Saltar ao contido

Hoxe na Mesa da Mobilidade trasladamos a necesidade de seguir apostando polo transporte público

Logo da sentenza que avala a baixada do billete de bus executada no anterior mandato, xa non hai escusa para aplicar os descontos ás persoas menores de 26 e maiores de 65 anos que pacatamos co PSOE no pacto de investidura

Do mesmo xeito, cómpre avanzar no redeseño das liñas de autobús e na coordinación metropolitana do transporte

Co gallo dunha nova convocatoria da Mesa da Mobilidade, a Marea Atlántica lembra a urxencia de seguir avanzando na mellora do transporte público na Coruña, que pasa irremediablemente por mellorar os servizos e o prezo do bus, tal e como se iniciou no mandato de Xulio Ferreiro.

“En dous anos non hai novas propostas para avanzar no uso do transporte público urbano malia que, para a investidura da alcaldesa, pactamos varias medidas neste eido. Sen ir moi lonxe, unha vez a xustiza ten avalado que baixaramos as tarifas no anterior mandato, xa non hai escusa para non establecer descontos nos billetes dos usuarios menores de 26 anos e maiores de 65”, expón a voceira da Marea Atlántica, María García.

Logo de baixar as tarifas do bus, A Coruña bateu marcas de persoas usuarias do transporte público: en 2019,  23 millóns, un millón máis ca o ano anterior. As políticas do goberno de Xulio Ferreiro marcaron a liña que se debe seguir en mobilidade.

Sen avances e sen escusas

En febreiro xa levamos a pleno unha moción para reclamarlle a Inés Rey que cumpra as súas promesas e aposte dunha vez por fomentar o transporte público e a mobilidade sostible na Coruña. Unha proposta artellada logo de coñecerse a sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 4 que avalou a decisión de baixar o billete do bus en 2019, por primeira vez 30 anos. A dita sentenza sinalaba un beneficio extraordinario ou excepcional por excesivo” da Compañía de Tranvías, polo que tendo en conta a duración do convenio de 38 anos, “entra dentro do razoable e proporcionado que o Concello poida revisar as tarifas (…) sendo desproporcionado o equilibrio entre o beneficio da Compañía e o interese público da cidadanía”.

A mobilidade metropolitana, tamén sen progreso

Como xa vimos sinalando ao fío da rolda de contactos que a Marea Atlántica está a manter coas alcaldías da área, para reimpulsar esta cuestión, a mobilidade é unha dos asuntos que precisa dunha ollada máis ampla e para o que é necesario contar cunha poboación de preto de medio millón de habitantes que viven e traballan entre concellos.

Como dixo a nosa voceira María García durante a reunión co alcalde de Oleiros, “o único cambio substancial na mobilidade metropolitana nos dous últimos anos foron os atascos de Sol y Mar. En lugar de avanzar, imos a peor”

Temos que lembrar que tamén foi no mandato de Xulio Ferreiro cando se chegou ao acordo que permitiu que a liña 1A chegase ata Santa Cristina, en Oleiros, grazas a un convenio asinado en abril de 2019. Tamén a ampliación da liña 24 ata Culleredo e Arteixo, con vontade metropolitana, foi deseñada e executada polo goberno anterior. Este pasado marzo chegaba tamén a sentenza avalando esta extensión.

 

Os acordos pendentes 

1.- Aplicar as bonificacións para menores de 26 e maiores de 65 anos na tarifa do bus, acordadas coa Marea Atlántica no pacto de investidura.

2.- Implantar unha tarxeta Millenium Sen Barreiras para persoas en situación de vulnerabilidade e con diversidades funcionais.

3.- Presentar en 2021 un novo mapa de liñas de bus adaptado á Coruña de hoxe, reformando as liñas para atender as necesidades dos barrios e mellorar a conectividade de hospitais, polígonos industriais, centros de ensino, etc.

4.- Crear en 2021 una nova liña que conecte as vías de entrada na cidade coas estacións de autobuses e tren, así como co polígono de Agrela.

5.- Fomentar a cultura do transbordo para mellorar a conectividade dos centros hospitalarios e de saúde con paradas, liñas e frecuencias.

6.- Ampliar o horario do bus nocturno na fin de semana.

7.- Acondicionar as paradas de bus urbano para que sexan accesibles e máis confortables. Revisión da concesión das marquesinas.

8.- Poñer en marcha da APP Millenium para o pago do transporte público a través do móvil. Pode facerse dun xeito inmediato, xa que a maior parte do traballo quedou feito polo goberno da Marea Atlántica.

9.- Finalmente, instamos ao goberno municipal e ao da Xunta de Galicia a retomar e acelerar o traballo para a creación dunha autoridade única para o transporte metropolitano, que se adapte á realidade da comarca coruñesa e coordine a mobilidade entre os diferentes concellos. 

 

Reclamamos que se desbloqueen xa as bonificacións no billete de bus a menores de 26 e maiores de 65