Saltar ao contido

A Coordinadora da Marea manifesta a súa preocupación sobre a falta de medidas para paliar as desigualdades entre o alumnado, que a corentena está a acentuar

A Coordinadora esixe, ademais, que se tomen medidas para permitir a saída á rúa dos nenos e nenas, que levan máis dun mes confinados nos seus fogares

A Coordinadora da Marea Atlántica amosa a súa preocupación pola situación que a crise do COVID-19 está a provocar nos diferentes niveis educativos e urxe ás administracións competentes a adoptar as medidas necesarias para poder asegurar que o ensino público manteña o seu papel formativo e de cohesión social durante a difícil situación actual.

Desde a Marea Atlántica, facemos un chamamento a tomar canto antes medidas para dar por finalizado o curso actual nas etapas obrigatorias e comezar a preparar o seguinte, no que deberán recuperarse os contidos formativos que non sexa posible impartir no último trimestre deste período lectivo.

A situación actual, cunha actividade fomativa a distancia, é ineficiente e supón negarse a recoñecer unha realidade clara: nin o estudantado, nin o profesorado, nin as familias están preparadas para o ensino telemático. Ademais, acrecenta as desigualdades sociais, pois non todos os fogares dispoñen de conexión a internet e ordenadores para que o alumnado poida seguir a xornada académica na casa. Estes problemas de equidade imperan tamén no ensino non obrigatorio.

Por estes motivos, a Marea Atlántica súmase ás reivindicacións do estudantado das tres universidades galegas, que convocan unha folga a partir do día 16 de abril demandando dar por finalizado o curso vixente.

Ademais, desde a Marea Atlántica reclamamos ás administracións competentes que dean unha solución consensuada e de urxencia á situación do estudantado, tanto nos niveis obrigatorios coma nos non obrigatorios, nas que primen dous criterios: a equidade nas oportunidades e acesos e o menor perxuízo posible nos accesos dende o ensino á universidade e ao mundo laboral.

Menores e confinamento

A Coordinadora da Marea Atlántica tamén amosa a súa preocupación polos efectos que o confinamento prolongado é susceptible de producir nos nenos e nenas. Unha situación como a actual require de medidas especiais dirixidas a menores para evitar no posíble consecuencias negativas na súa evolución psicosocial e física. Tampouco aquí a situación é igual para todas as familias, xa que o confinamento, como dixemos, acentúa a desigualdade.

As persoas expertas están a solicitar medidas que permitan ás crianzas saír de casa, durante un tempo limitado e controlado, mantendo a distancia social e evitando riscos para o conxunto da poboación. Sumámonos a esa petición, e solicitamos ao Goberno do Estado que adopte as solucións pertinentes: irán en beneficio dos nenos e nenas e da convivencia familiar.

A Marea Atlántica fai un chamamento a dar por rematado o curso académico por mor da crise do COVID-19