Saltar ao contido

A Marea Atlántica pídelle explicacións ao goberno polos atrasos no pago da Renda Social, que chegan a superar o ano

Reclamamos a rápida execución dos novos orzamentos, xa en vigor, que reforzan a área social grazas ao acordo entre a Marea e o executivo local 

Silvia Cameán: “Da Renda Social depende que centos de persoas poidan cubrir as necesidades básicas para a vida. Debe tramitarse coa máxima axilidade posible”

A Marea Atlántica ven de rexistrar unha pregunta de resposta oral para o vindeiro Pleno, que se celebra o 5 de maio, sobre os atrasos no pago que está a acumular a Renda Social Municipal. Deste xeito, queremos pedirlle explicacións ao goberno polas demoras de ata un ano nos trámites desta prestación, da que moitas persoas dependen para cubrir as súas necesidades básicas. 

Segundo nos trasladan entidades sociais da Coruña, os problemas veñen empeorando desde hai meses, xa que existen ducias de persoas que teñen dereito a cobrar a Renda Social Municipal, pero non a están a recibir. “É grave, pois esta prestación é a última o portunidade de quen non pode optar á Risga nin ao Ingreso Mínimo Vital, e dela depende que centos de fogares poidan cubrir as necesidades básicas para a vida”, explica a concelleira Silvia Cameán.

Os atrasos deben resolverse canto antes. O Concello conta xa cun novo orzamento, aprobado de xeito definitivo cos votos e as propostas da Mareas Atlántica, no que se reforza a partida dirixida esta prestación e ás axudas de emerxencia. En xeral, o investimento en políticas sociais aumenta nun 12,3%. 

A Renda Social Municipal foi creada polo goberno de Xulio Ferreiro en 2016, e desde entón chegou a milleiros de fogares en situación vulnerable. Hoxe, nun momento de crise e emerxencia social, co custo da vida incrementándose cada mes, tramitala con axilidade pode ser a diferenza  ente tenderlle a man a quen o precisa ou permitir que caia na exclusión. 

 

A Renda Social acumula atrasos que chegan a superar o ano