As obras xa están rematadas, só falta que o Concello lle traslade a EMVSA os fondos para contratar persoal, maquinaria deportiva e mobiliario
María García: “En decembro aprobamos, por unanimidade, unha ampliación de capital a EMVSA que Inés Rey aínda non pagou. Un novo problema derivado da súa decisión unilateral de prorrogar os orzamentos”
A voceira da Marea Atlántica, María García, e a concelleira Claudia Delso, visitaron hoxe as obras do polideportivo do Castrillón, en compañía de persoal de EMVSA. Alí, puideron comprobar que as obras están completamente rematadas, pero falta que o goberno de Inés Rey o dote de persoal, mobiliario e maquinaria deportiva.
“O único necesario para avanzar é que o goberno municipal lle pague a EMVSA a ampliación de capital de 1,23 millóns que foi aprobada en decembro por unanimidade, pero que segue pendente”, denuncia María García. O certo é que o goberno local precisa facer un modificativo de crédito para dispoñer destes fondos, porque non estaban previstos no Orzamento 2020 e a alcaldesa escolleu unilateralmente prorrogalo en lugar de aprobar unhas contas este ano. “Unha vez máis, a veciñanza paga a decisión irresponsable da alcaldesa de non negociar novos orzamentos, a pesar de que toda a oposición está pedíndollo”, explica a nosa voceira.
Polo tanto, instamos a Inés Rey a resolver a situación canto antes, transferir o capital prometido a EMVSA e abrir estas instalacións. A xente do Castrillón leva demasiado tempo agardando por elas.
Cómpre lembrar que Inés Rey atopou os fondos do proxecto do polideportivo do Castrillón completamente listos grazas ao traballo da Marea Atlántica en 2019. A pesar de que o PP e o PSOE bloquearon os orzamentos deste ano, Xulio Ferreiro preparou un modificativo para comezar as obras canto antes.
O único que tiña que facer o goberno actual era dotalo de persoal e mobiliario, en non é capaz. Que lle pasa á alcaldesa?
Modelo de xestión pública
Da súa banda, Claudia Delso, tamén representante no Consello de Administración de EMVSA, reclama que se aposte por un modelo de xestión 100% pública, tanto nas instalacións do Castrillón cando se inauguren, como no polideportivo de San Diego, que leva desde maio de 2019 co contrato caducado.
“Temos que camiñar cara a un modelo único de xestión dos equipamentos deportivos, e o máis eficiente é o público: aforra custos, garante un mellor servizo e un emprego de calidade. Levamos reclamándoo desde o comezo do mandato”, explicou Delso.
A concelleira engade que “é antieconómico e ineficiente que uns equipamentos deportivos estean en mans do Concello, e outros nas de empresas privadas”, argumenta Claudia Delso. “Temos que aproveitar esta oportunidade para consolidar un modelo público, unificar servizos e mesmo abrir outras posibilidades, como un carné único para empregar todas as instalacións municipais nas que practicar deporte, similar ao que xa existe coas bibliotecas”.