María García: “O único compromiso real do ministro Ábalos, buscar financiamento europeo dos fondos de recuperación para a conexión ferroviaria a Punta Langosteira, omítese nos plans de Sánchez. Agardamos que sexa un erro e que se corrixa rápido e con feitos”
Dar por caducados os convenios de 2004 non serve de nada sen mudar o PXOM, ao que xa están incorporados
A Marea Atlántica lamenta que a conexión ferroviaria á dársena exterior de Punta Langosteira non figure no Plan de recuperación, transformación e resiliencia presentado esta semana polo Goberno do Estado. A pesar das promesas do ministro de Transportes, José Luis Ábalos, o porto da Coruña está ausente por completo no documento que fixa a folla de ruta para os vindeiros anos e sinala os proxectos candidatos, como o porto de Bilbao e o de Algeciras, a fondos europeos Next Generation. “Agardamos que se trate dun erro e que se corrixa coa maior brevidade e con feitos, pero amosa, tamén, que nin A Coruña nin Galicia son prioritarias para o Goberno central. O teléfono de Inés Rey coa Moncloa segue fóra de cobertura”, sinala a nosa voceira municipal, María García.
Deste xeito, o plan fai mención ás infraestruturas a partir da súa páxina 114, e fala explicitamente de potenciar as conexións ferroviarias nos portos de Bilbao e Algeciras, pero nada relativo á Coruña, malia a non contar aínda nin con proxecto licitado e malia aos compromisos expresados por Ábalos a pasada semana en Compostela. Como lembra María García, “solicitar fondos europeos para o tren ao porto exterior foi o único compromiso claro que saíu desa visita, polo que resulta preocupante que desapareza ás primeiras de cambio. Está ben dar titulares, pero hai que procurar que se fagan realidade”.
García, tamén presidenta da Comisión Especial do Bordo Litoral no Concello da Coruña, lembrou que sendo A Coruña, xunto con Motril, o único porto do Estado sen tren no que constitúe unha auténtica anomalía, en ningún caso a obra da conexión ferroviaria pode ser a escusa “para vender terreos nos peiraos de San Diego e facer pisos con vistas ao mar. Seguimos a demandar a condonación da débeda, como se fixo en Valencia, que os terreos queden en mans públicas, e que se protexan a pesca e os usos produtivos”.
O pelotazo de 2004 xa está incorporado ao PXOM
Doutra banda, hoxe un medio de comunicación publica declaracións do goberno municipal nas que dá presuntamente por caducados e superados os convenios de 2004 sobre o futuro do porto, que fixaban 4.000 vivendas en San Diego e centros comerciais en Calvo Sotelo e Batería. Esta caducidade baséase en informes da avogacía do Estado que a oposición non coñece, e aos que pediremos acceso decontado, polo que aínda non podemos valoralos. A información en prensa parece a primeira vista pouco rigorosa. Sinálase, por exemplo, que o convenio de febreiro de 2004 non foi sometido a exposición pública, cando foi publicado no DOG do 9 de marzo dese mesmo ano 2004, con sinatura do concelleiro de Urbanismo de Francisco Vázquez, José Luis Méndez Romeu, indicando un prazo de 20 días de exposición pública.
“En todo caso, este convenio foi ratificado polo Pleno o 5 de xullo de 2004, cos votos a favor do PSOE e do PP, e posteriormente incorporouse no PXOM do 2013, cun tramite inicial durante o goberno bipartito e unha ratificación no mandato de Carlos Negreira. Os convenios do 2004 están incorporados ao planeamento do PXOM en vigor con una vixencia indefinida, polo tanto. Así que erradicar o pelotazo deseñado daquela supón mudar o Plan Xeral, un traballo no que Inés Rey podería contar co noso apoio se é para beneficiar á cidade e non á especulación”, sinala María García. A nosa voceira tamén lle lembrou ao goberno municipal que o argumento dos prazos incumpridos que están a empregar nestes caso tamén pode aplicarse para parar a construción nas Percebeiras, tal e como sinalaba a nosa emenda vetada en novembro.
María García convidou á alcaldesa a aclarar dunha vez a súa postura sobre a venda de terreos en San Diego, sobre a que mantén unha preocupante ambigüidade, e a presentar toda a documentación na Comisión do Bordo Litoral que se celebrará o vindeiro mércores. “Queremos coñecer, principalmente, o plan da Xunta para o futuro dos peiraos, que lle foi entregado á Inés Rey o venres e que non se compartiu coa oposición. Pedímoslle que abandone a súa postura de minoría absolutista e negocie co resto dos grupos a postura da Corporación Municipal fronte á Xunta e ao Estado. Hai uns consensos construídos nos últimos anos, durante o mandato de Xulio Ferreiro, que debe respectar”.