O goberno de Feijóo segue a reclamarlle a persoas sen recursos que devolvan o que cobraron, cantidades que chegan a superar os 4.000 euros e son imposibles de asumir para elas

Galicia está a cola en canto a investimento en servizos sociais e calidade das prestacións, segundo o índice DEC. É urxente actualizar as prestacións e reducir a burocracia 


A Marea Atlántica insta aos gobernos da Xunta de Galicia e o Estado a atopar solucións para facer compatibles o Ingreso Mínimo Vital, a Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) e as rendas sociais municipais como a da Coruña, en lugar de mirar para outro lado mentres persoas sen recursos teñen que devolver miles de euros por “cobros indebidos”. Como sinala a concelleira Silvia Cameán, “a Xunta estalle a reclamar cantidades de máis de 4.000 euros ás persoas que solicitaron o Ingreso Mínimo Vital e percibían a Risga mentres non chegaron a cobralo. A persoas que dependen destas axudas porque non teñen outros ingresos, e as que en lugar de axudar, afoga”.

A orixe do problema está falta de actualización da Lei de Inclusión Social. “Outras comunidades fixeron os deberes e compatibilizaron as súas prestacións co Ingreso Mínimo Vital, pero aquí a Feijóo non lle interesa. Da outra banda,  o goberno do Estado non pode lavar as mans e mirar para outro lado. Teñen que dialogar e poñer solucións”, engade Cameán. Xa o demandamos hai semanas, pero as facturas seguen chegando. 

A Risga foi reformada hai pouco, pero dun xeito insuficiente. As súas contías non cubren as necesidades básicas, adoita chegar tarde, con moitisimas complicacións burocráticas, con enormes listas de agarda e longuisimos tempos de tramitación. Pode solucionarse, pero é preciso ter a vontade política de facelo. 

Galicia, á cola en servizos sociais

A situación en Galicia é moi preocupante, polo absoluto abandono das políticas sociais por parte do goberno autonómico. Segundo o índice DEC, elaborado pola Asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais, o investimento en servizos sociais por habitante en Galicia é dos peores de España. Cun total de 367 euros por persoa e ano, a metade que Navarra (738 euros por persoa e ano), e cun severo descenso na puntuación de calidade das prestacións.

Mentres, segundo o Instituto Galego de Estatística, os fogares con dificultades para chegar a fin de mes aumentaron en 5,7 puntos durante o primeiro trimestre de 2021. A crise que nos deixa a pandemia vai esixir que as coberturas sociais se actualicen, para garantir que todas as persoas conten cuns ingresos mínimos para unha vida digna. Na Coruña quixemos facelo cunha proposta para actualizar a Renda Social Municipal, cinco anos despois da súa creación. Proposta que foi rexeitada polo PP e o PSOE, sen motivos e sen alternativas. 

As entidades do terceiro sector, as que están a traballar en primeira liña contra a exclusión, coinciden en sinalar a necesidade de reformar o sistema de servizos sociais, para facelo máis áxil, menos burocrático e máis adaptado ás urxencias actuais. Non pode ser que milleiros de persoas se vexan privadas do seu dereito a unha vida digna tras un muro de listas de abarda e problemas administrativos.