Saltar ao contido

A primeira proposta de Inés Rey foi a de mobilizar 6 millóns de euros, unha cantidade moi escasa para afrontar as consecuencias da pandemia

 Iago Martínez: “É necesario centrar os recursos municipais en tres prioridades: o rescate social, as axudas aos sectores máis damnificados e a reconstrución transformadora”

O vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martinez, participou hoxe na primeira reunión da Comisión de Facenda tras a declaración do estado de alarma, e reclamoulle ao goberno municipal un “esforzo” para “reducir o gasto superfluo ao máximo e empregar eses fondos para poñer en marcha un Plan de Choque Social, ambicioso e centrado nas persoas nesta crise. É necesario explorar todas as vías para aumentar o gasto público”. A primeira proposta de Inés Rey foi de mobilizar 6 millóns de euros, unha cantidade de todo insuficiente na situación actual.

Iago Martínez sinalou que nestes momentos de emerxencia é necesario “centrar os recursos municipais en tres prioridades: rescate social, reparación dos sectores máis afectados durante o confinamento e reconstrución económica desde unha perspectiva transformadora”. Se o goberno precisa fondos, pode reducir ao mínimo partidas como publicidade, propaganda e gastos de representación, ou desistir de asinar un convenio a través da Deputación para dedicar máis de 600.000 euros a duplicar servizos xa cubertos polo contrato de limpeza viaria.

Na xuntanza celebrada esta mañá en María Pita, comezaron as conversas para aprobar un modificativo de crédito que adapte o Orzamento Municipal ás necesidades dunha cidade afectada pola pandemia de COVID19 e as súa consecuencias sociais e económicas. A Marea Atlántica encara esta negociación con vontade de chegar a acordos e escoitar todas as propostas, pero coas prioridades claras: a situación esixe políticas ambiciosas e claramente sociais e un maior gasto público.

Que a herdanza de Francisco Vázquez non acabe co aforro 

Iago Martínez lembrou que o aforro do Concello no ano 2019, uns 14,5 millóns de euros, será devorado en boa parte polo pago de sentenzas urbanísticas que castigan desfeitas de anteriores gobernos do PSOE, algo especialmente grave na situación actual. Por iso, solicitou un informe dos servizos económicos e da Intervención municipal que estuden as opcións para non consumir todo o remanente. Suxeriu, ademais, trasladar unha consulta ao Ministerio de Facenda para esclarecer as posibilidades.

Na Comisión de Facenda, o noso vicevoceiro tamén solicitou información detallada sobre o estado económico do Concello, fundamental para coñecer ata onde pode chegar o Plan de Choque Social. En concreto, reclamou que se lle entregue aos grupos da oposición a liquidación do exercicio 2019, o estado actual de execución do orzamento e o estado de tramitación dos convenios nominativos e as subvencións.

Todos os grupos da Corporación acordaron que esta comisión se reunirá dúas veces por semana, sendo o mércores a vindeira cita. Tamén coincidiron en sinalar a necesidade de que esta negociación sexa rápida, para que o modificativo poida entrar en vigor canto antes. Porén, o goberno de Inés Rey non pode fiar a esta vía todas as súas medidas, e reclamámoslle que, como fixeron outros concellos da área metropolitana, poña xa en marcha axudas para os sectores máis vulnerables.

 

O Concello ten que reducir o gasto superfluo e destinalo a protexer á veciñanza