Saltar ao contido

Contra o previsto no proxecto orixinal, o paso de vehículos impacta na zona verde, o estanque e o Forte de Valparaíso, catalogado como Ben de Interese Cultural

As obras do Proxecto de Mellora de accesos ao Novo CHUAC que se están executando neste momento veñen a aumentar a afectación sobre o parque de Eirís, o estanque dos patos e a zona do Forte Valparaíso.

Segundo o proxecto orixinal,  cuxo promotor é o SERGAS e ten como  organismo tramitador á Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), a saída “provisional” de vehículos comenzaría no aparcadoiro de Lamadosa, discorrería en paralelo á rúa Julio Montero e baixaría en dirección á estrada AC-10 (no tramo da Estrada de Acceso ao Porto) á altura da glorieta de Casablanca que cruza coa AC-12 (na Avenida da Pasaxe). En lugar de cumprirse estas previsións, o que está a ocorrer actualmente é que optaron por abrir un camiño desde a altura do aparcadoiro, cruzando directamente polo parque de Eirís cara á Estrada de Acceso ao Porto.

Esta actuación ten varias consecuencias. Para empezar, aumenta a zona de espazo público ocupado nese lugar, que pasa a ser de aproximadamente 5.000m2, o que supón máis do triple dos 1.500m2 estimados no plan orixinal.

Por outra banda, o camiño pasa a poucos metros do estanque do parque de Eirís, provocando un forte impacto nas aves e o resto da súa biodiversidade así como na veciñanza usuaria do parque. Non se incorporou ao Proxecto o estudo de impacto do desmonte a carón do estanque nin a análise do estudo do nivel freático desta zona para comprobar os efectos negativos nestas augas, nin se publicitan as medidas correctoras apropiadas, que son necesarias.

Ademais, o camiño invade a área de protección do Forte Valparaíso (ou Castelo de Eirís), declarado Ben de Interese Cultural, o que obrigaría á supervisión das obras por parte dun arqueólogo. Porén, o perímetro de protección recollido polo PXOM é inferior ao autonómico, rebaixando así a protección do noso patrimonio.

Para rematar, este camiño provisional desembocará na Estrada de Acceso ao Porto a tan só 100m da saída do túnel de Eirís, circunstancia que se verá agravada cando derruben o actual viaduto de entrada ao CHUAC, pois todas as estradas ao redor deberán absorber un notable aumento de vehículos.

Este Proxecto foi estudado no seu momento polo Ministerio de Transportes, que dictaminou que segundo a Lei en vigor (Lei 37/2015 de 29 de setembro) non se podía informar favorablemente esa conexión ao non acreditarse coas medidas propostas polo Proxecto que se podía manter un nivel de servizo e seguridade viaria nas vías afectadas AC-10 e AC-12. Así que suxeríu cambiar a titularidade dun tramo da AC-12 de estatal a autonómica dado que a súa normativa é máis flexible. E así se fixo. O Concello da Coruña, que subvenciona as obras en grande parte, púxose de lado.

Para agravar esta situación, cando se derrube o viaduto está pensado quitar o sinal de stop da glorieta de Casablanca en dirección Coruña, pero non especifican onde se reubicará. Se os vehículos que saen do túnel de Eirís pasan sen retención, a conxestión dun punto trasladarase a outro.

Problemas o acceso ao transporte público

Dentro do derrubo do viaduto existe a posibilidade de que se retire a ponte peonil que cruza a avenida, a que vai do CHUAC e o Hospital San Rafael ao tanatorio. Isto suporá un inconveniente para a xente que utiliza o bus, urbano ou interurbano, e utiliza a parada de Servisa. A falta da ponte obrigará a dar a volta pola glorieta de Casablanca, área de fortes pendentes, e animará a moita xente a utilizar o coche nunha zona que, como xa se explicou, sufrirá un aumento de tráfico coa perda temporal do viaduto de acceso ao CHUAC.

Actualmente as obras nos aparcadoiros do persoal do hospital provocaron unha notable redución de prazas, intensificando a conxestión do tráfico, especialmente polas mañás e nos cambios de turno, sen que tampouco a Compañía de Tranvías faga nada por adaptarse. Moita xente optou por usar o transporte público en lugar do coche, pero o aumento de afluencia non implocou un aumento dos vehículos, enlentecendo as viaxes e abarrotando os buses urbanos.

As alegacións que fixo no seu momento a Marea Atlántica conseguiron ter incidencia en canto a actuacións como a modificación da actuación sobre o Pazo de Guyatt, evitando o derrubo do muro e a invasión de parte deste pazo de interese público. Máis semella que o Concello, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Transportes confórmanse con facer as cousas pola mínima, sen sensibilidade polas persoas nin polo patrimonio.

 

A Marea Atlántica denuncia que a estrada provisional de acceso ao CHUAC causa serias afectacións no parque de Eirís