Saltar ao contido

A apertura do Castrillón depende dunha ampliación de capital do Concello a EMVSA para darlle liquidez. Foi aprobada en decembro e segue sen realizarse a 14 de abril

O atraso nas apertura das instalacións do Castrillón é outra consecuencia de non ter Orzamentos 2021 por unha decisión unilateral e irresponsable de Inés Rey

Nin un só avance cara a apertura do polideportivo e a piscina do Castrillón. No Consello de Administración da Empresa Municipal de Vivenda (EMVSA), celebrado hoxe, o goberno de Inés Rey seguiu sen aclarar cando pensa transmitirlle os fondos aprobados en decembro, por unanimidade. A concelleira Claudia Delso, integrante do consello, explicou que “nunha recente visita puidemos comprobar que as obras están rematadas e o único que falta para inauguralas é darlle liquidez a  EMVSA coa ampliación de capital prometida en decembro”.

Todos os grupos da oposición reclamáronlle ao executivo local que poña en marcha o modificativo de crédito necesario para desbloquear o polideportivo do Castrillón, petición que Delso trasladou tamén na Comisión Informativa de Deportes, celebrada esta mesma mañá. “Estamos a ver, unha vez máis, as consecuencias de non ter uns orzamentos aprobados este ano, do caos que Inés Rey causou coa súa irresponsabilidade. Pero se precisan fondos, poden buscalos nas partidas de propaganda, publicidade e externalizacións, nos que sabemos que hai varios millóns de euros aínda non comprometidos”. 

Concello Administración EMVSAA nosa concelleira insistiu, ademais, na importancia de impulsar a xestión pública das instalacións do Castrillón, algo avalado por un informe que encargou o director xeral de EMVSA, Jaime Castiñeira, e que demostra que a fórmula máis viable e económica é que sexa esta empresa municipal a que se encargue do polideportivo. “Será posible facelo grazas a que a Marea Atlántica modificou a encomenda municipal a EMVSA cando gobernaba, ampliando as súas tarefas”. 

O mesmo criterio de servizo público debería aplicarse no equipamento de San Diego, que leva desde maio de 2019 co contrato caducado. “Sería absurdo e ineficiente ter dous modelos distintos de xestión que compiten entre si para instalacións deportivas en barrios veciños, unha pública e outra privada. Así o indica o sentido común e tamén o informe encargado por EMVSA”, afirma Delso. O modelo público ten demostrado dar un servizo mellor e máis eficiente, e por el debería apostarse con firmeza e seriedade”. Sería, ademais, unha oportunidade para abrir posibilidades, como un carné único para empregar todas as instalacións municipais nas que practicar deporte, similar ao que xa existe coas bibliotecas.

Sen políticas de vivenda

No Consello de Administración de hoxe tamén lembramos que o PSOE continúa a incumprir, entre outros moitos, o acordo de crear unha bolsa de alugueiro social a través de EMVSA e dirixida a poboación xeral. Formaba parte do pacto para o inicio de mandato e debería terse materializado en 2020, pero non ten nin as bases redactadas. 

O Dereito á Vivenda leva décadas en perigo na nosa cidade, pero está dobremente ameazado debido á pandemia, cos prezos do alugueiro en crecemento constante e un Goberno do Estado que se nega a regulalos. Na Coruña precisamos un Plan de Vivenda ambicioso, que vaia máis alá de parches e actuacións puntuais, como xa temos demandado en varias ocasións. Pero Inés Rey prefire centrarse en impulsar pelotazos en Percebeiras ou nos peiraos interiores. 

Ampliación do horario de Bicicoruña

Doutra banda, reiteramos a nosa proposta por ampliar o horario de Bicicoruña, para dar 24 horas de servizo polo menos na fin de semana, facilitando que a xente nova empregue as bicicletas municipais para desprazarse. 

Xa o fixeramos en decembro e hoxe quedou demostrado que non houbo ningún avance neste sentido, aínda que o goberno municipal promete incorporalo á próxima ampliación de Bicicoruña para crear novas estacións e incluír bicicletas eléctricas, un proxecto deseñado e financiado con fondos europeos no  mandato de Xulio Ferreiro. 

Actividades ao aire libre para fomentar a saúde

Claudia Delso tamén insistiu na Comisión de Deportes en que o Concello debe tomarse en serio a súa competencia para organizar actividades deportivas ao aire libre, e reclamou se recupere o programa Coruña en Forma, creado no pasado mandato para fomentar o exercicio entre a veciñanza, con especial atención a maiores de 65 anos, con asesoramento de profesionais da educación física, e no que participaron centos de persoas en edicións sucesivas. 

Como xa levamos tempo reclamado, Coruña en Forma pode adaptarse ás medidas de seguridade obrigadas pola pandemia, e sería moi beneficioso para as persoas maiores da cidade. Tras meses de confinamento e mobilidade limitada, a activdade física é igual a saúde e calidade de vida.

“Pedimoslle ao goberno ambición nas políticas públicas e deportivas para atender ao crecente e preocupante sedentarismo da poboación. Poden vencellar o proxecto de Sendeiros da Coruña  ao fomento de paseos e rutas polos espazos verdes na cidade, poden apoiar iniciativas como o deseño de percorridos de varios quilómetros pola contorna urbana, presentado por un membro do clube de escalada AMI, poden sinalizar, informar… Calquera cousa mellor que a parálise actual”, conclúe Delso. 

O polideportivo do Castrillón segue sen data de apertura pese a que as obras están rematadas