Socialistas e populares votaron en contra da creación dunha empresa municipal de transportes, desaproveitando a oportunidade que se abre coa fin da concesión en 2024
Resultaron aprobadas as nosas mocións para aumentar o investimento nos barrios e para aplicar na Coruña a Lei de Vivenda e baixar os alugueiros, esta última tivo o voto en contra do PP
O Partido Popular e o Partido Socialista votaron xuntos hoxe no Pleno do Concello da Coruña para rexeitar a moción da Marea Atlántica na que apostabamos pola creación dunha empresa municipal cando, o 31 de decembro de 2024, remate a concesión do servizo de bus á Compañía de Tranvías. É unha oportunidade para liderar, desde o público e sen atarse a unha empresa privada que busca só o beneficio e bloquea os cambios, para implantar na Coruña unha “mobilidade verde, fiable, intermodal e metropolitana”, en palabras de María García, a nosa voceira municipal.
Por desgraza, PP e PSOE rexeitaron este compromiso co público e amosaron a súa vontade de manter a xestión privada: “Ter unha empresa municipal de transporte que xestione o bus, BiciCoruña e os aparcamentos é viable, é realista e faise en moitas outras cidades. Deixalo todo en mans privadas unha vez máis é resignarse”, resumiu García.
Lembremos que a Compañía de Tranvías leva décadas poñendo dificultades á actualización do mapa de rutas, trazado nos anos oitenta. E que desde 2016 non renova a frota de autobuses, pero non deixa de sumar beneficios. Tal e como explicou a nosa voceira: “Con esta mentalidade, non se pode liderar un cambio no transporte público, e menos aínda se o concurso o gaña algunha das empresas que están a ser investigadas por irregularidades no transporte metropolitano da Xunta”.
Pola aplicación da Lei de Vivenda na Coruña
Si resultou aprobada, aínda que co voto en contra do PP, a nosa moción para aplicar as medidas da Lei de Vivenda na Coruña para baixar os alugueiros, declarando a cidade como zona tensionada. Todos os grupos comprometéronse a facelo agás o Partido Popular, que ten capacidade de vetala desde a Xunta. Xa que non axuda, que non poña paus nas rodas.
O noso vicevoceiro, Iago Martinez, lembrou que “como o PSOE só se acorda da vivenda en eleccións, desaproveitou na Coruña a oportunidade de tomar medidas neste mandato e aproveitar os fondos e as iniciativas que pactou coa Marea Atlántica, e non puxo en marcha esta lei no Estado ata o último momento. Unha lei que é mellorable, pero que abre oportunidades que temos que aproveitar”. Todas as medidas son necesarias na Coruña, onde cada mes proliferan sen control os pisos turísticos e onde o alugueiro medio xa é o mái elevado de Galicia.
Finalmente, a concelleira Silvia Cameán defendeu a terceira das nosas mocións, que reclamaba un maior compromiso cos barrios: “Todos os grandes investimentos deste mandato foron no centro, xusto nos barrios con maior renda per cápita. Quedan esquecidos Os Mallos, Os Castros, O Castrillón, Eirís, Elviña, Labañou, Someso, Novo Mesoiro, O Birloque e O Martinete… Agrávase a desigualdade e abandónase o espazo urbano”. Por iso, pediu “un cambio de rumbo na estratexia de humanización e restauración da nosa cidade”, que foi respaldado por unanimidade.
Despedida e agradecemento
Foi este o último Pleno ordinario do mandato, e o último no que María García, Iago Martínez, Silvia Cameán e Alberto Lema participarán como edís, xa que a candidatura da Marea Atlántica neste 28 de maio renóvase por completo. Demostramos que o noso cometido é facer da Coruña unha cidade mellor, non quedar a vivir da política.
Un grupo de mareantes acudiu hoxe á entrada do Pleno para agradecerlles ás catro concelleiras todos estes anos de honestidade, compromiso ético e traballo polo ben común, que seguirán a facer desde outras responsabilidades. A Marea Atlantica seguirá polos camiños que elas deixan abertos. En nome de toda a nosa organización, grazas por todo e por tanto.
Asuntos de goberno
Na sesión de hoxe, como asuntos de goberno, aprobouse definitivamente e por unanimidade darlles un nome oficial a varias rúas de Palavea que aínda carecían del, e recuperando as denominacións da toponimia tradicional. Unha iniciativa da asociación veciñal, a partir do traballo do lingüista Iván Méndez, e con achegas da Asociación Sociocultural ‘Campo da Pena’. Un avance de memoria e dignidade no barrio.
Ademais, trasladouse a normativa para o uso de drons por parte da Policia Local, que saiu aprobada coa nosa abstención. Como sinalou Alberto Lema, “é preciso aclarar puntos para garantir que esta tecnoloxía emprégase para a seguridade, non para a vixilancia”.
Por último, aprobouse definitivamente a nova ordenanza para dixitalizar a administración local, co noso voto favorable. Supón un avance, que quixemos mellorar cunha emenda, pero lamentablemente foi rexeitada polo goberno local. Recollíamos as achegas dun particular para garantir a transparencia cidadá e o dereito de acceso á información que asiste aos cargos públicos.