Saltar ao contido

Cinco anos despois da súa creación polo goberno de Xulio Ferreiro, esta prestación debe medrar cun maior importe, menos trabas burocráticas e menos incompatibilidades

O grupo municipal da Marea Atlántica defenderá no Pleno deste xoves unha moción para ampliar a Renda Social Municipal aprobada polo goberno de Xulio Ferreiro en 2016 e aumentar a súa cobertura como resposta a crise derivada da pandemia. Esta prestación, que lle ofreceu unha segunda oportunidade a centos de fogares sen outra alternativa, precisa adaptarse ás circunstancias actuais cun maior importe, menos incompatibilidades e menos trabas burocráticas, como xa trasladamos

Tal e como se indica na proposta, as cifras comezan a ser preocupantes. O Instituto Galego de Estatística di que no primeiro trimestre de 2021 aumentaron en 5,7 puntos os fogares con dificultades para chegar a final de mes. No mesmo período, desapareceron 1.120 empresas dos rexistros da Seguridade Social na provincia da Coruña. E segundo os últimos datos publicados (2019) a taxa de pobreza na nosa cidade é do 19,8%. “Pero non podemos esquecer que tras estas cifras hai vidas truncadas sobre as que cómpre intervir se queremos facer real que ninguén quede atrás”, di o texto da moción. 

Como resposta a esta situación, a proposta da Marea Atlántica é incrementar a contía da Renda Social Municipal ata os 765 euros mensuais (hoxe son 564), igualando o limiar da pobreza, e ampliar a súa duración desde os 18 meses aos dous anos, coa posibilidade de renovarse se continúa a ameaza de exclusión social. Tamén é preciso ampliar os perfís a protexer, con especial atención á infancia, á mocidade e ás persoas maiores, e facela compatible con outras axudas como as pensións non contributivas co período de agarda pola RISGA da Xunta, mentres non se recoñeza o dereito a cobrar a prestación autonómica.

Outra mellora necesaria é ampliar a definición de Unidades de Convivencia, para que poidan optar á axuda as persoas que comparten piso ou viven en residencias colectivas. De igual xeito, deben facilitarse os trámites, permitindo acreditar algúns requisitos mediante declaracións xuradas, e debe facerse incondicional o seu cobro, desvinculándoo da obriga de cumprir cun itinerario de inserción social. 

Finalmente, pedímoslle ao goberno municipal que poña en marcha unha campaña informativa sobre a Renda Social, para que as persoas que teñen dereito a cobrala saiban que poden contar con esta axuda.

Levamos a Pleno a nosa proposta para ampliar a cobertura da Renda Social Municipal como resposta á crise