Denunciamos que o goberno galego reclámalles miles de euros a persoas en risco de exclusión por incompatibilidades co IMV: en lugar de axudar, afoga
A reforma da Risga é urxente, a súa normativa actual non responde a unha realidade na que os fogares con dificultades para chegar a fin de mes aumentaron en 5,7 puntos
A Marea Atlántica insta á Xunta a renovar e ampliar a Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) como resposta á crise derivada da pandemia, para non deixar atrás a milleiros de persoas que precisan axuda. E reclama, ademais, que se faga compatible con outras prestacións como a Renda Social Municipal da Coruña ou o Ingreso Mínimo Vital do Estado.
Como sinala a concelleira Silvia Cameán, “os desequilibrios sociais do noso país, as altas taxas de risco de pobreza e as desigualdades que non se reduciron nos últimos anos desde a crise de 2008 fai irrenunciable que a administración autonómica intensifique as políticas de inclusión social”.
“A reforma da Risga é unha conta pendente desde hai anos, xa en 2018 lanzamos unha proposta desde os gobernos municipalistas que foi ignorada por Feijóo, e agora a situación é moito peor”, explica Silvia Cameán, responsable de Xustiza Social no pasado mandato. E engade que “non pode consentirse que o goberno galego estea a reclamarlle a persoas en risco de exclusión por ter solicitado o Ingreso Mínimo Vital, en lugar de axudar a quen o precisa, afóganos”. Mentres outras comunidades como Castela e León están a facer compatible a súa renda de inclusión social co novo IMV, Galicia queda de brazos cruzados.
O goberno de Feijóo falta a súa obriga de garantirlle os ingresos mínimos para unha vida digna a todas as persoas. A fenda da desigualdade non deixa de ampliarse. Segundo o Instituto Galego de Estatística, os fogares con dificultades para chegar a fin de mes aumentaron en 5,7 puntos durante o primeiro trimestre de 2021.
Propostas para unha Risga máis xusta
Deste xeito, reclamámoslle á Xunta que modifique a súa Risga para atender aos seguintes problemas:
- Aumento da contía da Risga en todos os seus tramos. Na súa forma actual, entre 400 e 726 euros, sitúase por debaixo do limiar da pobreza.
- Ampliar e redefinir os criterios de exclusión social. A crise da Covid está a crear novos perfís que non encaixan na normativa actual.
- Adaptar os requirimentos xerais de acceso para que a cobertura chegue a máis persoas.
- Eliminar a incompatibilidade co Ingreso Mínimo Vital, a Renda Social Municipal da Coruña e outras prestacións similares. Tamén coas pensións non contributivas.
- Modificar o cómputo dos ingresos económicos.
- Eliminar a redución dos ingresos derivados da libranza de coidados.
Cos mesmos motivos, xa reclamamos no Concello da Coruña unha reforma da Renda Social Municipal, creada hai cinco anos polo goberno da Marea Atlántica, e necesitada agora dunha ampliación de cobertura. Levamos o asunto ao último Pleno e, por desgraza, foi rexeitado por PP e PSOE, que non ofreceron ningunha alternativa.
Convidamos a estes dous partidos a recapacitar e afrontar a necesaria renovación das coberturas sociais, porque as consecuencias de renunciar a garantir as necesidades básicas da xente poden ser terribles. Xa o vivimos na crise de 2008, con consecuencias que chegan ata hoxe, e que poden multiplicarse. As persoas sempre deben ser o primeiro.