Saltar ao contido

María García e Iago Martínez, voceira e vicevoceiro do noso grupo, mantiveron unha xuntanza con Benito Portela, alcalde de Sada, para tratar a situación de Nostián e o Consorcio das Mariñas e compartir a nosa preocupación polo desinterese de Inés Rey polas relacións metropolitanas

Convocaremos a comisión especial que presidimos para reactivar o traballo cara a aprobación dunha Lei de Área Metropolitana da Coruña. Retos como o tratamento de residuos, a xestión do ciclo da auga, a mobilidade ou a vivenda non poden resolverse desde os Cantóns 


A voceira da Marea Atlántica, María García, e o vicevoceiro, Iago Martínez, reuníronse esta mañá co alcalde de Sada, Benito Portela, no consistorio sadense, para tratar a preocupante situación na planta de Nostián, o estado do Consorcio das Mariñas e a Mancomunidade que non acaba de nacer, así como o que parece unha renuncia do goberno municipal da Coruña a xogar o papel que lle corresponde na área metropolitana. Foi o primeiro dunha serie de encontros que manterán cos concellos da comarca nos vindeiros días. 

“Os grandes desafíos da Coruña son metropolitanos, porque a cidade real non cabe xa nun só concello. Pretender amañar os problemas pensando só en Méndez Núñez non vai resolver nada”, argumentou María García. Lembrou que Xulio Ferreiro foi o único alcalde da Coruña que non se refuxiou no cantonalismo, creando a Mesa de Alcaldías da Área Metropolitana, que mantiña encontros periódicos, impulsando a Declaración de María Pita e unha coordinación metropolitana do transporte público. Esforzos que quedaron conxelados no mandato de Inés Rey. Manter a vontade metropolitana da Coruña era un dos pactos de investidura entre o PSOE e Marea Atlántica, e non se está a cumprir. 

Desde que o Pleno da Coruña se comprometeu en outubro de 2019 a  impulsar un proxecto de Lei de Área Metropolitana e levalo ao Parlamento de Galicia, non se produciron máis avances. Unha parte débese á pandemia e á crise sanitaria, que dificultou o traballo. Pero outra procede, innegablemente, do desinterese do goberno de Inés Rey. 

Deste xeito, Nostián atravesa unha crise que pode sentenzar o seu futuro, cunha concesión caducada e sen visos de renovala neste mandato, cun goberno municipal que carece de modelo de política ambiental. Nostián como alternativa ao modelo de incineración en Sogama está en risco, e só pode resolverse co compromiso das alcaldías da área.

O transporte público é outro reto claramente metropolitano. Reordenar as liñas de bus na Coruña é un traballo necesario, pero quedará coxo se non se afonda na conexión cos concellos limítrofes, nos que viven boa parte das persoas que traballan na cidade. Para iso é necesaria unha autoridade única que coordine o transporte e ofreza unha alternativa real a moverse en coche. E o mesmo coa vivenda. Mentres os municipios compitan para ofrecer solo, só gañan as promotoras privadas, mentres a veciñanza ve subir os prezos cada vez máis lonxe do seu peto. O urbanismo ten que afrontarse dun xeito global. 

Hai tempo que a cidade da Coruña desbordou os cativos límites oficiais do Concello. O aeroporto está en Culleredo, a planta de tratamento de augas, en Cambre e o porto exterior en Arteixo, e milleiros de persoas se desprazan cada día entre os municipios da contorna. Tal e como sinalou María García, “para adaptar a estrutura administrativa á realidade evidente, é precisa unha nova ferramenta de goberno. É precisa unha área metropolitana”.

Iniciamos en Sada unha rolda de contactos coas alcaldías da área para reimpulsar o proxecto metropolitano da Coruña