Saltar ao contido

O candidato da Marea Atlántica implantará o programa “Coruña Responde” para aproximar a administración local á cidadanía e acabar co “labirinto burocrático”

Propoñemos rematar coa cita previa obrigatoria, profundizar na descentralización, reforzar o servizo do 010 e crear xanelas únicas nas que se poida realizar calquera trámite municipal

O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, comprométese a impulsar a partir de maio un “concello de confianza” no que a relación da cidadanía coa administración local sexa máis fluída e áxil. “Apostamos por reforzar a atención presencial, simplificar os trámites para tratar co Concello e garantir os dereitos dixitais da veciñanza”, explicou Xove. Para conseguilo, implantará o programa “Coruña Responde”, aproximando a administración á cidadanía para acabar co “labirinto burocrático”.

Xan Xove asistiu onte á charla de Eva Belmonte, directora da Fundación Civio, organizada pola Oficina dos Dereitos da Marea Atlántica e que ateigou o centro cívico de Monte Alto para falar de como a burocracia chega a transformarse nun obstáculo que afasta á xente dos seus dereitos sociais. “Entidades coma Civio fan un labor incrible para axudar a moitas persoas a orientarse no labirinto burocrático, e menos mal que existen, pero debería ser tarefa das institucións públicas garantir que ninguén perda unha bolsa ou unha licenza por non ser quen de enfrontar os trámites”, argumenta o candidato.

Cómpre lembrar que foi en colaboración con Civio que o goberno do alcalde Xulio Ferreiro implementou o portal “Onde van os meus impostos”, no que a cidadanía podía consultar toda a información económica do Concello de xeito accesible, dende os orzamentos e a súa execución até a relación dos principais provedores. Esta web quedou inactiva coa chegada de Inés Rey.

Descentralización e xanelas únicas

Os primeiros pasos para mellorar a atención á veciñanza a través do programa “Coruña Responde” deben ser a descentralización da administración local, creando tres xanelas únicas para que non sexa preciso acudir a María Pita nin petar en varias portas na maioría dos trámites. Paralelamente, debe eliminarse a cita previa obrigatoria, unha medida que sobrevive desde a pandemia e que se está a converter nunha auténtica barreira para moitas persoas, dificultando os trámites urxentes e agrandando a fenda dixital. 

É preciso mellorar e potenciar a atención telefónica a través do 010 para facer do Concello unha administración máis próxima. É un dos servizos mellor valorados pola veciñanza, e por iso mesmo cómpre coidalo con máis orzamento, máis persoal e outros detalles coma a garantía de atención en lingua galega.

Finalmente, o Concello debería crear unha carta de dereitos dixitais da veciñanza, e traballar para garantilos, incluíndo o acceso á rede, a non discriminación e á privacidade dos datos persoais. Estes dereitos deben aplicarse en todas as plataformas, aplicacións e iniciativas dixitais do Concello.

Xan Xove aposta por un “concello de confianza” con máis atención presencial, trámites máis sinxelos e garantía dos dereitos dixitais