Saltar ao contido

Completará a rede de equipamentos  municipais, con lugares para practicar actividades fóra da competición en parques, baixos comerciais sen uso e abrindo os patios escolares

Porá en marcha un programa de alimentación saudable en comedores municipais e escolas infantís, con produtos de proximidade e peixe da lonxa 

O cabeza de lista da Marea Atlántica e candidato á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, apostou hoxe por facer da Coruña unha cidade máis saudable, garantindo un acceso máis equitativo ao deporte, a alimentación de calidade e aos espazos verdes en todos os barrios. Visitou o mercado de Elviña acompañado polo ex-alcalde Xulio Ferreiro e celebrou despois un acto aberto no parque de Vioño, con programación musical e actividades infantís, xunto con outros membros da súa candidatura.

“Desde o goberno local, porei en marcha medidas para que a veciñanza teña un acceso máis doado a alternativas saudables, comezando pola creación de lugares para a práctica deportiva á marxe da competición regulamentada, habilitando equipamentos nos parques, pero tamén en espazos urbanos sen uso, coma os locais comerciais que podemos recuperar co programa Mover os Baixos”, explicou Xove. Outra forma de gañar espazos deportivos será recuperando o plan de Patios Abertos, que xa puxera en marcha Xulio Ferreiro en colaboración cos centros escolares, permitindo que a veciñanza faga uso das instalacións fóra do horario lectivo.

Tamén se comprometeu a dedicar a maior parte do orzamento de Deportes ao deporte de base, deporte social e de integración, tras un mandato centrado nos grandes eventos sen retorno real na cidade, e a renovar a programación das escolas deportivas municipais con actividades para xente moza que poidan practicarse na rúa: running, calistenia, skate, ciclismo… “Cada euro investido en fomentar o deporte é saude, supón mellorar a vida da xente, e aforrar p triplo en tratamentos na sanidade pública”, sinalou Xove.

Ademais, tal e como figura no noso programa electoral, desde a Marea Atlántica poremos en marcha un plan director de instalacións deportivas para coidar as que xa existen, moi deterioradas tras anos sen mantemento axeitado, e para construír as que sexan necesarias segundo as necesidades do deporte coruñés. Procurando sempre coordinación coa área metropolitana. 

Aposta verde, aposta saudable

O candidato participou hoxe nun encontro coa veciñanza de Vioño, centrado nas medidas da Marea Atlántica, e salientou tamén o compromiso de expandir as zonas verdes e o arboredo, para que cada barrio teña un espazo de contacto coa natureza e dispoñible para camiñar, correr ou practicar actividades deportivas ao aire libre. Temos que acadar as recomendacións da OMS, de ter unha zona arborada a menos de 500 metros da casa, algo que só o 33% da veciñanza da Coruña ten agora mesmo. E iso tradúcese e en peor saúde e calidade de vida, e nun problema fronte á crise climática. xa que a vexetación tamén axuda a reducir as temperaturas e fixar CO2.

“En paralelo, tamén apostaremos por un programa de alimentación saudable, tanto nos comedores municipais coma nas escolas infantís, favorecendo os menús equilibrados, nutritivos, con produtos de proximidade e peixe da lonxa da Coruña, para facilitar o acceso a unha alimentación de calidade”, explicou o cabeza de lista da Marea Atlántica.

Xan Xove estivo acompañado en Vioño polas compañeiras da candidatura da Marea Atlántica, a enfermeira Bea González de Canales (número 2), Iván Núñez, licenciado en Educación Física, adestrador de atletismo e experto no deporte coruñés de base, e por Araceli Serantes ‘Boli’, profesora da Universidade da Coruña e doutora en Innovación e Investigación Educativa, especializada en educación ambiental e activista na protección da natureza. E coincidiron en sinalar a importancia do acceso combinado ao deporte, a alimentación saudable e a natureza para mellorar a calidade de vida e a saúde do conxunto da veciñanza. 

Mañá, debate electoral en Radio Coruña

Na xornada de mañá, Xan Xove participará no debate electoral de Radio Coruña, que se emitirá en directo desde a Domus, entre as 12h e as 14h horas. Desde a Marea Atlántica organizaremos unha sesión vermú na praza do Humor, ao carón da nosa sede, para poder escoitalo a través da radio. 

Xan Xove aposta por unha Coruña saudable, con acceso equitativo ao deporte, a alimentación de calidade e os espazos verdes