Saltar ao contido

María García: “Inés Rey só se lembra das políticas ambientais e da emerxencia climática cando ten que sacar unha foto, pero non lles dedica acción de goberno”

En decembro de 2019, o goberno prometeu das os primeiros pasos para integrar en Emalcsa unha empresa municipal de enerxía, con tarifas sociais e fontes de enerxía renovables

Barcelona e Cádiz contan con unha, e con ela impediron que a suba da luz afectara aos fogares máis vulnerables. 

No Consello de Administración de Emalcsa celebrado hoxe tampouco houbo noticias do operador enerxético municipal que o Inés Rey se comprometeu a crear no pacto coa Marea Atlántica para o inicio do mandato. O goberno municipal anunciou que daría o primeiro paso o 17 de decembro de 2019, pero tras declarar Emalcsa medio propio -un dos trámites administrativos de inicio- nunca máis se soubo. “É unha mostra máis de que a alcaldesa só se lembra das políticas ambientais e da soberanía enerxética cando ten que sacar unha foto nalgunha efeméride, pero non lles dedica un minuto na súa acción de goberno”, sinalou a nosa voceira, María García. 

García repartiu hoxe, no Consello de Administración de Emalcsa, copias da proposta pactada coa Marea Atlántica o 13 de decembro de 2019, para lanzar un operador enerxético 100% público, e pediulle a Inés Rey que asuma dunha vez o compromiso de crealo. Este ente público ocuparíase, dentro do que permite a Lei do sector eléctrico, de adquirir enerxía nas mellores condicións de calidade, sustentabilidade e prezo, apostando polas fontes renovables. Pode facelo no seo de Emalcsa, unha empresa municipal que xa é un exemplo na xestión da auga, pero o goberno socialista mantén a iniciativa conxelada. 

Un operador enerxético propio permitiría, ademais, “cubrir as necesidades básicas mínimas e suficientes en todos os fogares”, garantindo que non se lle corte a luz ás persoas máis vulnerables e  combatendo a pobreza enerxética. Hai cidades que contan con un, como Barcelona e Cádiz, e empregárono para evitar que as subas da factura eléctrica repercutiran nos fogares con menos recursos. Funcionaría dun xeito semellante a como Emalcsa garante o mínimo vital de auga grazas a un dos poucos acordos coa Marea Atlántica que si foron cumpridos.

Cómpre lembrar que o 5 de xuño de 2020, aproveitando o Día Mundial do Medio Ambiente, a alcaldesa anunciou a creación do operador enerxético coma se fose unha novidade. Pero só é unha promesa incumprida, como todos e cada un dos os seus acordos en materia de medio ambiente, enerxía e emerxencia climática. Entre eles, o Mapa das Enerxías Renovables, para identificar as capacidades da Coruña na obtención de enerxía limpa, a Oficina da Enerxía para atención cidadá en cuestións de aforro, eficiencia e tarifas; e o Plan de Formación Ocupacional para o fomento do emprego no sector das renovables. 

O fomento das enerxías renovables é central na Axenda 2030 das Nacións Unidas, como xeito de enfrontar a emerxencia climática, e  propio operador enerxético aparece recollido na estratexia do Concello para cumprir coas metas da ONU. Pero Inés Rey e o seu equipo ignoran por completo estes compromisos. “Con este goberno, nin Orzamentos 2021, nin novo Presco con axudas ante a crise da pandemia, nin liquidación do ano 2020, nin operador enerxético. As promocións inmobiliarias van vento en popa, iso si”, resumiu María García. 

Ano e medio sen avances na creación dunha empresa municipal de enerxía