Esiximos que se cumpra o acordo de investidura para crear Coruña Enerxía, empresa eléctrica 100% pública, con fontes renovables, para plantarlle cara á estafa da factura da luz.
Por unanimidade, acórdase que o Concello instale pictogramas nos seus espazos de atención ao público, unha forma sinxela de facilitarlle a vida ás persoas con trastornos do espectro autista
O Pleno do Concello da Coruña aprobou hoxe as tres mocións presentadas pola Marea Atlántica, dúas delas por unanimidade, tras o diálogo co resto dos grupos. Así, saíu adiante a nosa reclamación dunha empresa eléctrica municipal, Coruña Enerxía: 100% pública, con fontes de enerxía renovable e tarifas sociais, plantándolle cara á suba desmedida das facturas da luz. Foi aprobada por toda a Corporación agás polo PP, que escolleu absterse.
A nosa voceira, María García, lembrou que a creación de Coruña Enerxía foi un acordo de investidura, incumprido polo PSOE, que agora é dobremente necesario ante o tarifazo que están a aplicar as grandes empresas, que xa se comeu a rebaixa do IVE proposta polo goberno do Estado. “Cando se mercadea cun ben de primeira necesidade, a enerxía, como se fóra un artigo de luxo, uns poucos enchen os petos e a maioría saímos perdendo. Hai familias que pasan frío na casa en inverno mentres toda a calor vai ás contas de resultados das empresas”.
A xestión da enerxía coma produto de mercado, cunha lexislación a medida logo de décadas de portas xiratorias entre os gobernos e as empresas do sector, ten un alto custo ambiental, acelera a emerxencia climática e arrasa o territorio, desprazando actividades coma a pesca, a gandería, o cultivo e a protección da biodiversidade. Cidades como Barcelona ou Cádiz teñen demostrado que se poden crear empresas municipais e dar alternativas, pero é preciso ir máis alá e mudar as leis para reducir o inxusto beneficio do oligopolio eléctrico.
Plan de Choque pola Xuventude
A nosa proposta dun Plan de Choque pola Xuventude, defendida por Claudia Delso, resultou aprobada por unanimidade, con achegas do PP e o BNG. Defende un reforzo das políticas públicas destinadas á xente moza, que merece apoio antes que criminalización, xa que está a sufrir o impacto da crise da COVID19 con especial forza.
A taxa de paro xuvenil no Estado español é superior ao 35%, cunha alta porcentaxe de emprego lixo e precariedade. E iso ten consecuencias como limitar o acceso á vivenda, coa taxa de emancipación máis baixa da Unión Europea, na saúde mental e mesmo no acceso á cultura e ao ocio.
En resposta, propoñemos a posta en marcha cunha bolsa de alugueiro e unha serie de axudas ao emprego destinadas á mocidade, xa incluídas no novo Presco por iniciativa da Marea Atlántica, xunto a medidas que fomenten a participación e alternativas de ocio, a través de programas como Nocturnia ou Educación en Rua.
Pictogramas en espazos municipais
Tamén foi aprobada por unanimidade, cunha emenda do BNG, a nosa moción para que se instalen pictogramas nos espazos municipais con atención ao público, para facilitarlle a vida ás persoas con trastornos de espectro autista.
As persoas con TEA teñen dificultades para comprender a linguaxe escrita, polo que empregar pictogramas permite, cun mínimo investimento, facer máis accesibles os servizos do Concello e garantir o dereito á cidade deste colectivo. Como sinalou Silvia Cameán, “fagamos un esforzo para ter unha cidade con maior accesibilidade cognitiva, máis amable para toda a veciñanza”.