Saltar ao contido

Claudia Delso: “Non imos pór en risco servizos como Bicicoruña, pero nos preguntamos de onde pensa o goberno municipal sacar os cartos sen uns Orzamentos 2021”

A concelleira criticou o estudo sobre a vivenda na Coruña, polas previsións irreais e a pouca calidade dos datos, “que non teñen en conta nin a pandemia nin o territorio”. O goberno comprometeuse a debatelo na Comisión de Urbanismo

 

A concelleira da Marea Atlántica Claudia Delso facilitou hoxe, co seu voto favorable, a ampliación de capital da Empresa Municipal de Vivenda (EMVSA) para garantir servizos como BiciCoruña. Unha actitude que contrasta coa do PP e o PSOE en 2016, que impediron unha operación semellante durante o goberno de Xulio Ferreiro. Non obstante, denunciou que a cantidade exacta desta ampliación queda no aire, ao carecer de proxecto orzamentario para o vindeiro ano.

Delso explica que “non imos pór en risco a viabilidade de EMVSA, pero nos preguntamos como vai facer o goberno municipal para afrontar esta ampliación de capital cuns orzamentos prorrogados. De onde recurtará? Unha vez máis, queda clara a necesidade de aprobar unhas contas para 2021 adaptadas á realidade da Coruña”.

Propostas para mellorar EMVSA

No Consello de Administración celebrado hoxe, Delso propuxo estudar, de cara ao vindeiro verán, unha ampliación do horario de BiciCoruña para dar 24 horas de servizo polo menos na fin de semana. “Sería unha aposta por facilitar a mobilidade da xente nova”, argumenta.

Tamén, aproveitando que EMVSA recibe a encomenda de xestionar o polideportivo do Castrillón, insistiu na necesidade de recuperar a concesión do polideportivo de San Diego, caducada desde hai meses e onde a empresa non para de acumular incumprimentos e irregularidades.”É o momento de afrontalo, é viable, e o Concello debe reconducir o modelo de xestión dos equipamentos deportivos municipais para apostar pola xestión directa, igualando as condicións e  calidade dos servizos”, sinala Claudia Delso.

Datos irreais sobre a vivenda

A concelleira tamén instou ao goberno municipal a aproveitar EMVSA para a fin coa que foi creada, que é fomentar as políticas de vivenda no Concello da Coruña e, tal e como fixo onte María García, criticou o estudo estatístico presentado no Consello de Administración pola pouca calidade dos seus datos. Neste sentido, reclamou un Plan de Vivenda que fomente o dereito a ter un fogar propio antes que operacións especulativas como a que se prepara nas Percebeiras.

“O estudo toma os datos máis optimistas de aumento da poboación e, a partir deles, establece unhas necesidades irreais de incremento de vivendas. Tampouco é nada claro no cálculo de vivendas baleiras a partir do consumo de auga, onde se sinalan máis de 11.000 inmobles, pero se recoñece que hai outros 20.000 dos que non se teñen datos por carecer de contadores, e que poden estar baleiros ou non”, explica Delso. Engadiu que o estudo, “non ten en conta as condicións xeográficas da Coruña, unha cidade moi densa nos seus 37 km2, nin se analiza o impacto da pandemia, nin se teñen en conta fenómenos como as vivendas turísticas, nin se ten en conta as xa irreales previsións do PXOM2013”.

Ante os defectos sinalados, o goberno municipal comprometeuse a levar o estudo a unha próxima xuntanza da Comisión de Urbanismo e Vivenda, para estudar a fondo estes problemas.

 

En 2016, o bloqueo por resposta

Lembramos que en 2016, durante o mandato da Marea Atlántica, EMVSA recibiu unha ampliación de capital de 1,23 millóns de euros, pero quedou sen reforzar o servizo de BiciCoruña polo bloqueo da oposición, con argumentos demagóxicos.

Estaba previsto destinar fondos extra da Renda Social Municipal, que se atopaba no seu primeiro ano e tiña abondo para cubrir as solicitudes, pero non foi posible, Ao final, ninguén que tivese dereito a RSM quedou sen cobrala, pero o déficit de BiciCoruña seguiu aumentando. É agora, por certo, cando quedan escasos os recursos da Renda Social e hai problemas para percibila, problemas que aumentarán en 2021 se a cidade non se dota de orzamentos.

 

Por responsabilidade, facilitamos a ampliación de capital de EMVSA, bloqueada por PP e PSOE en 2016