O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía visitou esta mañá o mercado de Elviña e conversou co seu presidente, Leonardo Tomé, e o resto das praceiras e os praceiros
Comprometémonos a lanzar un concurso público para renovar as concesións que caducan nos postos da Praza de Lugo, tendo en conta a antigüidade
O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, avogou hoxe por dinamizar os mercados municipais, non só como superficies comerciais, senón como espazos para a socialización, o encontro co barrio e a promoción da saúde a través dunha boa alimentación. “Os mercados serán un eixo do vindeiro mandato, no que se rematarán as obras impulsadas polo goberno de Xulio Ferreiro e no que seguiremos a potenciar a súa actividade”, afirmou.
Xove visitou o mercado de Elviña acompañado polo seu presidente, Leonardo Torné, un equipamento que ten unha enorme vitalidade e un gran contacto co barrio, e un exemplo neste sentido. O noso candidato lembrou que “os mercados son o espazo no que mercar alimentos saudables e no comercio local, pero tamén son puntos de encontro para a veciñanza, e así o entendeu sempre a Marea Atlántica”. Por iso puxemos en marcha actividades coma o mercado ecolóxico de San Agustín, que agora deixará de celebrarse por falta de apoio do equipo de Inés Rey. Faremos por recuperalo a partir de maio, cando Xan Xove estea no goberno local da Coruña.
Neste sentido, apostamos por seguir avanzando. Por mellorar a promoción dos mercados de cara á veciñanza, darlle formación continua ás persoas que traballan neles e fomentar o seu papel como nodos de alimentación saudable e de proximidade, así como na súa conexión coa hostalería local. Tamén deben explorarse fórmulas eficientes e verdes para o reparto de mercadoría, pois a chamada mobilidade de última milla é un dos elementos críticos da nova mobilidade urbana, como exploraremos na xornada que celebramos mañá no centro cívico de Monelos.
Concurso para renovar as concesións na praza de Lugo
Outra tarefa pendente para o vindeiro mandato é lanzar un novo concurso público para renovar as concesións dos postos da praza de Lugo, xa que moitas están próximas a caducar. Trátase do maior mercado da cidade, con máis de 100 postos, e este proceso debe empregarse para seguir mantendo a súa calidade e relación co barrio. Introduciremos os criterios de antigüidade para valorar as propostas, ao tempo que se procurará que aquelas persoas que renoven a concesión manteñan o mesmo posto. Teranse en conta tamén outros criterios, coma a inclusión de colectivos con problemas para acceder ao mercado laboral.
Melloras en Monte Alto, a Falperra e Durmideiras
Nesta liña van as obras dos mercados de Monte Alto e a Falperra, financiadas cos fondos europeos DUSI conseguidos en 2017, e que se rematarán no vindeiro mandato. Tamén a do mercado de Durmideiras, que se renovou hai pouco a partir do proxecto deseñado e financiado polo goberno anterior, pero como sinalou Xan Xove nunha recente visita ao barrio, “o problema é que a rehabilitación non foi acompañada dunha programación de usos.
O mercado de Durmideiras ten potencial, pero está a medio gas, con postos sen cubrir, coa asociación veciñal agardando polo local que se lles prometeu e con negocios pendentes de licitación. Debería converterse no lugar que centralice os servizos que lle faltan ao barrio”.