Saltar ao contido

A asemblea da formación municipalista completou este mércores o proceso de renovación interna anunciado tras as eleccións municipais de maio

Doce persoas conforman o equipo paritario que se fará cargo de “recuperar o pulso” nunha nova etapa que pasa pola celebración a medio prazo dunha Marea Viva

A Marea Atlántica conta xa cunha nova Coordinadora. A asemblea da formación municipalista, a Rede, completou na tarde do mércores o proceso de renovación interna anunciado tras os malos resultados electorais de maio. Un equipo paritario de doce persoas resultou elixido por unanimidade para poñerse á fronte dunha nova etapa. No documento co que se presentaron ante os compañeiros e as compañeiras comprométense a celebrar a medio prazo unha Marea Viva –equivalente a un congreso ou conferencia política– para “imaxinar e deseñar o futuro” e a poñerse a traballar decontado para “construír de abaixo a arriba” unha alternativa de cara aos comicios de 2027.

A Coordinadora, que inicia agora un mandato de dous anos, está composta por Xan Xove, Gema Rivera, Rodrigo Gil, Marta Cortacans, Iván Núñez, Eva García, Mariano Fernández, Mariló Candedo, Miguel Garea, Victoria Mejuto, Ahmad Sagir Matar e Elena Amiano. Supón, con respecto á saínte, un importante exercicio de renovación. Só catro persoas repiten nun órgano que, malia a recoñecer que a conxuntura é “difícil”, se propón “recuperar o pulso” da organización, renovar a aposta nunha política que non renuncie nin á “ética” nin á “democracia radical”, estimular a “corresponsabilidade” das persoas inscritas e poñer os “alicerces” para que a Marea Atlántica regrese á institución dentro de tres anos e medio.

Tras finalizar este proceso de renovación, no que estivo inmersa dende finais do verán, a Marea Atlántica está a retomar xa a súa actividade ordinaria. A nova Coordinadora ten a intención de reactivar grupos de traballo en torno a materias estratéxicas para a cidade e nas próximas semanas está prevista tamén a apertura do novo local da organización municipalista na Coruña.

A Marea Atlántica elixe por unanimidade unha nova Coordinadora para “construír de abaixo a arriba” unha alternativa para 2027