Saltar ao contido

María García: “Non é momento de intrigas palaciegas, cálculos electorais ou cambios de cromos. É o momento de atender as urxencias da xente. Van 68 días de estado de alarma e o Concello aínda non actuou” 

É urxente reducir o gasto superfluo e poñer en marcha medidas de rescate social, recuperación económica, conciliación e vivenda para conter o impacto da pandemia na Coruña

A voceira da Marea Atlántica, María García, lamentou hoxe que o goberno municipal de Inés Rey “priorice ao PP no diálogo”, tal e como recollen varios medios de comunicación, e demandou que se aprobe con urxencia un Plan de Choque Social e Económico para avanzar canto antes nas medidas de protección social, vivenda, conciliación e recuperación económica: “É o momento de atender as urxencias da xente, non de xogar ao cambio de cromos, ás intrigas palaciegas ou aos cálculos electorais. Levamos 68 días en estado de alarma e Inés Rey aínda non foi quen de adaptar o orzamento á actual situación de emerxencia. Precisamos máis ambición nas medidas”.

O executivo local amosou enorme dilixencia á hora de enterrar 12 millóns de euros en pagar as sentenzas urbanísticas herdadas de Francisco Vázquez, de licitar un contrato dun millón de euros para facer propaganda ou de anunciar as medidas de rescate social antes de haxa fondos para poñelas en marcha, pero seguimos sen plan de choque. “Hai dous meses que presentamos as nosas primeiras propostas na Xunta de Portavoces, e non deixamos de facelo desde entón. Urxe actuar”.

Medidas para protexer ás persoas ante a crise

Algunhas das propostas que pon a Marea Atlántica sobre a mesa, como resposta á situación de crise sanitaria, social e económica son as seguintes, que deben ser financiadas recortando o gasto superfluo en propaganda e asistencias técnicas, e non quitándolle os recursos á cultura, a mobilidade sostible ou os presupostos participativos:

  • Primeiro, a protección social. Máis fondos, máis persoal e máis facilidades para a Renda Social Municipal, axudas de emerxencia e todos os recursos de Servizos Sociais. Os datos amosan que o impacto da crise está a ser moi duro nos fogares con rendas baixas, que van precisar toda a axuda que o Concello poida darlles.
  • Máis conciliación. Reforzo do servizo de canguraxe e empregar os centros cívicos e instalacións deportivas centradas nos menores de idade. Nais e pais van ter que volver ao traballo coas escolas pechadas, e as institucións deben darlles unha resposta. 
  • Incentivos á contratación e ao emprego directo en pequenas e medianas empresas da cidade, priorizando ás persoas con máis dificultades para atopar traballo por razóns de idade, sexo, tempo de permanencia no paro e outros criterios.
  • Axudas para o pago das cotas de autónomos e o alugueiro de locais, e exencións de impostos nas empresas locais que máis afectadas se viran pola crise derivada da pandemia. Non se entende que concellos como Arteixo e Sada teñan esas medidas en marcha e A Coruña non.
  • Bonos para estimular o consumo na hostalaría e o comercio local, favorecendo as compras de proximidade.
  • Dereito á vivenda. Non só hai que buscarlles unha alternativa ás persoas que están no pavillón de Riazor, que non van poder ser acollidas polas entidades sociais. Tamén hai que protexer as persoas en risco de perder o seu fogar pola perda de ingresos durante o confinamento. A fin do estado e alarma suporá tamén a fin da prohibición de desafiuzamentos, e o Concello ten que estar preparado: unha bolsa de alugueiro social, e o reforzo dos convenios con Housing First ou Provivenda son urxentes.
  • Máis persoal, sobre todo en servizos sociais: que unha soa persoa quede sen axudas por falta de mans para tramitalas é dramático.
  • Potenciar o transporte público, adaptando as liñas e frecuencias de bus ás necesidades actuais e garantindo as medidas de seguridade. Non facelo suporía un maior uso do vehículo privado, aumentando a contaminación e os atascos.
  • Manter o 100% do investimento en cultura, procurar fórmulas para suplir a ausencia de grandes eventos no espazo público e implementar medidas de apoio ao tecido: residencias artísticas, bolsas de creación, eventos dixitais ou cooperación coa hostalería e o comercio, entre outros.

 

 

A Marea Atlántica lamenta que o goberno municipal priorice o diálogo co PP e urxe a aprobar canto antes un Plan de Choque Social e Económico