Saltar ao contido

A Marea Atlántica e o PSdeG-PSOE chegaron a un acordo para un novo regulamento que impulsa melloras no funcionamento das escolas infantís

A Xunta de Goberno Local aprobará mañá o proxecto de novo regulamento, que posteriormente se tramitará en comisión e Pleno

A reforma do Regulamento das Escolas Infantís municipais permitirá o próximo curso implantar a gratuidade da educación de 0 a 3 anos, que actualmente afecta case novecentos nenos e nenas da cidade. Os grupos políticos do PSdeG-PSOE e da Marea Atlántica acordaron darlle continuidade ao acordo inicial, neste caso dando un paso moi relevante coa conformación dun proxecto de Regulamento das Escolas Infantís que aprobará mañá a Xunta de Goberno Local.

Segundo a alcaldesa, Inés Rey, este acordo permitirá que preto dos 830 nenos que asisten a algún dos nove centros que conforman a rede de escolas infantís municipais (EIM) –Agra do Orzán, Arela, A Caracola, Carmen Cervigón, Carricanta, Os Cativos, Luis Seoane, Monte Alto e Os Rosales– o fagan de xeito gratuíto. “É un compromiso deste goberno acadar a gratuidade das escolas infantís e tamén froito dun pacto de goberno coa Marea Atlántica. O Goberno local atende a unha das súas máximas de xestión, a aposta polos servizos públicos e a mellora do benestar social da cidade, sempre co entendemento entre as/os representantes públicas/os como directriz esencial de facer cidade”, engadiu a alcaldesa, que avoga por unha educación infantil de calidade e que sirva tamén para favorecer a conciliación familiar.

Pola súa banda, a voceira da Marea Atlántica, María García, lembra que “esta proposta supón recoñecer o ensino de 0 a 3 anos como parte integral da educación pública, e cun acceso máis progresivo para as familias con menos recursos. Xa non falaremos nunca máis de ‘garderías, de meros espazos de conciliación, senón de escolas infantís municipais, centros de aprendizaxe en igualdade. Foi unha iniciativa que comezamos a deseñar no mandato anterior, e que agora se fará realidade”.

O Orzamento de 2020, xa en vigor, contempla unha partida de 479.000 euros para facer viable a gratuidade das escolas infantís municipais no curso 2020-2021. E inclúe o financiamento do 100% das prazas con fondos municipais para aquelas familias empadroadas no termo municipal da Coruña. Os dous grupos políticos acordaron tamén as bases que desenvolverán o citado regulamento, no que os criterios de renda e a conciliación laboral e familiar serán criterios relevantes para o acceso ás escolas infantís municipais. O documento substituirá, polo tanto, despois da súa tramitación en comisión e pleno, á normativa vixente desde o ano 2014.

Educación en galego, sustentable e en igualdade

No novo regulamento incorpóranse obxectivos como o fomento da igualdade, o uso do galego como lingua vehicular, a sustentabilidade ambiental ou a alimentación saudable e primando o produto de proximidade.

Tamén se creará un Consello de Participación como órgano participativo do conxunto da comunidade educativa, que facilitará así que as familias poidan ter unha maior participación e implicación nos proxectos das escolas infantís.

O novo regulamento contempla o carácter plurilingüe das escolas municipais e reforza o coñecemento das linguas, incluído o achegamento ao inglés.

As escolas infantís municipais da Coruña serán de balde o próximo curso