Saltar ao contido

Sergi Raventós e Lluis Torrens, os responsables das iniciativas impulsadas na Generalitat de Catalunya e o Ajuntament de Barcelona, participarán o sábado 22 de abril nun acto da Marea Atlántica na Cidade Vella

Xan Xove: “É un paso natural desde a Renda Social Municipal que o goberno de Xulio Ferreiro puxo en marcha en 2016, e que o PSOE leva catro anos tratando de debilitar”

O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, comprométese a poñer en marcha un proxecto piloto de Renda Básica desde o Concello, durante o vindeiro mandato. Afondando nesta  liña, celebraremos una xornada sobre innovación en política social o vindeiro sábado 22 de abril no Centro Cívico da Cidade Vella, coa presenza de Sergi Raventós e Lluis Torrens, os responsables das iniciativas experimentais impulsadas na Generalitat de Catalunya e no Ajuntament de Barcelona.

Os proxectos piloto, que se están a levar a cabo en todo o mundo, son unha ferramenta para avanzar cara a implantación dunha renda básica universal, e teñen impacto inmediato na loita contra a pobreza e a desigualdade. O proxecto piloto aplícase de forma experimental sobre un colectivo reducido para avaliar o impacto e viabilidade destas políticas públicas, e supón un paso natural na evolución da Renda Social Municipal implantada no mandato de Xulio Ferreiro. Así, e aínda que a competencia de crear unha renda básica é estatal, os concellos poden actuar como laboratorio e medir os seus efectos.

Deste xeito, recollemos as demandas do Colectivo pola Renda Básica da Coruña, nunha liña que xa foi aceptada polo Pleno da Corporación en 2018, de xeito unánime e a iniciativa desta mesma plataforma. Na candidatura contamos con destacadas activistas pola Renda Básica, como Mariló Candedo, presidenta deste colectivo, e Rodri Gil, responsable da Oficina dos Dereitos

“Con esta proposta, queremos explorar novas fórmulas de protección, na liña da Renda Social Municipal, que xa supuxo unha segunda oportunidade para centos de persoas desde que foi implantada en 2016, co gran traballo da concelleira Silvia Cameán e de Carmen Villar, hoxe compañeira na candidatura da Marea Atlántica”, explicou Xove. “No próximo mandato tamén será o momento de reforzar e ampliar esta ferramenta, tras catro anos co PSOE tratando de matala de inanición: as entidades coas que falamos denuncian atrasos de máis dun ano entre que se concede e comeza a cobrarse”.

Programa da xornada Temos que falar da Renda Básica

O vindeiro sábado, 22 de abril, explicaremos a fondo esta proposta na xornada Temos que falar da Renda Básica: novos horizontes para a protección social. Será no centro cívico da Cidade Vella,  a partir das 10.30h. Será presentada por Xan Xove e contaremos coa presenza de Lluis Torrens, secretario de Asuntos Sociais e Familias da Generalitat e ex-director de Innovación Social do Concello de Barcelona; e Sergi Raventós responsable da Oficina do Plan Piloto para Implementar a Renda Básica Universal da Generalitat de Catalunya. 

Lembremos que o programa da cidade de Barcelona, B-Mincome, recibiu fondos europeos e foi capaz de reducir en 11 puntos o risco de pobreza severa, 13 puntos a inseguridade alimentaria e 17 puntos a probabilidade de non poder pagar a vivenda. 

Tras unha pausa, a xornada continuará ás cunha segunda mesa redonda titulada Cara onde imos cando falamos de innovación social?, na que estarán Mariló Candedo, presidenta do Colectivo pola Renda Básica da Coruña; Ana Louzán, responsable de Acción Social da ONG Viraventos (e independente integrada na candidatura da Marea Atlántica); e Noelia Teijeiro, Investigadora predoutoral experta en políticas fronte ao envellecemento. 

Xan Xove implantará un proxecto piloto de Renda Básica na Coruña durante o vindeiro mandato