A Marea Atlántica levará unha moción ao próximo pleno para que todas as forzas políticas se comprometan coa aplicación da nova norma desde o Concello
A Coruña segue a ser a cidade galega máis cara para vivir de alugueiro: o prezo medio volveu subir en marzo até os 595 euros, cun incremento acumulado do 21% en catro anos
O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, comprometeuse hoxe a aplicar as medidas da nova Lei de Vivenda para reducir o prezo do alugueiro na cidade, que un mes máis volve ser a máis cara de Galicia. “A nova Lei de Vivenda está lonxe das expectativas creadas polo propio Goberno nos últimos anos e, desde logo, das demandas da PAH e os sindicatos de inquilinas, pero o seu desbloqueo é un avance que non se pode desaproveitar á vista da gravidade da situación; debería aprobarse e aplicarse o antes posible, porque lles dá aos concellos ferramentas”, explica o candidato.
En marzo, o prezo medio do alugueiro na Coruña volveu subir ata os 595 euros ao mes (fronte aos 583 de febreiro), segundo os datos do Observatorio de Vivenda da Xunta. Nos últimos catro anos, o incremento acumulado foi do 21%, facendo da Coruña a cidade máis cara de Galicia para vivir de alugueiro. Por iso, reúne as condicións recollidas no último borrador da lei para declarar mercado tensionado. Isto permitiría limitar os alugueres e conter o encarecemento, o que responde parcialmente ao que demandabamos no acordo de vivenda asinado co goberno local en decembro 2021: que a lei puidese ter efectos máis alá de Madrid e Barcelona.
O bloqueo dana ás inquilinas e aos inquilinos, non a Pedro Sánchez
“A Coruña precisa un goberno ao que non lle trema a man á hora de aplicar políticas públicas polo dereito á vivenda, e vaino ter un en maio”, asegura Xan Xove. Lamentablemente, a acción dos concellos vai estar condicionada polas comunidades autónomas, que teñen dereito de veto sobre os mecanismos de limitación dos alugueiros, por iso reclamámoslle ao PP que sexa consciente da grave situación que vivimos e non empregue a Xunta como ariete: “Non lle faría dano a Sánchez, senón ás inquilinas e aos inquilinos”.
O dereito á vivenda ten que ser unhas das prioridades na Coruña no próximo mandato, logo de catro anos perdidos, e todas as forzas políticas deberían telo claro. Por iso levaremos ao último pleno do mandato, no mes de maio, unha moción para que toda a Corporación se comprometa a aplicar a nova lei para baixar os alugueres e se inste ao PP a non poñerlle paus nas rodas. “Perdemos unha lexislatura na Moncloa, coas dúbidas para sacar adiante esta lei, e perdemos un mandato na Coruña, co total desinterese e falta de sensibilidade de Inés Rey. É hora de apostar en serio polo dereito á vivenda”, resume Xove.
Xuntanza co comité de parques e xardíns
No día de hoxe, Xan Xove e a voceira municipal da Marea Atlántica, María García, mantiveron unha xuntanza con representantes sindicais do servizo de parques e xardíns, que continúan denunciando os problemas no mantemento das zonas verdes e o arborado, ademais das condicións de traballo desiguais en postos semellantes: “Ninguén entende que se cobre un salario diferente por facer o mesmo traballo, segundo a zona da cidade que che toque”, explicou García. “Denunciámolo nós e os sindicatos no seu momento, pero o goberno local non quixo escoitar”.
O noso candidato comprometeuse a actuar de xeito diferente: “No vindeiro mandato, o mantemento das zonas verdes terá uns novos pregos, que eliminarán esta distribución ilóxica da carga de traballo, e que serán elaborados a través dunha consulta pública e tendo en conta as achegas de todos os sectores, como xa fixemos durante o goberno de Xulio Ferreiro”.