O goberno local anulou a licitación do contrato de adquisición de fondos en xullo de 2020 e non fixo máis intentos de regularizar a situación
Iago Martínez: “Outra proba máis, e xa perdemos a conta de cantas van, da desastrosa xestión de Inés Rey na área cultural. A cultura non está na súa axenda”
A Marea Atlántica denuncia que a compra de libros para as bibliotecas municipais acumula 96 facturas irregulares en dous anos. En total, suman reparos por un importe de case 200.000 euros. Sen contrato para a adquisición de fondos bibliográficos, tras anular a licitación a comezos de 2020, o goberno local non fixo nada para normalizar a situación. Como di o noso vicevoceiro e integrante da Comisión de Cultura, Iago Martínez, “é outra proba máis, e xa perdemos a conta, da desastrosa xestión cultural do goberno de Inés Rey. A cultura non está na súa axenda”.
En resposta ás nosas preguntas escritas no último Pleno, o executivo local asegura que este contrato de servizos bibliotecarios estará licitado antes de final de ano, pero o certo é que non figura no moi publicitado —e pouco realista— Plan de Contratación para 2021, máis centrado en contentar ás grandes construtoras.
En maio de 2020, en pleno confinamento, o aínda concelleiro de Cultura Jesús Celemín sacou un concurso público para renovar este contrato de compra de libros, elaborado de costas ás librarías da cidade e moi criticado polo sector. Tardou oito semanas en ter que anulalo polo recurso dunha empresa de Valladolid, e desde xullo de 2020 non houbo máis novidades.
A Asociación de Librarías da Coruña ofrecera, ese mesmo mes, un acordo marco para garantir que o investimento en libros quedase na cidade, unha proposta que axudaría nun momento crítico para o sector cultural e que contou con todo o noso apoio. Nin sequera tiveron resposta. “Pasaron dúas crises de goberno e tres responsables de Cultura, pero as facturas irregulares seguiron acumulándose sen cambios”, resume Iago Martínez.
O noso vicevoceiro lamentou, unha vez máis, a falta de empatía de Inés Rey cun dos sectores máis golpeados pola crise, pois “a Cultura non só nos enche a vida, como lembramos ben durante o confinamento, tamén é un sector que representa centos de empregos na Coruña, e que agora precisa axuda para levantar cabeza e recuperar a vitalidade que tiña antes da COVID19. Xa fixemos diversas propostas para desconfinar a cultura, e a alcaldesa debería escoitar por unha vez. A nosa man segue tendida”.
Renuncia á municipalización de toda a rede de bibliotecas
Doutra banda, volvemos confirmar o desinterese de Inés Rey por municipalizar toda a rede de bibliotecas municipais neste mandato, incumprindo así unha das súas promesas, outra máis. Nas respostas escritas deste último Pleno, con diversas evasivas, volve recoñecerse que non se fixo gran cousa e non se pensa facer máis neste mandato para recuperar de mans privadas as bibliotecas do Centro Ágora, o Fórum Metropolitano, a Sagrada Familia, Os Rosais e Durán Loriga.
Con esta decisión, incúmprese unha moción da Marea Atlántica, aprobada no Pleno do 12 de setembro de 2019 cos votos do PSOE e o BNG, e tamén o acordo de investidura asinado por Inés Rey e Francisco Jorquera.
Desaprovéitase así o traballo xurídico realizado polo goberno de Xulio Ferreiro para municipalizar estas bibliotecas, ao que o PSOE xa puxera todos os obstáculos posibles no mandato anterior.
Renunciar á municipalización supón renunciar a melloras na atención á cidadanía, maiores garantías de emprego e ao aforro de 300.000 euros anuais ao eliminar as intermediarias privadas.