Xiao Varela: “Protexer o dereito á vivenda é clave para reconstrución social durante a crise do COVID19”
Propoñemos ampliar os convenios con entidades para dispoñer urxentemente de vivendas con alugueiro social, a posta en marcha dunha bolsa de alugueiro en EMVSA e suspender as mensualidades nas vivendas municipais
O grupo municipal da Marea Atlántica solicitou hoxe, por rexistro, a convocatoria urxente da Comisión Informativa de Urbanismo e Vivenda para que o goberno local traslade información sobre as medidas que puxo e pensa poñer en marcha para garantir o dereito á vivenda, e para que os grupos da oposición poidan trasladar as súas propostas. En palabras de Xiao Varela, o noso representante neste organismo, “é clave para a reconstrución social nos meses vindeiros e na superación da crise sanitaria, social e económica que nos deixa a pandemia de COVID19”.
No texto presentado no rexistro municipal, lembramos que no Estado Español “acumulamos décadas de políticas deficientes, de entender a vivenda coma un artigo de luxo e primar o beneficio empresarial”, un atraso que será necesario que o senfogarismo se dispare tras o confinamento. A situación é crítica, moitos fogares están a quedar sen ingresos e, sen axuda institucional, serán moias as persoas en risco de perder o seu fogar.
“Consideramos insuficientes as medidas implementadas ata o momento, na escala municipal e na escala xeral”, indica o escrito, porque se basean en moratorias e aprazamentos de pago, xerando débedas que as persoas máis vulnerables tampouco van poder asumir no futuro.
As nosas propostas para actuacións urxentes
Neste sentido, instamos ao goberno municipal a actuar para protexer o dereito á vivenda da cidadanía da Coruña, coas seguintes medidas:
- Convenios para garantir o acceso á vivenda e mobilizar alugueiros sociais de forma urxente: Reforzo do concenvio con Housing First e sinatura dun novo con Provivenda, para dar resposta rápida ante a emerxencia social.
- Posta en marcha da bolsa de alugueiro social incluída nos acordos asinados pola Marea Atlántica e o PSOE para o inicio do mandato e a aprobación dos Orzamentos 2020, que ofrece garantías tanto a inquilinas coma a propietarias.
- Condonación do pago dos alugueiros sociais nas vivendas municipais, en lugar de aprazalo cunha moratoria. O Estado abriu esta posibilidade nas súas medidas para combater as consecuencias da pandemia, e outras cidades xa o están a facer.
- Crear unha oficina telemática de atención cidadá, a través da Empresa Municipal Emvsa, para informar e asesorar á veciñanza sobre como acollerse as axudas de vivenda durante este período de emerxencia.
- Convocar o antes posible as axudas á rehabilitación de vivendas e inmobles, dotadas con 2,4 millóns de euros. É un xeito de apoiar a actividade económica e beneficiar á veciñanza nestes momentos de crise sanitaria, social e económica.
- Negociar cos grandes propietarios, primeiro para que mobilicen as vivendas que manteñen baleiras e as poñan a disposición das persoas en risco de exclusión social. O mesmo pode facerse no caso das vivendas turísticas, cuxa demanda está a caer en picado.
- Instar á Xunta a asinar un convenio co Concello da Coruña para a compra de vivenda xa construída para dedicala ao alugueiro social, aproveitando as novas posibilidades normativas abertas polo Estado.
- A medio prazo, impulsar a construción de vivenda social no Ofimático, Pontejos e Panaderas, incluída nos nosos acordos co PSOE para o inicio do mandato.