Saltar ao contido

O candidato á Alcaldía pola Marea Atlántica reivindica que “unha cidade para a infancia é unha cidade que mira cos ollos da xente miúda, desde a perspectiva da vida e das persoas. Unha cidade na que toda a veciñanza sae gañando”

Recuperaremos o programa de patios abertos nos centros escolares, posto en marcha por Xulio Ferreiro, con outras medidas para integrar mellor os colexios nos seus barrios

Xan Xove, candidato á Alcaldía da Coruña pola Marea Atlántica, comprometeuse hoxe a mellorar e ampliar os parques da Coruña, para facer máis e para facelos máis acolledores a toda a veciñanza. “Crearemos zonas de xogo entre 6 e 12 anos e para maiores de 12, multiplicando o tempo no que os parques poden ser espazo de encontro e socialización, unha alternativa a irse ao centro comercial. E teremos en conta, tamén as necesidades das persoas con mobilidade reducida e diversidade funcional, para un espazo de xogo inclusivo”.

Xove participou nun acto no seu barrio, Labañou, desde a praza da Tolerancia, no que estivo acompañado polas integrantes da súa candidatura, a arquitecta Chiqui García (número 4) e a pedagoga e profesora universitaria Mariló Candedo (número 11), e reivindicou que “unha cidade para a infancia é unha cidade máis viva e amable para toda a veciñanza”. 

Chiqui García lembrou que un exemplo desta transformación dos parques é, precisamente, a praza da Tolerancia, deseñada no pasado mandato, nun proceso participativo coas familias do barrio. “Rematemos cos patios dos coles e os parques como chairas de cemento. Fagamos contornas máis seguras, verdes e amables. E ampliemos á idade. Con areas de xogo para maiores de seis anos. Deamos alternativas de ocio no espazo público, non unidas ao consumo”.

Pola súa banda, Mariló Candedo asegurou que “un espazo seguro para á infancia non é o que ten os muros máis altos, é aquel no que poden coñecer a sociedade na que viven, con ferramentas para resolver problemas. Podemos falarlles de cambio climático  e darlles só plástico e formigón? Podemos falarlles de racismo e non deixarlles coñecer a diversidade? A única maneira de afrontar os problemas da comunidade é crear comunidade”. Por iso, o noso programa inclúe medidas de reforzo da colaboración coas ANPAS e das actividades educativas. Escoller A Coruña é tamén isto.

“Construír unha cidade para a infancia é moito máis que construír unha cidade adaptada a nenos e nenas. É moito máis que ter en conta os fogares con nenos e nenas. É un xeito de mirar a cidade. Mirala dende a altura dos pequenos e as pequenas. Mirala dende a perspectiva da vida, das persoas. Do valor de uso, non do valor de cambio. Como sería Percebeiras se o miramos con ollos da xente pequena?”, preguntouse o candidato. 

Iso inclúe coidar os centros escolares e a súa contorna, para facelos máis seguros e verdes, o que tamén redundará nunha mellora dos barrios. “Neste mandato, gracias á iniciativa da Marea Atlántica, conseguimos que as escolas infantís municipais fosen de balde; no próximo faremos que sexan tamén verdes, xunto cos colexios públicos da cidade”, sinalou Xan Xove.

Neste sentido, o candidato comprometeuse a ampliar a rede de escolas infantís, cun proxecto piloto en Xuxán, combinando o servizo co dun centro de día. E lembrou que Inés Rey prometera abrir dúas novas escolas infantís públicas, e o que fixo foi perder unha, a Carmen Cervigón, xusto en Labañou.

Patios abertos e verdes

A Marea Atlántica recuperará o programa de Patios Abertos, que funcionou durante o último ano do mandato da Marea Atlántica, en 2019. Logrou que cinco centros escolares (Torre de Hércules, Manuel Murguía, Alborada, María Pita e Juan Fernández Latorre) abrisen os seus patios para o uso libre da veciñanza, gañando espazo público nos barrios.

Deste xeito, apostamos por mellorar os patios tanto das escolas infantís municipais como dos centros públicos de infantil e primaria. Trataríase de seguir a liña de traballo que se abriu durante o goberno de Xulio Ferreiro no colexio Torre de Hércules (o antigo Sanjurjo de Carricarte), cuxo patio foi reformado a partir das propostas da ANPA, da dirección do centro e do propio alumnado, no proxecto ‘O noso patio’, premiado na Bienal Internacional de Educación en arquitectura de UNICEF, e que serviu para humanizar considerablemente as instalacións. 

En liñas xerais, e sempre en diálogo coa comunidade educativa, deberían introducirse murais e elementos de vexetación en todos os patios escolares, para facelos máis amables e acolledores. E instalar aparcabicis que permitan que o alumnado e o persoal teñan facilidades para ir ao cole en bicicleta. 

Axenda de campaña: Monte Alto, A Gaiteira e Palavea

A xornada de campaña da Marea Atlántica continuará hoxe pola tarde, ás 20.30h, cun acto sobre a cidade feminista e o camiño cara a igualdade de dereitos. Será  na terraza do Bico Bar, na travesía de Orillamar 2. Con María José Durán, militante de Verdes-Equo e ecofeminista, Hortensia Rossi, activista nos dereitos das persoas migrantes, Cristina Antelo, traballadora do Servizo de Asistencia no Fogar e candidata da Marea Atlántica, e Bea González de Canales. En directo, teremos a actuación musical de Lúa Mosquetera, acompañada de Pablo Seijas.

Mañá, domingo 14 de maio, a axenda volverá ser dobre. Ás 13h, no bar Lounge 53 da avenida da Gaiteira, Xan Xove e Xulio Ferreiro compartirán un vermú coa veciñanza que se achegue ao barrio. 

Tamén o domingo, ás 19.00h, Xan Xove manterá un encontro coa cidadanía de Palavea, na praza do centro cívico. Estará acompañado por dous integrantes da súa candidatura e activistas veciñais de longo percorrido no barrio: Victoria Mejuto, auxiliar de enfermería, e Alfonso Mascuñana, profesor de filosofía xubilado.

 

Xan Xove fará parques máis acolledores, con zonas de xogos para maiores de seis anos e espazos adaptados á mobilidade reducida