado por Emalcsa a iniciativa da Marea Atlántica e ao que a formación tivo acceso completo tras solicitar a consulta do expediente, identifica nunha primeira fase ata 15 colexios públicos da Coruña que poderían instalar placas solares nos seus tellados e producir electricidade de forma eficiente. A falta de estudar a fondo as cuestións estruturais e de construción, o custo de instalar xeradores fotovoltaicos roldaría os 580.000 euros, que se amortizarían nun periodo de entre 5 a 8 anos grazas á redución da factura eléctrica. O custo das instalacións individuais oscila entre os 5.600 e os 90.000 euros, “e se Inés Rey tivese executado os 250.000 euros que reservarmos nos Orzamentos de 2022 para proxectos de enerxías renovables na Coruña, algunhas destas instalacións solares xa poderían estar funcionando”, explicou María García. 

Os quince centros de ensino con potencial para a xeración de enerxía solar son, a falta dunha análise máis fonda sobre parámetros construtivos, o Alborada, Concepción Arenal, Juan Fernández Latorre, Manuel Murguía, María Barbeito, Cidade Vella, Nosa Señora do Rosario, Raquel Camacho, Sagrada Familia, San Francisco Javier, San Pedro de Visma, Torre de Hércules, Víctor López Seoane, Wenceslao Fernández Flórez e o Curros Enríquez. 

Ante este último, o Curros Enríquez, compareceron hoxe María García e Xan Xove, por ser un dos que amosan maior potencial: “Segundo o estudo, o Curros Enríquez podería chegar a producir ata 50.000 quilovatios/hora ao ano, cunha instalación que custaría 50.000 euros, que se amortizaría en tan só 5 anos”, explica Xove. O CEIP Curros Enriquez formaría parte dunha unidade de autoconsumo compartido na que tamén se atoparían o centro Cívico de Monte Alto, as oficinas do Cemiterio de San Amaro ou a Sede da Policia Local, todos eles beneficiarios das instalacións de xeración e de autoconsumo de enerxía conectadas en rede.

O candidato engadiu que “traballar deste xeito nos centros de ensino tería, ademais, un efecto multiplicador das políticas verdes, ao difundila entre toda a comunidade escolar e nos barrios que os rodean”. Tamén lembrou que aínda que as competencias de educación son da Xunta, o Concello é responsable do mantemento, polo que podería asumir a instalación destas placas fotovoltaicas do mesmo xeito que asume as obras para cubrir os patios. 

Dous millóns de euros para 40 instalacións fotovoltaicas

O Mapa das Renovables estuda os equipamentos municipais da Coruña nos que sería viable producir enerxía limpa. Nas súas conclusións, atopamos que cun orzamento de menos de 2 millóns de euros, 40 edificios do Concello poderían albergar instalacións fotovoltaicas coas que reducir a factura da luz e mellorar a autonomía local sobre a enerxía. Actuacións que, en todo caso, deben ir sempre da man de estratexias de aforro e eficiencia enerxética, para que o seu impacto sexa maior. 

“Que se trate de centros abertos ao público coma escolas, centros cívicos, polideportivos ou museos ten ademais un efecto positivo, que sirva de exemplo entre outra administración e no sector privado, para que tomen a iniciativa”, sinala Xan Xove. A instalación sistemática deste tipo de tecnoloxías pode dar lugar a proxectos de fomento do emprego e de formación ocupacional, que xa propuxemos en 2020 co acordo orzamentario. Pero co desinterese de Inés Rey, sumamos xa tres anos perdidos. 

Como lembrou García, “o Mapa das Renovables foi un acordo ao que chegamos co PSOE para a aprobación dos Orzamentos 2020, pero Inés Rey non foi quen de completalo ata a semana antes de empezar a campaña electoral, e só o aproveitou para lanzar unha nota de prensa”. 

“A falta de acción de Inés Rey ten un custo: perder as vías de financiamento que actualmente se abren para a instalación de renovables nas administracións locais. Así se demora a transición da cidade cara a soberanía enerxética, demóranse o aforro e a loita contra a emerxencia climática. Arriscámonos a que cando se poidan instalar haxa menos oportunidades e problemas de subministro”, declarou García, lembrando que a Xunta ten aberta una liña de axudas para subvencionar as instalacións de enerxías renovables por parte dos concellos galegos.

Xan Xove instalará placas solares en quince colexios da Coruña, iniciando o autoconsumo compartido de enerxía limpa