Este Documento de Programa Participativo foi aprobado na Marea Viva de 2022
- Antecedentes
A política local é outra dende que a Marea Atlántica entrou no Concello da Coruña en 2015.
Trouxo un novo xeito de facer as cousas dende as condicións fundamentais de feminismo, ecoloxismo, xustiza social e democracia radical aplicadas de xeito transversal. Desenvolveu ferramentas nunca vistas no Concello para impulsar a participación directa da cidadanía, dende os Orzamentos Participativos ou o Dillo Ti ata os múltiples espazos de traballo cidadáns para dar voz á veciñanza nos cambios importantes das súas rúas, colexios, etc. Así mesmo, aínda sendo acusada de inexperta e pouco realista, superou retos que levaban décadas enquistados como prohibir as touradas financiadas con cartos públicos ou pechar os vertidos da ría do Burgo, así como outros que se calificaban de imposibles, como a instauración da Renda Social Municipal ou o acordo conseguido na demanda do edificio Conde de Fenosa que evitou a creba do Concello.
Pasados tres anos dende a volta do PSOE ao Concello, vemos que o goberno local non amosa a capacidade de xestión que prometeu en campaña electoral, carece de proxecto, amosa unha pulsión restauradora que desexa o regreso ao proxecto vazquista, e está en minoría. É o executivo máis feble, aritmeticamente, da democracia. En moitas ocasións é a Marea quen marca a axenda e move marcos.
Chega o momento de preparar un programa participativo para presentar á cidadanía da Coruña nas eleccións municipais de 2023, e a Marea Atlántica prepárase para iso a través deste Regulamento nacido na Marea Viva de 2022, seguindo as liñas extraídas do último debate interno da organización, que se expoñen a continuación.
A xente precisa unha organización que, dende o municipalismo, combata a globalización neoliberal. A Marea defende un modelo de cidade recoñecible que non teñen outras organizacións, que vai contra as lóxicas do modelo capitalista e neoliberal, buscando a recuperación da vida de proximidade.
A Marea segue representando un xeito diferente de concibir e facer política e de poñer no centro ás persoas. Defende que a pluralidade é unha fortaleza, establece marcos de diálogo horizontais, chega a consensos en asemblea, constrúe espazos de participación, busca saír da crise apostando polo ben común e partindo da interdependencia entre as persoas, ofrece estruturas e prácticas políticas novas, etc.
Cómpre representar á Coruña disputando o sentido común e dando a batalla cultural, sen esquecer estar cos sectores máis vulnerables. Cómpre volver aos barrios, construír dende o pequeno, ter mans e ollos na veciñanza sen renunciar a un discurso que chegue á maioría.
Temos un horizonte común e saímos a gañar a alcaldía en 2023 construíndo un programa electoral participativo que recolla o sentir e as necesidades da cidadanía da Coruña.
O seguinte texto está baseado no Regulamento de Programa Participativo de 2019, documento que demostrou consenso entre as persoas da Marea Atlántica, así coma efectividade nos obxectivos.
- Liñas fundamentais
O Programa Participativo estará dividido por áreas temáticas, recollendo, entre outras, as seguintes:
- Igualdade de xénero e feminismo: loita contra a discriminación e o machismo, prestando especial atención aos colectivos sexual e afectivamente diversos.
- Xustiza e cohesión social: loita contra a exclusión, dereitos sociais e ambientais, atención á diversidade e servizos públicos…
- Radicalidade democrática: liberdades e participación cidadá, innovación democrática, igualdade entre xeracións…
- Medio ambiente: emerxencia climática, cidade verde e sostible…
- Modelo territorial e urbano: dereito á cidade, Área Metropolitana, medio ambiente, medio rural, vivenda e mobilidade, demografía sostible…
- Modelo económico e enerxético: emprego, investigación, consumo consciente, economía social, coñecementos abertos, redución do impacto do cambio climático…
- Cultura, memoria e identidades: recuperación da memoria histórica e colectiva da cidade, educación, cultura, deporte, promoción e defensa da lingua galega…
- Transparencia e defensa dos servizos públicos: contratación pública con criterios sociais, xestión da débeda, política fiscal, reforzo dos servizos públicos, remunicipalizacións…
- Outras que se definan en función da actualidade, política, relato, etc.
Os catro primeiros puntos, liñas básicas da Marea Atlántica, serán eixes tanto temáticos como transversais.
- Estrutura do proceso
- Metodoloxía e Comisión de Programa
A Coordinadora presentará á Rede unha proposta de Comisión de Programa para a súa aprobación. Esta Comisión será quen se ocupe de coordinar a elaboración do Programa Participativo. Será o grupo encargado de unificar, compatibilizar e darlle formato a toda a información recabada no proceso colectivo de elaboración das propostas de programa.
A composición da Comisión de Programa seguirá os criterios de paridade, talante conciliador, idoneidade e coñecemento deste tipo de procesos. Contará con representación de polo menos unha persoa da Coordinadora, do Grupo Institucional, e de cada unha das unidades operativas da Marea Atlántica que teña relación coas liñas fundamentais do programa (Marea Feminista, Xustiza Social, Medio Ambiente, cada un dos grupos de Barrios, etc.) ou que se precise para cumprir coa metodoloxía (p.ex., Mediación), así como persoas que poidan aportar noutras áreas programáticas que non teñan unidade operativa propia. Do número resultante, ata un terzo máis poderá encherse con voluntarias da Marea Atlántica (activas ou asinantes do manifesto), respectando sempre a paridade. Se o número de voluntarias excede o devandito terzo, a Coordinadora priorizará perfís que completen a composición do grupo atendendo ás necesidades das áreas sen cubrir.
A Comisión de Programa redactará unha proposta de desenvolvemento do proceso na que se detallará o calendario definitivo e a metodoloxía e ferramentas a empregar no mesmo de acordo ao estipulado no presente Regulamento, e levaraa á Rede para a súa aprobación.
- Período participativo
Durante este tempo os grupos e persoas da Marea Atlántica, e o resto da cidadanía poderán facer ás súas achegas ao documento conforme ao disposto no punto de Participación deste Regulamento e á metodoloxía mencionada no punto 3.a.
b.1. Mesas de Programa
Na primeira fase organizaranse actos e reunións con axentes sociais da cidade para recabar a opinión e as necesidades da veciñanza, na medida do posible. Destas xuntanzas participarán persoas expertas e outras organizacións en materias de importancia para os barrios, que poidan contribuír a desenvolver propostas. Pola parte da Marea Atlántica, en cada Mesa haberá presencia de persoas da Lista de Candidatura, do Grupo Institucional e das unidades operativas da Marea relacionadas co tema a tratar.
b.2. Redacción da proposta de Programa
Unha vez recompilados os datos e as demandas recollidas nas Mesas de Programa, e máis as achegas feitas por outras fontes, tanto internas coma externas á Marea Atlántica, confeccionarase a proposta de Programa, seguindo o procedemento metodolóxico previamente aprobado pola Rede.
b.3. Presentación pública da proposta de Programa: Encontro Aberto
A proposta será feita pública nun encontro aberto á cidade no que a Marea Atlántica invitará á cidadanía a traballar conxuntamente no Programa Participativo final empregando unha metodoloxía de traballo colaborativo, que poña en valor todo o feito até o momento pola Marea Atlántica, enriquecéndoo e completándoo a través da intelixencia colectiva. Esta fase será tamén un instrumento para a participación e o empoderamento cidadán.
b.4. Recollida telemática de achegas á proposta de Programa
En paralelo á presentación pública, porase en marcha a ferramenta telemática para a recollida de achegas por parte da cidadanía. Esta fase terá o obxectivo de mellorar, a partir da participación máis ampla, a proposta.
b.5. Elaboración do Programa definitivo
A Comisión de Programa, en base aos resultados do período participativo e de acordo á metodoloxía aprobada pola Rede, poderá crear equipos específicos e/ou convidar a persoas especializadas dos diferentes ámbitos abordados para desenvolver partes técnicas do Programa definitivo da Marea Atlántica, co fin de garantir a coherencia, legalidade e adecuación técnica na redacción final do Programa Participativo.
Estudarase a viabilidade das propostas feitas durante a fase anterior e incorporaranse aquelas que se estimen acaídas, seguindo o procedemento metodolóxico previamente aprobado pola Rede.
Así mesmo, para conseguir os devanditos obxectivos, nesta fase será imprescindible a participación activa do Grupo Institucional.
b.6. Referendo
O Programa definitivo será referendado pola Rede.
- Presentación do Programa Electoral
Presentarase o Programa definitivo á cidadanía para o seu coñecemento e difusión pública. A Comisión de Programa coordinarase co equipo da Marea Atlántica encargado da campaña electoral para definir os formatos máis acaídos para a súa difusión, con presenza de prensa e tomando en conta ferramentas presenciais, analóxicas e telemáticas.
O Programa será presentado publicamente pola Comisión de Programa antes do inicio da campaña electoral, en coordinación cos grupos encargados da Candidatura e da campaña electoral.
- Difusión do Programa Electoral
O equipo de campaña, previamente aprobado pola Rede, difundirá o Programa adaptando o seu formato ás necesidades da campaña. Tamén elaborará un documento resumo de impacto mediático como ferramenta da campaña electoral.
Na difusión do Programa procurarase un estilo que facilite a transmisión de ideas de xeito completo pero claro e conciso.
- Participación
- Grupos da Marea Atlántica
Os grupos da Marea Atlántica participarán activamente na elaboración da proposta de Programa Participativo en todas as súas fases, de acordo ao procedemento aprobado pola Rede, e prestarán especial atención ás demandas e necesidades da cidadanía no seu ámbito de traballo. Non só se trata de levar adiante o programa transformador da Marea Atlántica, senón tamén de escoitar as necesidades e desexos da veciñanza.
Todos os grupos da Marea Atlántica participarán activamente na difusión do Programa Participativo aprobado, tomando en conta as necesidades da campaña electoral.
- Participación individual das persoas activas da Marea Atlántica
As persoas activas na Marea Atlántica poderán participar nas diferentes partes do proceso segundo o procedemento aprobado pola Rede. Participarán de xeito individual na elaboración do Programa en función dos seguintes niveis diferenciados, en base ao seu interese, capacidade e dispoñibilidade (de maior a menor):
- Formando parte da Comisión de Programa.
- A través dos grupos da Marea nos que estean participando activamente, en función do recollido no punto anterior.
- Elaborando e presentando propostas,individuais ou colectivas, a través da ferramenta telemática posta en marcha a tal efecto.
- Apoiando propostas presentadas por outras persoas ou colectivos na ferramenta telemática.
- Participando no Encontro Aberto a toda a cidadanía.
- Participación cidadá
A cidadanía pode participar na elaboración do Programa en base a tres niveis diferenciados, en función do seu interese, capacidade e dispoñibilidade (de maior a menor):
- Elaborando e presentando propostas, individuais ou colectivas, a través da ferramenta telemática posta en marcha a tal efecto.
- Apoiando propostas presentadas por outras persoas ou colectivos na ferramenta telemática.
- Participando no Encontro Aberto a toda a cidadanía.