A Marea Atlántica realizou un estudo dos datos de uso de BiciCoruña a partir dun software propio: o servizo debe mellorar nos barrios para que sexa unha alternativa na mobilidade cotiá
Xan Xove: “Demostrouse que Xulio Ferreiro tiña razón cando apostou pola bicicleta eléctrica. Agora é o momento de levar BiciCoruña ás 25.000 persoas que aínda non teñen unha estación próxima e mellorar o funcionamento integral do servizo”
As estacións de BiciCoruña situadas no cinto da Rolda de Outeiro e outros barrios como Monte Alto, a diferenza das que se ubican no centro, pasan ata unha cuarta parte da primeira hora punta dos días laborables, entre as 8.30h e as 10h, sen ningunha bici coa que dar servizo á veciñanza. Así, o seu uso para a mobilidade cotiá obrigada, coma alternativa ao coche, complícase pola incerteza de non saber se haberá ou non bicis cando se necesita. Esta deficiencia repítese tamén, aínda que cunha intensidade máis matizada, no resto das franxas horarias nas que a demanda é alta, entre 14 e as 15.30h e de 18h a 20h. O servizo fállalle aos barrios.
O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, explicou que “na Marea Atlántica desenvolvemos unha aplicación informática que nos permite saber, minuto a minuto, cantas bicicletas dispoñibles hai en cada estación, e procesar despois eses datos. E o que descubrimos non é ningunha sorpresa. Hai estacións de primeira, que sempre teñen bicis en hora punta, cando as precisas para moverte, e hai estacións de segunda, especialmente nos barrios máis poboados, que chegan a estar baleiras ata un 25% do tempo nesas franxas tan importantes”.
Xove argumentou que “o tempo demostrou que Xulio Ferreiro tiña razón. Cando o goberno da Marea Atlántica apostou pola bicicleta eléctrica no plan EIDUS Coruña co que se gañaron 15 millóns de fondos europeos, moitos tomárono a broma. Agora que se demostra que está a ser un éxito todo o mundo corre a poñer a medalla. Nós non queremos medallas. Queremos máis BiciCoruña para todos os barrios”.
Para obter estes datos, a Marea Atlántica empregou un software de creación propia, co que analizamos a información que as estacións de BiciCoruña comparten dun xeito público. Deste xeito, revisamos o uso do servizo durante os días laborables de catro semanas, entre o 27 de febreiro e o 24 de marzo. Delimitamos as tres franxas de uso máis intensivo (de 8.30h a 10h, de 14 a 15.30h e de 18h a 20h) e atopamos que 15 das 35 estacións operativas neste período chegaron a quedar sen bicis máis do 10% do tempo nestas horas punta. Oito delas, máis do 20% do tempo.
As estacións que pasan máis tempo baleiras
O problema nótase especialmente nas primeiras horas do día, e sobre todo na contorna da rolda de Outeiro e en Monte Alto. É neste último barrio onde se atopa a estación que pasa máis tempo baleira de toda a cidade, a do Campo de Marte (máis do 25% do tempo sen bicis entre as 8.30 e as 10h da mañá). Séguea de preto a do número 94 Rolda de Nelle, entre a Agra e os Mallos (23,5% da franxa da mañá baleira), e a da rúa Emilio González López (23% da hora punta matinal sen bicis). As da rúa Alberto Datas Panero, na Sagrada Familia, e o garaxe Os Castros, tamén superan o 22% do tempo baleiras. Ao final deste texto tedes unha táboa e un mapa online para consultar os datos de cada estación ao detalle. As denominacións das estacións son as que emprega a propia aplicación do Concello.
Outro problema, que queda claro nesta gráfica, é que hai máis de 25.000 veciñas e veciños que non teñen próxima unha estación de BiciCoruña. Establecendo un radio de 500 metros como distancia óptima para facilitar o acceso ao servizo, vemos que hai barrios coma Someso, Novo Mesoiro, Xuxán, Feáns ou Visma que non están
cubertos pola rede. E quedan tamén fóra espazos tan sensibles coma os polígonos industriais de Agrela e Pocomaco e o campus universitario, lugares de destino dos desprazamentos diarios de milleiros de persoas.
Máis usos, a mesma estrutura
A demanda de BiciCoruña non parou de aumentar desde a implantación das bicis eléctricas e as novas estacións deseñadas e financiadas no mandato de Xulio Ferreiro. Xa se superan as 7.000 persoas rexistradas e os 60.000 usos mensuais, segundo os datos oficiais do Concello. O problema é que a estrutura do servizo non foi quen de medrar ao mesmo ritmo.
Como explica o noso candidato, “Inés Rey fixo o doado: investir os fondos europeos conseguidos polo goberno da Marea Atlántica en bicis e estacións. Investiu pero deixou o servizo como estaba: BiciCoruña ten o mesmo persoal precario e o mesmo equipamento para o transporte e mantemento de bicis que tiña antes de ampliar estacións e incorporar as bicis eléctricas”.
A solución: máis e mellor BiciCoruña
A solución está clara: reforzar o equipo, contratar máis persoal, mellorar as condicións laborais do actual e poñer máis medios para que a reposición de bicis sexa máis rápida. Do mesmo xeito, reprogramaremos o servizo para que non sexan os barrios os que leven a peor parte e para que BiciCoruña sexa o que debe ser: unha ferramenta para moverse cada día no necesario.
Ademais, é necesario ampliar o tempo máximo de uso, especialmente no caso das bicis eléctricas que só dispoñen de 20 minutos, para adaptalo ao percorrido que a veciñanza fai no seu día a día, sen obrigar a ninguén a bater marcas de velocidade. Finalmente, negociaremos cos concellos limítrofes a integración metropolitana dun servizo de bicicleta pública.
“Temos que ampliar BiciCoruña para que chegue a todos os barrios e temos que xestionar mellor o servizo, con máis persoal, máis vehículos (preferentemente de baixas emisións) e mellores condicións laborais, para que acade todo o seu potencial na mobilidade diaria. Farémolo a partir de maio, coa Marea Atlántica de volta no goberno”, resume Xan Xove.