Saltar ao contido

Solicitamos que se respecte o acordo de non desaloxar o mercado sen data de inicio das obras. Pediremos acceso aos informes sanitarios nos que supostamente se basea a decisión

O convenio entre o Concello e a Xunta para a reforma de Santa Lucía nin sequera está asinado. Levamos dous anos sen avances de ningún tipo


A Marea Atlántica solicita que se ofrezan alternativas de reubicación ou compensacións aos postos do mercado de Santa Lucía logo de que o goberno ordene o seu desaloxo antes do 19 de xullo, sen que se saiba nada das obras de reforma nin haxa visos de que comecen. O concelleiro Alberto Lema sinala que, “durante o pasado mandato chegamos ao acordo de non expulsar ás praceiras e praceiros de Santa Lucía mentres non se iniciasen os traballos de mellora do mercado, un acordo que agora se está a incumprir”. 

O executivo local basea esta decisión, supostamente, en informes da Consellería de Sanidade que sinalan deficiencias no mercado. Pediremos acceso a estes documentos, que non se lles facilitaron ás praceiras, para comprobar se en realidade motivan unha decisión tan drástica coma unha orde de desaloxo. 

As necesaria reforma do mercado de Santa Lucía pasou de ser un asunto central na axenda da oposición no pasado mandato a levar dous anos no esquecemento e non ter sequera unha partida propia nos orzamentos da Xunta. Nestes momentos, nin sequera hai data para asinar o convenio entre os gobernos galego e municipal para as obras, polo que non se entende a urxencia do desaloxo. 

Por estes motivos, pedímoslle ao goberno local que recapacite, permita o mantemento dos postos en Santa Lucía ata o inicio da reforma, e ofreza alternativa ás persoas que alí traballan para que poidan continuar desenvolvendo a súa actividade.

Pedimos unha alternativa para reubicar os postos do mercado de Santa Lucía e urxe o comezo das obras