Saltar ao contido

Propoñemos unha declaración no Pleno contra os límites á contratación nos Concellos. É necesario persoal para tramitar rápido as axudas contra a pandemia

Votamos a favor da mellora das Escolas Infantís Municipais, que pasarán a ser gratuítas no vindeiro curso e a ter o galego como lingua principal de ensino 

A Marea Atlántica proporá mañá, na Xunta de Portavoces, que o Pleno do Concello faga unha declaración unánime instando ao Estado a romper dunha vez as cadeas da austeridade, que sempre foron inxustas pero nesta situación de pandemia son intolerables, e permitir que os concellos reforcen a contratación de persoal en áreas como os servizos sociais. A utilidade das axudas e programas de emerxencia vese moi limitada se non hai persoal para tramitalas con rapidez e o atasco burocrático impide ás veces que cheguen a toda a xente que as precisa.

O concelleiro Iago Martínez, representante da Marea Atlántica na Comisión de Facenda, participou hoxe nunha sesión extraordinaria deste organismo para continuar a deseñar un modificativo para recortar gasto superfluo e aumentar os fondos cos que facerlle fronte á pandemia do COVID-19 e ás súas consecuencias tanto sociais como económicas. Alí, Martínez volveu instar ao goberno municipal a reforzar o máximo posible o persoal e pediulle a todos os grupos políticos unir forzas fronte ás restricións que aínda pesan sobre os concellos: “Son unha herdanza da pésima xestión da crise de 2008, na que as contas de resultados se puxeron por diante das persoas, e vai sendo hora de corrixir ese erro”.

Doutra banda, hoxe celebrouse tamén unha Comisión de Facenda ordinaria, pero facultada nestes momentos excepcionais para ditaminar os asuntos que se levarán ao Pleno deste xoves 14 de maio. Alí, tratouse a reforma do regulamento das Escolas Infantís Municipais, que fará que sexan de balde a partir do vindeiro curso, reforzará a ensinanza en valores e a alimentación saudable, e converterá o galego na lingua vehicular, superando a nefasta política lingüística de Feijóo. A Marea Atlántica votou a favor deste asunto, que nace do traballo do goberno de Xulio Ferreiro e que foi impulsado grazas ao noso acordo do PSOE para o inicio do mandato.

Reservas cun modificativo que renuncia a recuperar da Solana

Debateuse tamén o modificativo de crédito destinado a pagar os desastres urbanísticos dos gobernos de Francisco Vázquez, especialmente as expropiacións irregulares de Elviña. Iago Martínez abstívose na Comisión e reservouse o sentido do voto no Pleno, pero criticou a renuncia do goberno municipal aos fondos previstos para facer da Solana unha instalación deportiva pública: “O PSOE decidiu priorizar o pago da herdanza vazquista sobre a emerxencia social e sobre a recuperación     do bordo litoral. Había outras vías para pagar as sentenzas, pero Inés Rey renunciou a elas pola súa falta de previsión e exceso de confianza”, sinalou o concelleiro.

No Concello da Coruña, máis persoal e menos austeridade