Saltar ao contido

Mantivemos un encontro co alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, dentro da nosa rolda de contactos analizar os problemas da área metropolitana da Coruña

É necesario que a Xunta colabore cos concellos para crear unha autoridade única de transporte, que organice as liñas de bus en función dos desprazamentos reais da veciñanza

A voceira da Marea Atlántica, María García, e o vicevoceiro, Iago Martínez, mantiveron hoxe unha xuntanza co alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, dentro da rolda de encontros metropolitanos que comezou o pasado venres en Sada. Desde alí, María García constatou que “o único cambio substancial na mobilidade metropolitana nos dous últimos anos foron os atascos de Sol y Mar. En lugar de avanzar, imos a peor”. 

Xunto a García Seoane, as concelleiras da Marea Atlántica analizaron a situación da área metropolitana da Coruña, sen impulso desde outubro de 2019, os problemas no Consorcio das Mariñas e como afectan a servizos comúns dos distintos concellos, como a planta de Nostián, sen contrato e sen visos de renovalo neste mandato; ou a mobilidade interurbana, centrada unicamente en obras para facerlle máis sitio aos coches. 

Como pode comprobar calquera das case 500.000 persoas que viven na área metropolitana da Coruña, os atascos en Sol y Mar poñen de manifesto as carencias do transporte público entre os distintos concellos. Cando tes unha única opción, o vehículo privado, calquera contratempo se traduce en problemas. 

Avances herdados do mandato da Marea Atlántica

Neste sentido, María García reclamou que a Xunta de Galicia acepte dunha vez sentarse cos concellos para crear unha autoridade única de transporte metropolitano, que coordine a mobilidade en base aos desprazamentos reais da veciñanza e non ao mapa administrativo. Xa no ano 2018, o goberno de Xulio Ferreiro impulsou un acordo da Mesa de Alcaldes e Alcaldesa da comarca da Coruña para reclamar esta autoridade única, trasladando varias alegacións aos plans de transporte da Xunta, que foron completamente ignoradas. 

Oleiros é un dos dous concellos limítrofes aos que chegan os buses urbanos da Coruña (o outro é Arteixo). A extensión da liña 1A ata Santa Cristina, renovada este ano e moi ben acollida pola veciñanza, naceu dun acordo impulsado no mandato da Marea Atlántica, e amosa que non é tan difícil coordinarse para superar as fronteiras municipais. 

María García tamén lle pediu a Inés Rey que faga do transporte público unha prioridade do seu goberno para o que lle queda de mandato, e cumpra os acordos pendentes coa Marea Atlántica para renovar as liñas de bus e introducir novos descontos no billete: para maiores de 65 e menores de 25 anos. A rebaixa do bus realizada polo goberno de Xulio Ferreiro, a única na historia recente da Coruña, fixo que se batesen marcas de viaxes e foi xa avalada por una sentenza xudicial. Non hai motivos para non seguir a avanzar nesta liña. 

Non esquezamos o tren de proximidade

Do mesmo xeito, a nosa portavoz reclamou, como están a facer desde hai tempo diversos concellos e iniciativas cidadáns, que o Estado invista o necesario en mellorar a rede de ferrocarril de cercanías, mellorando o servizo e as frecuencias. En moitos casos, o tren pode converterse nunha alternativa rápida, barata e pouco contaminante ao vehículo privado. 

A nosa rolda de contactos cos concellos da comarca continuará nos vindeiros días, coa intención de escoitar de primeira man as súas opinións e reactivar o proxecto dunha Lei de Área Metropolitana da Coruña, impulsada desde a Comisión Especial que se creou neste mandato en María Pita. Grandes retos como a mobilidade, vivenda e xestión de residuos, entre outros, teñen caracter metropolitano e non se van resolver sen saír de Méndez Núñez. 

María García: “En dous anos, o único cambio substancial na mobilidade metropolitana foron os atascos de Sol y Mar”