María García e Iago Martínez reuníronse con Óscar García Patiño para recoller as súas impresións e retomar a senda de cooperación aberta durante o pasado mandato
Os acordos de Mariñán incorporaban unha folla de ruta para mellorar a planta de Nostián e as políticas de redución de residuos. Cómpre reimpulsar esa colaboración entre os nas estratexias de Residuo Cero
A voceira da Marea Atlántica, María García, e o vicevoceiro, Iago Martínez, continuaron hoxe coa rolda de contactos polo avance da Área Metropolitana da Coruña, nunha xuntanza co alcalde de Cambre, Óscar García Patiño. Trasladáronlle ao rexedor a aposta decidida da formación municipalista por desbloquear este mesmo ano a Área Metropolitana e avanzar na redacción dun anteproxecto de lei para levalo ao Parlamento de Galicia. O proceso comezou co liderado de Xulio Ferreiro en 2018, pero leva dous anos estancado e precisa reactivación.
O encontro, que continúa os mantidos en Sada e en Oleiros e que terá continuidade nos próximas días con novas visitas, centrouse nos grandes retos que precisan unha solución metropolitana: a mobilidade, a vivenda, a xestión da auga e tratamento de residuos, entre outros.
Neste caso, o futuro da planta de Nostián ocupou un papel central na conversa co alcalde de Cambre. María García defendeu a importancia “da colaboración entre os concellos en todas as fases das políticas de residuos: en darlle futuro á planta de Nostián, pero tamén no relativo ás estratexias de prevención e residuo cero ”. Un modelo no que a coordinación metropolitana é decisiva e que xa se tratou nos acordos de Mariñan e as mesas de traballo derivadas.
Por iso, García lamentou que o goberno local da Coruña renunciara a licitar o contrato de Nostián herdado da Marea Atlántica, que foi consensuado no Consorcio das Mariñas, e abra un novo proceso que non rematará nestes mandato. En todo caso, pediulle a Inés Rey que non perda de vista o diálogo cos distintos concellos se quere que o modelo propio de tratamento de residuos teña futuro.
Como xa temos sinalado, a cidade da Coruña hai tempo que non cabe nun só concello. Vivimos nunha área metropolitana de case medio millón de habitantes, unha realidade que precisa dunha estrutura administrativa para organizarse e responder ás necesidades da cidadanía.