Saltar ao contido

Silvia Cameán:  “Permitir que as crianzas saían á rúa, baixo supervisión, é unha boa nova. Pero tamén é preciso intensificar as políticas para protexer aos nenos e nenas máis vulnerables”

Reclamamos, ademais, que se amplíe o servizo de canguraxe e aumenten os fondos para as bolsas comedor 

O grupo municipal da Marea Atlántica solicita o reforzo dos servizos municipais destinados á protexer á infancia, dobremente importantes durante o confinamento e a crise derivada da pandemia de COVID19. O servizo de canguraxe, as bolsas comedor e outras axudas teñen que reforzarse, e o Concello debería crear un fondo para dotar de ordenadores e internet aos fogares que non poden pagalo, permitindo o seguimento das actividades educativas a distancia e reducindo a fenda dixital.

A concelleira Silvia Cameán sinala que “en momentos de crise, como a actual, débense adoptar medidas específicas para protexer á infancia, non abonda con agardar que se beneficien das medidas xerais: esa foi a resposta á Gran Recesión de 2008, e o resultado foi que os menores de idade chegaron a ser o grupo de poboación máis pobre do Estado español”. Por iso é necesario que a infancia gane peso na axenda política e que se poñan en marcha políticas específicas de infancia, sobre todo para os nenos e nenas máis vulnerables.

“Celebramos que, como pedimos xa o 15 de abril, a partir desde domingo volva ser posible que os nenos e nenas saian á rúa de xeito controlado e sen poñer en . Pero esta medida positiva non pode facernos esquecer que, cos centros escolares e outras actividades pechadas, as familias precisan apoio institucional extra”, asegurou a concelleira Silvia Cameán.

Non chega con agardar pola Xunta

Deste xeito, Cameán sinalou que o anunciado programa municipal de reforzo educativo durante o confinamento limítase a levar material educativo impreso aos fogares, “unha actuación que valoramos positivamente, pero insuficiente en moitos casos, pois non axuda a romper a fenda dixital nin a evitar o incremento das desigualdades”. Inés Rey anunciou que ía pedir o apoio da Xunta para compra de ordenadores, pero non é suficiente con agardar a que Feijóo deixe de facer campaña e se poña a traballar. O Concello podería comezar xa a recoller ordenadores e tablets prestados ou doados pola cidadanía para as familias sen recursos e os centros de protección. Coas medidas oportunas de hixiene, desinfección e seguridade, resolvería o problema de moitos fogares a custe cero. Se o goberno autonómico non se move, o Concello ten que dar un paso adiante. A veciñanza non pode agardar.

Cameán tamén reclama unha liña especial de axudas para que as familias con menos recursos poidan instalar internet na casa e, se e preciso, dotalas dun equipo informático para que os seus fillos e fillas participen nas actividades educativas a distancia. Sería un paso para impedir que o confinamento agrave a desigualdade.

Outras medidas a poñer en marcha son a entrega de alimentos e produtos de primeira necesidade (como medicamentos ou material de hixiene básica) cando as familias non teñan recursos para pagalos, ou artellar alternativas como tarxetas moedeiro. Tamén é preciso garantir que a información sobre o acceso a axudas, prestacións e dereitos laborais chega aos fogares onde residen nenos e nenas en risco de exclusión.

Reforzo dos servizos á infancia

Doutra banda, solicitamos o reforzo do servizo municipal de canguraxe, cunha maior bolsa de horas. Mentres os centros educativos e outras actividades destinadas á infancia, son moitas as nais e pais que teñen que seguir a traballar desde a casa ou presencialmente. “Unha maior dispoñibilidade da canguraxe municipal facilitaría a conciliación, tendo en conta que o confinamento impide recorrer ao apoio familiar habitual”, explica Silvia Cameán.

Desde o grupo da Marea Atlántica tamén pedimos o incremento dos fondos para as bolsas comedor, pois garanten unha alimentación saudable aos menores de idade das familias sen recurso. Quen a tiña concedida continúa a gozar dela grazas ao reparto a domicilio co sistema habilitado no mandato anterior, pero hai moitos fogares que puideron quedar fora da convocatoria e precisala agora, debido á perda de ingresos durante a pandemia.

Finalmente, e a medio prazo, instamos ao goberno municipal a manter os compromisos asinados ao inicio do mandato e ampliar as prazas nas escolas infantís municipais, que serán de balde o vindeiro curso grazas a estes acordos . Tanto mediante a construción de dous novos centros como a través da negociación coa Xunta de Galicia.

A Marea Atlántica solicita extender os programas municipais para a protección da infancia