Saltar ao contido

Propuxemos aumentar 340.000 euros recortando en partidas de propaganda, publicidade e asesorías externas. Agora sabemos que tiñan un mínimo de 10 millóns dispoñibles

María García: “A alcaldesa preferiu protexer os seus fondos para fotos e actos propagandísticos antes de tenderlles a man ás entidades do terceiro sector en tempos de pandemia”

O asunto está en mans do xulgado, porque a decisión da alcaldesa vulnerou dereitos fundamentais da oposición

Inés Rey mentiu no Pleno do 24 de febreiro cando, para inadmitir de xeito ilegal as emendas da Marea Atlántica que ampliaban os convenios coas entidades sociais da Coruña, dixo que as rexeitaban porque descadrarían o orzamento municipal. Era falso. Segundo os datos que o goberno local non tivo máis remedio que facilitarnos esta fin de semana, mes e medio despois de que o noso grupo o solicitase ao abeiro da lei, as partidas orzamentarias que propuxemos modificar, a maioría de publicidade, propaganda e asesorías externas, tiñan un mínimo de 10 millóns de euros dispoñibles, máis ca suficiente para cubrir os 340.000 euros que reclamamos para incrementar o apoio ao terceiro sector. 

As partidas propostas pola Marea para trasladar fondos cara aos convenios estaban dotadas con 30,3 millóns de euros, dos cales só se executaran 2,5 millóns naquela data. Había, por tanto, 27,8 millóns dispoñibles de forma directa e, aínda restándolles os discutibles cálculos que o goberno asegura ter comprometidos a medio e longo prazo, quedarían 9,8 millóns. Trinta veces máis do necesario para financiar os 340.000 euros propostos pola Marea Atlántica. Só coas partidas de publicidade, propaganda e asesorías externas podían terse mobilizado 1,6 millóns, cinco veces máis do que solicitamos como apoio ao teceiro sector.

“Por dicilo claro, a alcaldesa preferiu protexer os seus fondos para fotos e actos propagandísticos antes de tenderlles a man ás entidades sociais, veciñais, deportivas e culturais en tempos de pandemia”, resume a nosa voceira, María García. A proba é que, xa a mediados de abril, aínda non se completaron os convenios, seguimos sen Orzamentos 2021 e sen novo plan de choque contra a crise. Só temos anuncios.

Esta información será posta en coñecemento do Xulgado do Contencioso Administrativo nº 4 da Coruña, onde xa foi admitido a trámite o noso recurso contra a vulneración de dereitos fundamentais da oposición por parte da alcaldesa, ao saltarse o artigo 23 da Constitución Española. 

Así foi a cacicada de Inés Rey

Na sesión plenaria do 24 de febreiro, Inés Rey apareceu cunha proposta pechada e sen negociación para renovar os convenios, despois de deixalos caducar coa prórroga unilateral do Orzamento 2020. Desde a Marea Atlántica, facendo uso dos nosos dereitos como representantes públicas, presentamos emendas que incrementaban os convenios a case 30 entidades sociais, deportivas e culturais da Coruña, por un valor de 340.000 euros, dándolle o merecido apoio aos colectivos que están a afrontar a pandemia en primeira liña. Pero a alcaldesa cometeu a cacicada de inadmitilas, rachando a legalidade. 

Para incrementar eses fondos, só habería que reducir algunha das 35 partidas orzamentarias que sinalaba a nosa emenda, todas elas de publicidade, propaganda, asesorías externas ou contratos adxudicados hai pouco por un importe menor do previsto inicialmente. O argumento peregrino de Inés Rey para blindar ilegalmente os seus fondos propagandísticos foi “o risco de aprobar contías que non contasen co orzamento suficiente”, tal e como figura na nota de prensa oficial. Neste Pleno non deu oportunidade a que falase o secretario municipal, que logo se desmarcaría da decisión da alcaldesa nun informe solicitado polo PP.

Xurisprudencia clara

De todos modos, a ausencia de fondos tampouco tería sido motivo suficiente para inadmitir as emendas. Existe xurisprudencia abonda neste sentido. As sentenzas 1842/2020 do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía, 486/2007 do Tribunal Superior de Xustiza de Cantabria ou a  18/2017 do Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Valenciana son claras en casos idénticos ao que vivimos en febreiro na Coruña. 

Na última, o TSX de Valencia é particularmente claro na súa resolución, sinalando que inadmitir as emendas dun concelleiro de Izquierda Unida – Los Verdes foi un “rexeitamento infundado e vulnera o dereito constitucionalmente protexido polo art. 23 nos seus apartados 1 e 2”, o dereito a participar nos asuntos públicos en representación do electorado.

O ditame deixa claro que “non existe disposición ningunha que permita o rexeitamento da emenda por razóns de oportunidade ou viabilidade, tratándose dunha análise de fondo cuxa avaliación non compete ao Alcalde que preside o Pleno, como órgano de admisión, senón ao propio Pleno, como órgano soberano que a efectúa precisamente mediante a votación, votación que lle foi substraída”. É dicir, que a alcaldesa non ten potestade para decidir se unha emenda é adecuada ou non, iso debe facelo o conxunto da Corporación co seu voto, cousa que Inés Rey impediu ilegalmente.

Inés Rey tiña ata 30 veces máis fondos dos necesarios para aumentar os convenios