O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía sinala que a fin do contrato é unha “oportunidade” para darlle á Coruña dunha ferramenta coa que “liderar sen peaxes a transición cara a unha mobilidade eficiente, fiable, verde, intermodal e metropolitana”
Esta mañá, en Monelos, celebramos unha xornada sobre mobilidade, coa participación de Toni Martínez, director adxunto da Empresa Municipal de Transportes de Valencia
O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, comprometeuse hoxe a crear unha empresa municipal de transporte na cidade en 2024, cando remate a concesión actual do servizo de bus á Compañía de Tranvías. “Temos a oportunidade de crear unha ferramenta poderosa, unha empresa pública que lidere, sen peaxes, a transición cara a mobilidade do século XXI, cara unha mobilidade eficiente, confiable, verde, intermodal e metropolitana”, explicou.
Este novo organismo, segundo detallou o candidato, xestionará distintos servizos relacionados coa mobilidade, entre outros o bus urbano, a rede de BiciCoruña ou os aparcadoiros, que deben remunicipalizarse a medida que vaian caducando tamén as concesións. E será o motor que avance cara a unha xestión integrada da mobilidade metropolitana, para o que se precisa crear unha autoridade única de transporte en cooperación coa Xunta de Galicia, algo que os concellos levan reclamando desde 2018, desde a Mesa de Alcaldías que liderou Xulio Ferreiro.
Xove fixo este anuncio na presentación da xornada Temos que falar de Mobilidade, que a Marea Atlántica organizou esta mañá no Centro Cívico de Monelos, e que contou coa presenza de Toni Martínez, director adxunto da Empresa Pública de Transportes de Valencia, un modelo que se pode adaptar para A Coruña. Tamén participaron Ramón Segura, do colectivo Mobi-liza, Pilar Candelas, delegada de CCOO, e Alberto Díaz, da Plataforma en Defensa do Tren A Coruña-As Mariñas.
Toni Martínez defendeu o modelo dunha empresa pública de transporte, “que sería moi útil nunha cidade coma A Coruña, onde a mobilidade é especialmente complicada pola súa xeografía”. O experto explicou que “tendo o interese xeral como meta, poderían abordarse cuestións pendentes, como renovar a frota de buses e introducir vehículos eléctricos e híbridos, traballar as conexións entre distintos modos de transporte e, dende logo, pensar con perspectiva metropolitana, integrando os desprazamentos entre os diferentes concellos que fan unha vida común”.
Varios modos de transporte, a mesma xestión pública
Así, cunha empresa pública de transportes ao cargo dos diferentes servizos, será posible ter unha política integrada de tarifas, é dicir, contar cun mesmo abono para o bus, BiciCoruña e os aparcamentos, por exemplo. O cal tamén favorecerá a intermodalidade e a conexión entre os distintos modos de transporte, para facilitarlle a vida á veciñanza.
Ademais, liderará o cambio do mapa de liñas de bus, ata o de agora bloqueado por mor da concesión privada. “Non podemos seguir cun autobús urbano pensado para A Coruña dos anos 80, que funciona ben na Praza de Pontevedra, pero é unha odisea en Novo Mesoiro ou Someso”, aclarou Xan Xove. Comprometeuse a apostar por “un mapa máis eficiente, intuitivo e confiable, que mellore a cobertura dos novos barrios e aos grandes nodos de actividade, coma o campus, os polígonos industriais e os centros sanitarios”. Tamén, por suposto, debería incrementar as frecuencias, reducir os tempos de espera e favorecer a intermodalidade.
Un mandato sen proxecto de mobilidade
Para Xan Xove, é o momento de facer unha aposta decidida pola nova mobilidade, sen tutelas e sen someterse aos beneficios de empresas privadas, tras un mandato no que houbo poucos avances. “O balance da xestión da mobilidade nos últimos catro anos pode resumirse en que Inés Rey chegou prometendo un ferry a Inglaterra e non foi quen de poñer carril bus en Juan Flórez”, asegurou o candidato.
A alcaldesa tampouco foi quen de facer o Plan de Mobilidade que levaba no seu programa, nin de renovar o mapa de rutas do bus, nin de implantar as tarifas reducidas para menores de 25 e maiores de 65 anos, que pactou coa Marea Atlántica. Coma en moitas outras áreas, faltou un modelo de cidade e faltou traballo político.
“O último estudo de mobilidade serio que se fixo foi en 2018, e amosou que entran e saen da cidade cada día 160.000 coches e vehículos privados. Máis dos que a cidade pode manexar, e a pesar de que se fala moito de áreas de baixas emisións e mobilidade sostible, as últimas medidas van en sentido contrario, coma os proxectos para Alfonso Molina e a Ponte da Pasaxe, pensados para meter maís coches ainda sen explorar solucións innovadores como carrís VAO ou carrís reversibles. O PSOE fala en verde, pero actúa en gris”, explicou o candidato.
Os principais avances deste mandato non foron iniciativas do goberno de Inés Rey: a rebaixa do billete do bus chegou grazas ás axudas do Estado, e a renovación de BiciCoruña, cos fondos europeos conseguidos por Xulio Ferreiro e o proxecto deseñado durante o seu mandato. Grazas a iso o uso da bici pública está a bater marcas mes a mes, pero como sinalamos esta semana cun estudo a partir dun software propio, non chega igual de ben a todos os barrios. Nalgúns casos, tes unha posibilidade entre catro de atopar a estación baleira cando vas por unha bici.
Para resolver estes problemas, a partir de maio, a Marea Atlántica terá que estar de volta no goberno municipal.