Saltar ao contido

Pedímoslle ao goberno municipal que actúe para fomentar o emprego e, en paralelo, poña en marcha un plan de apoio a autónomos, pemes e micropemes para mitigar o impacto da crise

A voceira da Marea Atlántica, María García, trasladoulle ao goberno municipal a proposta de poñer en marcha un Plan de Emprego de Choque desde o Concello da Coruña, destinado a protexer aos sectores económicos máis afectados pola crise sanitaria, social e económica causada pola pandemia do COVID19. Esta iniciativa debe compaxinarse cun plan de apoio a traballadoras e traballadores en réxime de autónomos, pemes e micropemes que mitigue o impacto da crise aló onde sexa preciso.

Deste xeito, “propoñemos un que o Plan de Emprego de Choque se encamiñe á inserción laboral en pemes de persoas desempregadas,  priorizando a aquelas con máis dificultades para atopar traballo por razóns de idade, sexo, tempo de permanencia no paro e outros criterios”, explicou María García. Para evitar atascos, debe contar cun servizo administrativo con persoal novo e dedicado ao 100% a esta tarefa, rachando coa austeridade.

En paralelo, cómpre desenvolver medidas para facilitar o regreso á actividade profesional de pemes, micropemes e autónomos e fomentar a creación de novas empresas, reactivando o consumo local. Por exemplo, con axudas ao alugueiro de locais para situacións de emerxencia e coa creación, a medio prazo, dunha bolsa de locais en alugueiro na Coruña. Tamén debería crearse unha liña de subvencións para financiar a compra de consumibles de informática, material de oficina, gastos de comunicación, luz, auga, sistemas de aforro enerxético etc, priorizando as compras que se fagan en empresas locais.

Outras medidas que demandamos para apoiar a autónomos e pequenas empresas son un plan de investimentos de baixo custo, que permita licitar con rapidez actuacións por baixo dos 40.000 euros. Debería reforzarse cun axuste no plan de contratación para favorecer que as pequenas empresas locais teñan máis facilidades para acceder á licitación pública. 

Bonos de comercio local e apoio aos mercados

Para darlle o máximo apoio aos negocios coruñeses, María García propuxo tamén un modelo de bonos prepago no comercio local, como os que xa se empregan Donosti, Soria e outras cidades. Por exemplo, poden ofrecerse bonos de 50 euros que permitan gastar 75 nun negocio cando volva abrir as súas portas, sendo o resto subvencionado polo Concello.

Na mesma liña, como motor de emprego e consumo local, o goberno municipal debería redobrar o seu apoio aos mercados municipais, fomentando a ocupación dos postos baleiros, implantando un servizo de reparto a domicilio (priorizando a bicicleta, como funciona agora en San Agustín) e, por suposto impulsando as obras de mellora que xa están deseñadas en Monte Alto e Durmideiras.

Reactivación económica con principios

En xeral, as medidas de reactivación económica deberían guiarse por uns principios claros, para asegurar que cheguen alí onde son precisos. Deben ser integrais, tendo en conta o impacto da pandemia e as potencialidades da Coruña, e deben ser xustas, equitativas e redistributivas, priorizando aos colectivos máis vulnerables.

Precisan unha óptica local, explorando ferramentas como os bonos locais que se están a probar con éxito noutras cidades, e transformadora, destinando o gasto público á produción local e circuítos de proximidade, a eficiencia enerxética, o aforro de auga, a mobilidade sostible, a descarbonización da economía…

Estas medidas tamén deben ser feministas, tendo presente a maior vulnerabilidade das mulleres e a desigualdade de base que hai que combater, e deben ser cooperativas, tendo en conta as demandas dos axentes locais e a coordinación con outras administracións. Finalmente, a eficacia debe ser un valor transversal en todas as iniciativas, é dicir, deben tramitarse de forma clara, sinxela e centralizada nunha xanela única.

A Coruña precisa un Plan de Emprego de Choque para os sectores máis afectados pola pandemia