Destínanse 150.000 euros a medidas de inserción laboral, unha contía insuficiente, pero que polo menos non deixa sen atender o grave problema do desemprego
Demandamos melloras nas axudas a pemes e autónomos para non repetir os erros do ano pasado: 98% do importe por adiantado e facilidades para os sectores máis vulnerables
A Marea Atlántica valora positivamente que se incorporen ao Presco as medidas de inserción laboral que o noso grupo demandara desde o comezo, aínda que cun importe aínda insuficiente, de tan só 150.000 euros, que agardamos que poida mellorarse. A nosa proposta de axudas á contratación foi incluída finalmente no borrador do plan de axudas, con liñas especialmente destinadas á mocidade e aos colectivos vulnerables. É necesaria nun momento no que o desemprego, a pesar da melloría estacional, é un dos principais motivos de preocupación para a veciñanza e afecta especialmente á mocidade.
Doutra banda, e tras coñecer hoxe as últimas propostas do goberno de Inés Rey na Comisión de Facenda, consideramos necesario mellorar as bases das axudas directas a persoas autónomas, pemes e micromepes para evitar que se repitan os erros do ano pasado e axilizar a súa tramitación. Lembremos que quedan sen pagar ducias ducias de prestacións concedidas en 2020.
Neste sentido, debería adiantarse o 98% do importe da axuda, tal e como permite a Ordenanza de Subvencións de Benestar, e non esixir a colocación de ningún cartel a cambio, unha medida estigmatizadora e rexeitada polos negocios.
Tamén debe facilitarse, na medida do posible, o acceso ás axudas daquelas persoas que teñan pequenas débedas coa administración, unha situación demasiado habitual tras os peches derivados do confinamento. E, finalmente, é necesario enfocar as medidas para beneficiar ás persoas autónomas e ás pemes e microempresas máis vulnerables, reducindo se é preciso o límite máximo de facturación para que sexan o máis redistributivas posible.
Recuperación dos convenios vetados ilegalmente
Unha vez máis, tamén instamos ao goberno local a aproveitar este plan de axudas para corrixir a cacicada da alcaldesa e recuperar os convenios vetados ilegalmente no Pleno do mes de febreiro: 340.000 euros destinados directamente ás entidades do terceiro sector, para reforzar o seu labor na primeira liña de acción contra a crise.
As nosas emendas incrementaban os convenios a case 30 entidades sociais, deportivas e culturais da Coruña, por un valor de 340.000 euros, entre as que se encontraban Provivenda ou Housing First, para atender o problema do senfogarismo; Clubtura, CUAC FM, Donaire ou a Asociación República Mardi Gras, para apoiar ao sector cultura; Espazoo Coop, dándolle pulo á economía social como alternativa de emprego, e organizacións como Viraventos, Ecos do Sur, RAIS ou Secretariado Xitano pola súa loita a prol da xustiza social.
En calquera caso, instamos ao goberno local a acelerar o máximo posible a tramitación dun plan que xa chega tarde, e que resulta cada día máis necesario para conter o impacto da crise. Seguimos a botar en falta medidas para defender o dereito á vivenda, mentres medran os desafiuzamentos, e a xustiza social, co índice de desigualdade en aumento. Pero un plan limitado é mellor ca ningún plan.