Saltar ao contido

O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía comprometeuse a mellorar os tempos de espera para a atención social, que veñen de aumentar un 55% neste mandato e a crear unha nova prestación para a infancia en situación de vulnerabilidade

“Con Xulio Ferreiro, A Coruña chegou a ser a cidade galega con maior investimento social por habitante. Faremos que volva ser unha prioridade do goberno a partir do 28 de maio”, di Xove

O cabeza de lista da Marea Atlántica e candidato á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, comprometeuse hoxe a reforzar a atención nos servizos sociais e aumentar un 20% o investimento social do Concello da Coruña ao longo dos vindeiros catro anos, “para que volva ser un eixe do goberno, coma o foi durante o mandato de Xulio Ferreiro”. Xove lembrou que “no mandato da Marea Atlántica, A Coruña chegou, por primeira vez, a ser a cidade con maior investimento social de Galicia (105,94 euros por habitante), pero co PSOE produciuse un retroceso importante, segundo nos trasladan todas as entidades coas que falamos nos últimos meses”. 

Así, as listas de agarda en servizos sociais aumentaron un 55%, e os tempos de tramitación da renda social chegan a demorarse ata un ano. E segundo a última enquisa estrutural a fogares do Instituto Galego de Estatística, un 15,78% da poboación da cidade vive por baixo do limiar da pobreza, a porcentaxe máis alta en dez anos. Para afrontar isto, desde a Marea Atlántica reforzaremos o persoal e os recursos de Servizos Sociais. E melloraremos a Renda Social Municipal e as axudas de emerxencia para reducir os prazos de tramitación, ampliar a súa cobertura e facelas compatibles co Ingreso Mínimo Vital

“Tamén traballaremos para eliminar a fenda dixital no trato coa administración, para que ninguén quede atrás por non ter recursos tecnolóxicos”, salientou o candidato. Temos que evitar que haxa persoas en situación de emerxencia que non poidan acceder ás prestacións do Concello por non ter teléfono móbil ou acceso a internet, hai que facilitar os trámites presenciais e o apoio cando sexa preciso. Facer do Concello da Coruña unha administración de confianza.  

No programa electoral da Marea Atlántica, comprometémonos a crear unha nova prestación, dirixida a garantir as necesidades básicas de menores en situación de vulnerabilidade. “Igual que a Marea se atreveu a crear a Renda Social Municipal, unha axuda de último recurso que beneficiou a centos de persoas, atreverémonos a ir un paso máis aló cunha prestación especialmente dirixida á infancia, na procura de que se cumpran os dereitos sociais e a protección da infancia”. na Coruña. A xustiza social ten que volver a ser un eixe do goberno, como foi no mandato de Xulio Ferreiro”, explicou Xove. Na mesma liña, e como xa anunciaramos, a Marea Atlántica implantará un proxecto piloto de Renda Básica na Coruña, estudando o impacto desta prestación emancipadora.  

A tenda do barrio, unha aliada contra a inflación

En paralelo, o noso cabeza de lista comprométese a crear un bono destinado a ao pequeno comercio, que permita encher a cesta da compra de productos básicos a un prezo razoable, “facendo da tenda do barrio unha aliada contra a inflación”. A mesmo tempo, crearemos un Banco Municipal de Alimentos para apoiar o inmenso traballo que xa fan as entidades sociais na cidade da Coruña.

Xan Xove incrementará un 20% o investimento social nos vindeiros catro anos e reforzará o persoal para reducir as listas de agarda